Amosando publicacións coa etiqueta Libros de Coñecemento. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Libros de Coñecemento. Amosar todas as publicacións

domingo, 23 de novembro de 2025

Libro de información: Unha cidade en Marte

 


Da presentación editorial: "Os humanos somos animais curiosos. O desexo de coñecer e a procura de recursos novos empurrounos a escalar montañas, conquistar os polos ou cruzar inmensos mares. Esta procura incansable levounos ao espazo. Facemos foguetes que nos propulsan á órbita terrestre e nos permiten deixar a nosa pegada na Lúa. Máis alá, agárdanos a última fronteira: Marte. O Planeta Vermello, un espello onde mirarnos. O destino inevitable se queremos converternos nunha especie multiplanetaria. Será un proceso longo, que comezará con pequenas bases científicas ocultas entre cráteres e acabará con enormes cidades autosostibles. Como será a viaxe da Terra a Marte? Que atoparemos ao aterrar? De onde sacaremos o osíxeno e a comida? Neste libro atoparedes resposta a moitas preguntas sobre como será o día a día nunha cidade marciana"

Da autoría do profesor de Astrofísica: Guillen Anglada-Escudé, polo físico, farmacéutico e divulgador científico: Sheddad Kaid-Salah Ferron e polo físico, enxeñeiro aeronáutico especializado en propulsión espacial: Miquel Sureda Anfres; traducido pola multipremiada María Alonso Seisdedos e publicado por Embora.

Esta editorial conta cun par de libros máis relacionados co espazo: Cantos cosmos de Estíbaliz Espinosa, con poemas e astronomía para case bebés, tal como aparece no subtítulo. Debemos lembrar que esta autora leva a cabo iniciativas persoais de poesía, arte e ciencia en galego como O entrelazamento, A ciencia do poema, Curiosas na Lúa ou Novembro Estelar.  As imaxes son de Clara Cerviño, ilustradora científica e da natureza, bióloga e deseñadora editorial. Así di a presentación: "Poesía e conceptos científicos para bebés. Un experimento poético sobre o cosmos extraordinariamente ben construído"

E tampouco estaría mal, volver ao libro A marfallada toda da xornalista científica Floor Bal; un libro multipremiado e con versións en inglés, danés, noruego e chinés, cando menos. As ilustracións son de Sebastiaan van Doninck. Un libro divulgativo ilustrado, que nos conta "a fascinante historia de como chegamos desde o principio do universo á vida actual. Dende a teoría do Big Bang, asistimos a como se formou o noso sistema solar, como a vida na Terra comezou nos océanos e se trasladou á terra…"


Libros que alimentan a curiosidade da infancia, libros de coñecemento, libros informativos, libros de divulgación científica, libros de non ficción. Tres libros ao redor do universo, do espazo, dese infinito ante o que nos sentimos microscópicos a pesar da soberbia da humanidade. A primeira vez que nos deitamos no chan para mirar o ceo nunha noite afastada da contaminación lumínica das cidades e vilas; a primeira vez que entramos nun planetario e vemos o que hai máis alá de nós... a humildade que nos enche o peito e o temor máis grande que pòdíamos sentir. A admiración máis absoluta ante iso do que formamos parte e que nunca acabamos de entender... Por iso é tan necesario que observemos e leamos, que nos empapemos de astronomía en todas as súas formas, que sexamos conscientes da beleza e do inconmensurable, do tempo longo do universo. 

martes, 10 de maio de 2022

De corpos e mulleres

Un par de libros que tratan de mulleres e os seus corpos.

Un deles de María Reimóndez, Bárbaras! Unha achega desenfadada á menstruación para adolescentes divers*s ( e non só) publicado por Xerais

O outroHshoume. Corpo e sexualidade en Marrocos, de Zainab Fasiki. Está traducido por e e publicado polo selo Sushi de Rinoceronte. Preséntase así: "No meu país, en Marrocos, é hshouma discutir sobre certos temas, principalmente sobre a sexualidade e o corpo, e aínda máis querer vivilos. Estas prohibicións, afirmadas polo islam e reforzadas polas leis, xeraron moitos males na miña sociedade, como a frustración e a violencia. Por desgraza, e aínda hoxe, moitos marroquís seguen convencidos de que a prohibición permite manter a paz social… Mais, onde está esta paz? Para comprender o que vivimos, propóñovos que observemos xuntos o reinado de hshouma, na súa dimensión educativa, relixiosa e política. Para romper estes tabús, dou fe aquí da miña vida como moza marroquí. Unha obra na que se xoga coa ilusración e o texto, co deseño e a arte, porque a creadora é enxeñeira do Estado, pero tamén creadora de bandas deseñadas, artista contemporánea, creadora do colectivo Women Power e, con este proxecto, tenta rachar os tabús ao redor do corpo nú e das muleres no seu país polo que foi premiada  nas Xornadas Internacionais de defensa dos dereitos humanos por Amnistía Internacional en 2018.

domingo, 26 de setembro de 2021

Crías de animais. Quen son?

 


Kalandraka acaba de publicar un par de títulos dunha nova colección de libros informativos. Trátase de Quen son? Crías de animais. Europa e Quen son? Crías de animais. África do Tándem Seceda nos textos e Ester García nas ilustracións.Por Europa o lobeto, o cisne branco, a cabuxa, o osiño, a marmota, a aguia real e a lontra. Po África o león, a xirafa, o gorila, o elefante, o hiopótamo, a avestruz e a cebra. Cada un dos animais comeza presentándose a modo de adiviña, para continuar achegando máis datos da súa especie e cunha curiosidade final a modo de pregunta e resposta. 

Así imos descubrindo cantidade de cosas de moito interese como que nun ovo dre avestruz caben 24 ovos de galiña, que as cebras teñen raias para confundir aos depredadores ou a diferenza entre o cisne macho e o cisne femia. Cada un dos libros remata cun texto no que se fala do continente e da necesidade de protexer a os animais en perigo de extinción en África ou os espazos naturais en Europa con ríos limpos e libres de contaminación. Polo tanto, libros de coñecemento que se centran nas crías dos animais con esa tenrura que sempre transmiten (e que tan ben representa a ilustradora) e con ese valor engadido da ecoloxía. 

Da presentación editorial: "As ilustracións están realizadas con grafito e suavemente coloreadas, as imaxes son realistas e de gran detallismo, fieis aos canons da ilustración científica, e destacan pola expresividade e pola tenrura dos protagonistas." 

Moi recomendables. Moito!