sábado, 25 de maio de 2019
Poesía para a mocedade
Soneto no alfabeto de Xoán Carlos Domínguez Alberte, publicado na colección Costa Oeste de Galaxia.
Vinte e dous poemas de esixencia ao someterse á estrutura do soneto e cada un deles encabezado e con repetición da grafía correspondente, repetindo a fonética do son da A á Z. Así aparece recollido no decálogo que fai de pórtico ao libro.
De esixencia era tamén aquel libro de poemas destinado á infancia que tanta atención merece Palabras brancas de Elvira Riveiro, no que a única vogal que aparecía era a A.
Cando a poesía se mete nun corpiño.
Soneto no alfabeto é o segundo libro de poesía para a infancia de Xoán Carlos Domínguez, anteriormente publicara Versos para conversar con ilustracións de Pablo Rosendo. Dividíao en varios apartados que levaban o título de Amizades, Voces, Brinquedos, A lúa e a nena., Soños..
Nel podemos atopar declaracións como as seguintes: "A través da lectura dos nosos escritores aprendín que a cultura galega é un lume poderoso que, usando a nosa lingua, ten que avivar cada un/ha de nños" ou "Dende pequeno fun sabendo aue a poesía serve para expresar o mundo con musicalidade e precisión"
venres, 24 de maio de 2019
xoves, 23 de maio de 2019
Constelacións literarias II. Mulleres pola igualdade. Saúde
martes, 21 de maio de 2019
Un par de álbumes
Piano á fuga de Filippa & Compañía, publicado por Hércules edicións e traducido por Anu Pitkanen, está escrito por Juha Virta (unha amante da música), ilustrado pola finlandesa Marika Maijala.
Filippa & Compañía ou Filippa e os seus amigos, atopan un piano que cae dun camión en marcha e costa abaixo vai da no patio da súa casa. Filippa quere tocalo e así llo di ao gato e ao asno, pero o primeiro métese dentro a durmir e o segundo decide usalo como mesa auxiliar no seu bar. Ela enfádase e vaise coa harmónica no peto. Non lonxe de alí a orquestra, que debe comezar o seu concerto atópase cun problema: fáltalle o instrumento ao pianista e un calcetín ao director, en vista de que non poden comezar o pianista vai dar unha volta e atópase con Filippa que toca unha melodía coa harmónica, póñense a falar... e xa sabedes o que pasou, incluso aparece o calcetín!
Cidade de cemento de Ana Santiso está
publicado por Galaxia. Un álbum ilustrado, un conto rimado que relata a historia dunha nena capaz de introducir toda a fantasía no medio dunha cidade que semella o Gothan de Batman.
luns, 20 de maio de 2019
MULLERES DE CONTO. Salón do Libro de Pontevedra
Aí ven abril, cos días D do libro e do libro infantil. Aí chega...
Dende o 2 ata o 29 de abril Pontevedra convértese nun gran salón do libro.
Mulleres de conto é o seu título, porque vai de cotos e mulleres. Mulleres que escriben e ilustran, mulleres que editan e deseñan libros, mulleres que os venden e nolo achegan nas bibliotecas, mulleres que nos falan de libros e nolos contan... pero sobre todo, mulleres mediadoras entre os libros e a rapazada.
O cartel de Ana Villegas, ganador do concurso fala de todas esas mulleres.
Aquí o programa!
domingo, 19 de maio de 2019
Constelacións literarias II. Mulleres aventureiras
A expedición do Pacifico podería ser o prototipo dun tipo de libros no que as rapazas asumen roles aventureiros.
A protagonista, Emilia, é unha nena de doce anos que vai como polisón e disfrazada na expedición científica que pretende explorar o Pacífico a finais do século XIX. Forman parte do contido desta novela as ideas feministas, a paixón polo coñecemento e a polémica entre o darwinismo e o creacionismo (tal como se cita na presentación editorial). A autora parte dun feito real, a expedición, e introduce nela unha adolescente para novelala con liberdade e defender os valores que lle son propios.
Contidos claves:
Unha muller que racha os estereotipos de pasividade ou conformismo.
Viaxa de polisón nun barco, igual que sucede coa rapaza de As flores radiactivas de AFP ou Denébola A Roxa de Héctor Cajaraville.
A rapazas e o interese pola ciencia: A evolución de Calpurnia Tate de Jacqueline Kelly. Da súa presentación editorial: "Observar o
mundo con curiosidade non era o que se agardaba dunha señorita de boas
maneiras. Mais a Calpurnia interésanlle as teorías científicas de Darwin
máis que conformarse coas limitacións dun destino predeterminado. No
verán de 1899, a protagonista desta historia aprenderá a ser
naturalista".
Un novo libro de Mª Victoria Moreno: "O amor e as palabtras"
O amor e as palabras saca á luz unha serie de relatos da autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas.
A edición corre a cargo de Xavier Senín que elabora o liminar presentando cada un dos contos e enmarcándoo nas edicións anteriores de ser o caso, como "Querida avoa" que aparecera anteriormente no volume colectivo Leria, "SOS" en Contos de hogano, "Pan con chocolate" en Relatos para un tempo novo e Dixo o corvo..., "O encontro" en Un libro, a maior aventura, "O grumete" en Libros de charlatáns, grumetes, botas e fendas Outros como "o libros das saudades e os degoiros" formaron parte da Ruta Rosalía que organizaba Caixa Galicia cando aínda non se perdera de todo e "O amor e as palabras" que nunca saíra á luz .. .
Trátase de textos curtos que afondan na temática da autora: as relacións entre mulleres: avoa a neta por exemplo, a comprensión dos pequenos fallos, problemas ou defectos que nos humanizan, a drogadicción e a facilidade para caer nela, o mundo dos bibliotecarios e a lectura (dos mediadores que posibilitan que os libros cheguen á man da rapazada), a discriminación a outras etnias como a xitana, unha historia de amor entre rapaces, a introdución de palabras nesa lingua, a espera dun namorado e a desilusión (que a outro nivel lembra a do pai de Migueliño), a maxia e o misterio que nos poden lembrar outros relatos de AFP ou Fina Casalderrey, das palabras e como nos suxiren diferentes sentimentos e mundos, do sexo e o amor (tamén entre os cans)...
Subscribirse a:
Comentarios (Atom)













