xoves, 10 de outubro de 2019

Unha novela de adultos dunha autora de LIX

Tardei en lela. Había algo escuro nesa colección de contos, Un animal chamado néboa, que xa partía do título; algo desacougante. Xa o fora Recinto gris aínda nunha colección xuvenil. Mundos dunha dureza diamantina nos que resulta difícil ver saída.
Se algo caracteriza a literatura para a infancia e a mocidade é a esperanza. Cando se traballa con persoas que non teñen demasiada experiencia hai que manter a esperanza non só porque aínda todo é posible, senón, e sobre todo,  porque hai que entregarlla cada día e aínda nas peores circunstancias para que aprendan que o que hoxe é negro mañá pode ter outra cor. Ledicia Costas sábeo. A autora asume outro destinatario cando quere mostrar a crueldade máis absoluta e semella descargar nestes relatos o veleno máis mortífero e letal. Escolle unha época, a II Guerra Mundial e "a condición humana en situacións límites". 
Leningrado sitiado pola fame coa imaxe dos antropófagos buscando alimento. A derradeira criatura que nace e morre deseguida xunto ao pai co que debeu repartir o leite materno. A vida nos campos de concentración, as torturas que conducen á morte producindo a maior dor, a falta de todo tipo de escrúpulo ou sentimento, o sadismo ata límites insospeitados. Hai relatos onde a autora nos quere dar un respiro como o que relata o encontro entre unha xaponesa descendente dun supervivente da radioactividade e o fillo do que comandaba o avión soltou a bomba atómica, recolle o nome Hope da esperanza e unha chiscadela á fábrica de chocolate de Dahl, ou aquel outro no que a xustiza actúa contra un torturador e podemos albiscar un final feliz. Pero son os menos, pero é unha luz moi débil no medio da noite escura, porque os xuízos aos nazis deixan portas abertas, porque non son só os nazis e fascistas os que nos fan desconfiar do xénero humano, os norteamericanos tampouco fan xustiza cos seus e a historia do capitán que conduce a bomba sen saber o que leva e que será conducido con toda a súa tripulación á morte remiten, de novo, á vergonza de ser humanos.
Alguén me comentou que non o puidera ler. Entendino, tan ben escrito, tan ben descrito o horror... e sen escapatoria.  

mércores, 9 de outubro de 2019

Pioneiras, un libro imprescindible

Agora que están a aparecer biografías sobre mulleres galegas, bravas e notables, atopámonos con estas
Pioneiras galegas que abriron camiño de Anaír Rodríguez, con ilustracións de Nuria Díaz
Non é moda, é responder ás demandas das persoas mediadoras que levaban tempo pedindo cubrir este oco, tan necesario para que as rapazas teñan espellos onde mirarse e modelos aos que tender, pois sempre hai retos que quedan por salvar.
Así que antes de nada agradecer o esforzo que varias editoriais están a facer, desde Urco a Lela e Xerais.
As pioneiras preséntansenos:
Exeria, a primeira escritora e viaxeira que no século IV vai de Galicia a Oriente Medio e nolo conta.
Isabel Barreto, almiranta no mar e gobernadora en terra, en leno século XVI.
Isabel Zendal, a primeira enfermeira en misión internacional, popularizada en Os nenos da varíola.
Sofía Casanova, a primeira correspondente de guerra que informa da revolución rusa e as dúas guerras mundiais.
Marcela e Elisa que protagonizan a primeira voda entre mulleres, empeñadas en oficializar o seu amor.
Irene González, a primeira futbolista nun equipo masculino a principios do século pasado
Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira que crea cos seus irmáns o grupo Os Maravillas.
Mª Luz Morales, a primeira directora dun xornal en plena guerra.
Olimpia Valencia , a primeira muller galega que presenta unha tese doutoral.
Celia Rivas, a primeira condutora de camións, levando o peixe desde Fisterra ata diferentes cidades.
Ángeles Alvariño, a primeira científica nun buque de investigación internacional.
PIONEIRAS!!!!!!

sábado, 5 de outubro de 2019

Unha novela xuvenil, ópera prima dun ilustrador

O soño da serpe de Antonio Seijas (un ilustrador que conseguiu o Premio á Mellor Obra Nacional de Expocomic, gañador ao mellor guión na Feira do Cómic de Barcelona e Premio Castelao da Deputación da Coruña). 
A historia que se conta é a dunha moza de Redes, cunha estraña situación familiar (despois de perder a súa xemelga e a nai nun accidente e estar soa co pai que atravesa por unha etapa autodestrutiva). Na vida real está volvendo a Santiago para comezar o curso académico, pero nese mundo entra outra realidade con xente que é máis que xente e vén doutras realidades. Os pactos co demo, os mortos que acompañan nos soños; as serpes, os cans, as lobas e os osos que van máis alá da especie; linguas que xa non se falan; os xamáns, os nubeiros e as meigas; mulleres con pelo de lume e ollos de ceo...    
O encontro coa imaxe da irmá no espello. A lenda dos Mariño, nunha nova versión. A medida desigual do tempo. E, esa mirada atrás, aos tempos anteriores ao cristianismo e a tumba do apóstolo, cando a transcendencia estaba nos lugares que permanecerán. A novela ten unha magníficas descricións, especialmente de Compostela (...esa gran peza de granito feita cidade, co son atávico da gaita e esa corrente de sangue viva que é a xente na zona vella, no ritual repetido e sempre novo de peregrinos, turistas e estudantes na contorna do gran templo) e varias historias que se atravesan como calzadas para formar un plano, algunha delas da que quedamos moi prendidas e que fala de portas que deberían ser cruzadas para seguir lendo.  

Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía

Este é o cartel de Óscar Villán para o lema, con todos os cadriños onde podemos observar como se cría e medra a cidadanía. Paso a paso, coaas horas debidas e as posibilidades ao pé de cada día.
Así o presentan desde a asesoría:
"Intervir na biblioteca escolar (nos seus espazos, nos seus tempos, nos seus recursos e actividades) ten consecuencias para o alumnado e para a comunidade educativa. Das características e dos enfoques desa intervención dependen os usos e as oportunidades que a biblioteca pode ofrecer. Cómpre unha reflexión sobre a distribución dos espazos, a organización dos tempos, a selección dos recursos e, moi especialmente, sobre o enfoque das actividades, co fin de que a biblioteca escolar poida facilitar o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, o pensamento, a investigación, a experimentación, a creación, a comunicación, a adquisición de competencias útiles para a vida e para a convivencia, para o desenvolvemento académico e persoal, para unha participación activa nunha sociedade máis xusta e igualitaria". 
Xa está todo dito, agora é a tempo de actuar!
Poucas veces foi tan necesaria a cultura de paz e de responsabilidade, os deberes ao lado dos dereitos, a escoita sen buscar calar ao outro senón para complementalo, o común  por riba do propio e e defensa do mundo: do micro e o macro, da identidade e a empatía.

mércores, 2 de outubro de 2019



Como todos os anos dende 1967, o IBBY (International Board on Books for  Young People) promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil o 2 de  abril, conmemorando o nacemento de Hans Christian Andersen.
Como cada ano un país membro do IBBY é o encargado de patrocinar o Día e selecciona a un escritor ou escritora e a un ilustrador ou ilustradora para que redacten e confeccionen a mensaxe e o cartaz dirixidos a todos os nenos e nenas do mundo. Neste 2018, o país encargado é Letonia: a mensaxe é unha creación da escritora e editora Inese Zandere e o cartaz, do recoñecido ilustrador Reinis Petersons.
Aquí está o enlace ao cartaze e mensaxe para que participedes na celebración do Día Internacional do Libro Infantil. 
Descarga aquí o cartaz e o folleto / Descarga aquí os banners
Se pertences a unha biblioteca, libraría, colexio, etc. mira como adherirte aquí e descarga aquí as bases do concurso!
Na túa biblioteca non saben deste concurso? Anima a que participen enviándolles este enlace!
(Información completa no blog de GALIX)

martes, 1 de outubro de 2019

Libro para quebrar cabezas



Quebracabezas de Diego Bianchi, publicado por Kalandraka no 2016 con tradución de Manuela Rodríguez. 
Un libro para ler, mirar, gozar e facer.
Di: ti e máis eu somos diferentes pero feitos de pó de estrelas e todos xuntos formamos parte do mundo. Unha mensaxe para lembrar. Igual que esa outra que nos anima a traballar con caixas: reaproveitalas, reciclalas, decoralas, agrupalas, formar figuras, debuxalas... creando quebracabezas aproveitando as diferentes aras. Un xogo e construción no que podemos ir deseñando letras para un alfabeto ou representando obxectos.  
Un libro moi creativo que nos obriga a seguir poñendo en práctica a nosa creatividade.