Seis leiras e un piano de Claudia Castro está ilustrado por Laura Tova e publicado na colección Merlín de Xerais.
Da presentación: "Poemas cheos de sentimento, ritmo e luz, para seren lidos en voz alta e tamén para reflexionar sobre o fondo que gardan". "Os poemas deste libro están ateigados de ritmo e de luz. De xogo, de música, de natureza e de aldea. De sentimento e reivindicación do noso. Como apunta o poeta Antonio García Teijeiro no epílogo do libro, «Son poemas para seren lidos en voz alta. Para cantalos e acompañalos con xestos e palmas. Pero tamén para reflexionar sobre o fondo que moitos gardan e comentalos posteriormente en animadas paroladas. É boa poesía. E diso se trata»."
Poemas con rima e xogo. Cada un deles leva uha palabra en negriña que vai servir de comezo ao poema seguinte. Ao final, co título Análgama aparece un poema que as recolle todas a modo de imaxes ("Análgama de sentimentos / e pensamentos de mar. MAR, Á FIN, O MAR). Coma o título o sentido dos poemas. Ilustracións de nova figuración, cheas de simbolismo, situadas ao redor do feminino. Unha conversa de ela, escritora, a ti, lectora. Poemas que poden facer pensar, descifrar, adiviñar; poemas que permiten xogar e, como di o poeta que escribe o epílogo, recitar, ler en voz alta para poñerlle altavoz.
