mércores, 28 de decembro de 2016

Banda deseñada. Novo libro de Kiko da Silva


Nesta obra, Kiko vai facendo un percorrido pola historia do cómic en base a un personaxe, comiqueiro que xa na setentena se enfronta á crise de que non puido publicar nunca na súa vida porque cando pretendía facelo... atopábase con que o que presentaba xa outro o fíxera antes: vai pasado pola plana dedicada a Miguelanxo, a Castelao, Bruguera no paso por Barcelona con Mortaleloe Filetón – Rúa dos Parados no 13 –Rom petoxos, París con Asterix, Lucky Strike, Arxentina con Mafalada – Cauvin e Hoppes... para rematar na Coruña cando se presenta ao premio de Deputación e ha de enfrontarse coa mesma obra o MP e KdS

As mesmas pastas son unha referencia ao Paco Roca de Engurras (onde se inclúe el e o prota – Manuel Pardo-, no mesmo tren). 
Unha homenaxe múltiple ao mundo do cómic e aos seus autores, introducindo tamén nas viñetas ao xurado do Castelao. A historia dun perdedor, do eterno perdedor, e cóntanola un emprendedor auténtico que ademais de facer aquilo de sempre: participar en proxectos individuais e comúns como Golfiño, crea BDBanda, Retranca, O Garaxe Hermético... e máis que lle veremos!

martes, 27 de decembro de 2016

Banda deseñada. Novo libro de Minguelanxo Prado



Presas fáciles de Miguelanxo Prado. El Patito Editorial 
O problema das persoas maiores arredor das preferentes, as hipotecas e demais rollos derivados do asunto bancario. 
Comeza cando unha parella de vellos aparecen mortos cunha carta para o xuíz; un tempo despois comezan a aparecer asesinados unha serie de cargos da banca... o persoal da comisaría investiga e descobre a relación que hai entre eles, a causa das mortes (envenenamento por cianuro) e indagando... dan cos responsables que resultan ser un grupo de maiores que se atopan nun centro de día; cando os descobren eles mesmos se culpabilizan (incluso de máis) pero a comisaria dubida de si un xurado popular os condenaría cando na rúa a xente está reclamando xustiza contra os bancos. A relación entre a comisaria e un dos axentes investidores, tamén resulta interesante...
Moi boa obra e moi bo tema; o título convincente! 
Un autor que pon a arte ao servizo da xustiza.

xoves, 1 de decembro de 2016

Premio ás bibliotecas públicas galegas

                                                         Imaxe da Biblioteca Municipal de Stuttgart... en branco de neve 
O premio María Moliner que se acaba de conceder ás bibliotecas públicas de concellos de menos de 50.000 habitantes, recaeu nas de Ares, Bergondo, Carballo, Culleredo, Miño, Oleiros, Ortigueira, Rianxo e Sada na Coruña; O Saviñao, Sober e Xermade en Lugo; Pereiro de Aguiar e Verín en Ourense, e O Grove, A Guarda, Moaña, Mos, O Porriño, Redondela, Soutomaior e Vilagarcía de Arousa en Pontevedra. 
Parabéns a todas elas e ánimo para continuar nesta labor de crear lectores e lectoras.

mércores, 30 de novembro de 2016

Premios de tliteratura dramática. AGADIC



Imaxes de Ignacio Vilariño e Carlos Labraña (este xunto a Neira Vilas e Xosé Luna)
O IX Premio Manuel María de literatura dramática infantil, recaeu en Carlos Labraña, por O valo, e o XIII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (modalidade infantil) en Ignacio Vilariño, por Os golfiños e o xigante


luns, 28 de novembro de 2016

Premio Lazarillo



Jules Verne e a vida das mulleres planta de Ledicia Costas, publicada na colección Fóra de xogo de Xerais foi Premio Lazarillo de Literatura Infantil e Xuvenil 2015. 
Trátase dun libro de moi boa factura, ilustrado por Andrés Meixide, e xoga con eses feitos próximos á maxia como son as viaxes de Jules Verne a Vigo, ese marabilloso real que nos lembra a figura do capitán Nemo próxima á illa de San Simón. Pero tamén trata da reivindicación da cidade de Vigo. 
Un narrador/a que se descoñece (e pasa desapercibida) ata que ao final se presenta, resultando ser unha descendente (bisneta da protagonista). 
Trátase dunha saga de mulleres que convive cunha nephea (que ven sendo como a súa alma, que vive nunha planta que lle achega o olor propio á muller, é a mesma do nome que leva e nace no mesmo instante que elas) e coa que comparte todo. Unhas mulleres que acaban converténdose en árbore e han de ser soterradas nunha fraga secreta (no interior dunha das illas Cies –aquela que non pode ser visitada- no caso de Europa, porque hai unha saga en cada continente e unha fraga onde ir a enterrarse, un gardián que cando se casa cunha destas mulleres nace a gardiá da fraga...
Aquí tráese a historia de Jules Verne e as súas viaxes a Vigo na busca das mulleres planta, como dá con elas nunha botica onde Philipot coida da súa muller e da neta, xustamente no momento no que a avoa comeza o seu proceso de transformación e cómo será un emprendedor do cidade, Antonio Sanjurjo (o primeiro inventor do submarino) quen as axudará levándoa a esa fraga, como Pierre, o grumete de Jules Verne acabará casándose con Violeta. A historia triste deste neno abandonado ao que Jules Verne adopta dalgunha maneira, a da familia de Violeta con avó e Melisa en ausencia de Azucena (a nai que garda a fraga), o malo que é Gastón (o sobriño de Verne que fai de todo ata acabar disparándolle) e como Pierre unha e outra vez obedece aVerne ata o punto de destruír tamén ese submarino para que non poida volver á fraga e á illa; como todo desaparece (un incendio na fábrica “A Industriosa” acaba coas cartas de Jules Verne ao inventor) para manter o secreto destas mulleres. 
Os libros de Verne pairando polas follas; unha verdadeira constelación literaria...   

xoves, 24 de novembro de 2016

Premio Barco de Vapor



O detective de Nullarbor de Antonio Yáñez Casal, con ilustracións de Dani Padrón, acadou o Premio Barco de Vapor e foi publicado por  SM Xerme. 
En primeira persoa, un canguro conta unha investigación, pois si, el é investigador privado e a embaixada de Australia contáctao para facerlle un encargo: os nenos deixaron de durmir, porque os contos van cambiando sen manter as historias, debe indagar a razón e pórlle remedio. Ao final descobre que son as personaxes dos contos os que se rebelan e deciden non aburrirse facendo sempre o mesmo... aínda que as historias que van inventando son tolerías sen ningún valor, que cambian continuamente. Para a investigación, o detective acompañado da súa axudante (unha carracha que se acomoda detrás dunha das súas orellas) conta coa axuda dos bibliotecarios. Vanse movendo polo país, seguindo a peste que se vai estendendo a unha velocidade determinada e eles móvense para diante e para atrás, ata conseguir que unha escritora lles escriba un conto no que o canguro sexa o protagonista e así se poderá saber o que sucede cando cambia o relato. E así acontece: situado nunha aldea do oeste, no tempo dos vaqueiros, convertido o investigador en sherif; unha caixa na que mete un inmenso imán será a solución no enfrontamento cunha banda de delincuentes. Pero o importante é descubrir a razón dos cambios, ese aburrimento... do que terán que dar conta á rapazada e convencelos de que non deben coller carraxe porque cambien os contos, pois fano os personaxes para divertirse. 
O conto vai como un río, ben contado, cunha historia interesante; as ilustracións moi conseguidas e con unha unidade que lle dá estilo propio.

mércores, 23 de novembro de 2016

Poesía necesaria


Sopa de estrelas. Poemas de Pepe Cáccamo. Ilustracións de Berta Cáccamo. Urco Infantil.
Dous irmáns: un gran poeta e unha pintura de prestixio xúntanse para construír un bo libro, nun formato humilde.
Unha obra que a modo de sopa, recolle o universo a través de versos nos que se fan presentes as estrelas, galaxias, planetas, satélites, meteoritos, nebulosas, asteroides, lúas... pero tamén estrelas fugaces ou chuvias de estrelas.
O ceo no plato e a sinxeleza rimando coa calidade. 
Os recursos da boa poesía infantil, o ritmo e a musicalidade ao servizo dun produto pensado para primeiros lectores. As ilustracións, no estilo propio da pintora e absolutamente recoñecible, acompañan moi ben os pequenos poemas, coma dous irmáns que van da man.