venres, 17 de febreiro de 2017

Libro infantil de variada tipoloxía (5)


Unha festa sorpresa de Pat Hutchins, traducido por Sandra Senra Gómez e Óscar Senra Gómez para a colección Tras os montes de Kalandraka. 
Esta familia de tradutores que nos teñen acostumados a uns resultados de moita calidade, semellan especializados no álbum clásico, con obras como a de Pat Hutchins, a serie Osiño e títulos como Con Tango son tres ou Imos cazar un oso
Este libro remite á marabillosa estética da autora que xa conta con obras en Kalandraka como O paseo de Rosalía, Onde está o poliño de Rosalía? ou Boas noites, bufo! Uns  libros absolutamente recoñecibles onde a sinxeleza das historias e o seu ambiente, se ve enriquecido por unha ilustración moi barroca e do gusto infantil. 
Na presentación editorial fálase de humor e rumor, de como algo que ía ser secreto se converte en algo que vai cambiando segundo pasa de boca e boca.  
Un novo clásico infantil que debemos agradecer a Kalandraka.

xoves, 16 de febreiro de 2017

Libro infantil de variada tipoloxía (4)

A viaxe de mamá de Mariana Ruiz Johnson que xa obtivera o V Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado con Mamá en 2013. 
Neste caso, a tradución de Manuela Rodríguez, e está publicado por Kalandraka, na colección Demademora
Metémonos na pel dunha familia de elefantes, máis ben no corpo da filla elefanta, que asiste aos preparativos da nai para a viaxe, despídea no aeroporto e retoma a vida co pai ao longo dese tempo.Un tempo diferente, no que lles cambia a vida: será o pai quen lle conte os contos, métese na cama dos pais, queda en pixama vendo a tele... é dicir, facendo todo o que non fai cando está a nai. Pola noite falan con ela por videoconferencia para que lles conte todo o que fixo, ata que volve e, daquela, os días volven a ser o de sempre; recobran a rutina.
Un conto moi interesante para ter a man cando a nai sae de viaxe, anda que pode dar algún desgusto, en vista da permisividade do pai elefante.   

mércores, 15 de febreiro de 2017

Libro infantil de variada tipoloxía (3)

O cociñeiro Martiño de Iago López, un mestre de infantil e home de teatro que pon o seu saber ao servizo dun o relato. Ilustracións de Macu Romero, para un álbum ilustrado publicado por Xerais. 
Un conto acumulativo. O rei busca cociñeiro, iso lle contan dúas veciñas a Martiño que se pon mans á obra pero ao chegar á casa descobre que os ratos o comeron todo e non conta con ingredientes. Ponse a chorar á porta da casa... e por alí van pasando uns e outras que lle irán traendo o necesario ata que consegue elaborar a sobremesa. Daquela comeza outra aventura que é a ida a palacio...
Unha historia feliz na que un grupo de xente se axuda e divirte xunta. Quen dá máis?



martes, 14 de febreiro de 2017

Libros infantís e de variada tipoloxía (2)



Cepillo de Pere Calders con ilustracións de Carme Solé Vendrell, foi premio Lazarillo en 1981, Premio Serra d´Or no mesmo ano e Premio Generalitat de Catalunya en 1982. 
Preséntasenos agora da man de Kalandraka, en tradución de Xosé Ballesteros, na colección Maremar.
Ao neno da casa retíranlle o can por desfacer un sombreiro no medio do xogo... cousas de cans, a quen non lle pasou? O neno da casa está tan triste que busca outro can para poder compartir con el todo o que antes coñeceu, busca e busca ata que atopa un cepillo vello e abandonado. 
Aí comeza a historia, unha historia de afectos e terquedades, de amores e posibilidades. Un bo libro, co empeño e a bondade como ingredientes.
Volver atrás non ten nada de malo, senón o aval de atoparse cun clásico. 

luns, 13 de febreiro de 2017

Libros de literatura infantoxuvenil e variada tipoloxía (1)



Raiolas de sol, Antonio García Teijeiro. Colección Costa Oeste de Galaxia. Relatos curtos.
Son os relatos aos que nos ten acostumados Antonio, esas pequenas pezas relacionadas case sempre coa poesía ou coa música. O primeiro deles “A figura” lévanos a un poema de Celso Emilio Ferreiro, aquel do vello que, canso, toma o sol, sen deberlle nada a ninguén... O segundo deles,“Primavera”, tráenos á relación entre unha neta e a súa avoa cunha peza musical ao fondo, porque no ano hai de todo e despois do inverno chega a primavera. De música tamén trata o terceiro, "Ser músico”, da frustración que sente un mozo ao que os pais lle impiden converterse en músico cando ese era o seu maior desexo. Si, “Abril” lévanos á canción de Joaquín Sabina. E convido a que non quedemos só en ler, por que non animamos aos lectores e escribir o seu propio relato arredor dese "abril" de Sabina?
Poemas e música, palabras e prosa.


mércores, 25 de xaneiro de 2017

Os autores máis lidos nos clubs de lecturas

Aí van... desde o blogue Ler en mancomún da Asesoría de Bibliotecas Escolares. Este é o resultado da revisión das memorias dos 239 Clubs de Lectura acollidos á convocatoria realizada pola Dirección xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Clubs de Lectura de centros que escolarizan alumnado de Secundaria.
E din: "Agustín Fernández Paz lidera unha vez máis esta táboa na que tamén atopamos poetas ou autores de banda deseñada. Observamos, así mesmo, que son 13 as autoras que aparecen nesta relación dos 40 autores/as máis lidos, con obras seleccionadas polos lectores e lectoras". Xénero (ou sexo dos creadores/as) e xéneros (literarios: poesía, teatro, narrativa, banda deseñada...).  Agustín é seguido por Ledicia Costas, o viñetista e ilustrador  Miguelanxo PradoPedro Feijoo, ... 

martes, 24 de xaneiro de 2017

Os libros máis lidos nos Clubs de Lectura


Do blogger Ler en mancomún, que mantén a Asesoría de Bibliotecas Escolares en relación aos Clubs de Lectura, extraemos a información, acerca dos cincuenta libros máis lidos nestes 239 clubs de centros de Secundaria acollidos á convocatoria.
Dos galegos, destacan Escarlatina, a cociñeira defunta, O corazón de Xúpiter e Un animal chamado néboa de Ledicia Costas que camiña imparable pola estela que Agustín deixou aberta; Europa Express, o que fora premio Jules Verne; Memorias dun neno labrego, manténdose desde os sesenta e demostrando que non só se le o último (... cando se ten cabeza); Cartas de inverno do que van máis de 100.000 exemplares vendidos, o libro dos libros de Agustín Fernández Paz, do que tamén recollen  A neve interminable, Contos por palabras, O único que queda é o amor, Aire negro e A viaxe de Gagarín;...
Unha viaxe pola fonte, Ler en mancomún, opfreceranos toda a información.