Cando o mundo é azul de Óscar Reboiras acadou o VII PREMIO DE LITERATURA INFANTIL CARLOS MOSTEIRO 2024. Aparece publicado por Galaxia e ilustrado por Carolina Nickelle Lois.
Unha obra moi interesante polo que se nos conta e como se fai.
Unha historia de semellanza sinxela ata o punto de traballar co mínimo de recursos, de limitala na mesma forma na que o neno protagonista só utiliza a cor azul. O núcleo familiar é monoparental e non se fala de máis familia agás ese avó que aparece cando el ten oito anos. Só lle coñecemos a un amigo e non se citan compañeiros ou amigos da nai nin do avó tampouco. O pai é un silencio, algo do que non se fala porque semella non ser necesario.
Un relato con varias lecturas, no que non é evidente a historia, que en ningún momento se nos explica, simplemente déixase que avance a narración con novos sucesos que achegan información ao paso.
Recolle a diversidade, nas características de Nuno (con síndrome do espectro autista), no amigo que vai en cadeira de rodas ou no tipo de familia. O neno ten tan asimilada a súa situación que lle di ao avó: “Non es raro. Es especial, coma min.”
Hai unha poesía interna, nas conversas, na maneira de entender a realidade, nese azul co que pinta todos os debuxos (o azul do ceo e do mar), no misterio dese astrolabio, nas ensinanzas do avó (como só se ven as luces do ceo cando non as hai na terra)
Porque Nuno é un neno especial que non aguanta os ruídos nin o barullo de xente nin que o toquen. Vive coa nai. Un día chega o avó, mariñeiro que vai botar unha man coidándoo. Lévao á escola asubiando (a Nuno seméllalle que vai chamando a atención), chéiralle... pero acostúmase a el ata o punto de ofrecerlle que compartan cama porque o sofá élle moi incómodo. Resulta dicertida a maneira na que explican cada un deles o problema que lle crea o outro á hora de dumir pero como non dersisten de facelo xuntos. "Os avós traen agasallos", dille o amigo a Nuno, e cando lle pregunta ao avó, este dálle un astrolabio que converte nun tesouro que pode transformar en mil cousas e a historia segue. Un final inesperado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario