martes, 29 de outubro de 2019

Os libros das Letras (I)

María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito escrito por Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, publicado por Edicións Xerais de Galicia.
O primeiro que atopamos é un retrato de Fino Lorenzo na cuberta do libro. Logo, o retrato que as dúas amigas escritoras van tecendo arredor dunha serie de eixes: a libraría que montou en Pontevedra cun grupo de amigos (que lle vai dar pé para falar da Ditadura, os libros e autores prohibidos, a solidariedade,  falta de libros e bibliotecas...), a infancia (nómade, indo dun lugar a outro seguindo o traballo dos pais, a famila,...), a orfandade de pai (a dispersión dos irmáns internos para facer o bacharelato, a universidade e as primeiras docencias), os cachorros (referíndose aos diferentes cans e os libros nos que os usa como personaxes), na pel das outras persoas e tirar a luz das sombras (a súa relación con Galicia, os libros, a adopción dos seus fillos, o traballo de oio á lingua, o eu amor polos outros cachorros como chamaba ao alumnado, a enfermidade...) para rematar con "No Arroás , a toda vela!". Dúas mulleres que a coñecen moito falan sobre ela, centrándose en ámbitos imprescindibles e apoiándose na voz dos irmáns para recuperar a infancia.
Pero o libro é máis que iso. O libro recolle as obras publicadas pola autora á que se lle dedican as Letras, e unha liña do tempo que ela soa valería para darlle valor ao libro, na que cada ano se fai corresponder coa vida e obra da autora nunha columna e na outra se recolle o que acontece de interese "En Galicia, España e no mundo" plasmando unha serie de datos, moitos deles relacionados coa literatura e a edición galega, con feitos históricos nos que non acostumamos a pararnos e con fitos relacionados coa literatura infantil e xuvenil galega.  
Esta liña do tempo seméllame una acerto, igual que as referencias históricas que aparecen en cada un dos capítulos para que a apazada que le o libro caia na conta de que aqueles tempos eran moi diferentes a estes, e non queda máis remedio que contarllo. Tamén me parece un acertoa utilización de fotografías, documentos e ilustracións dos seus libros

luns, 28 de outubro de 2019

XII Premio Compostela de álbum ilustrado

O can de Milu  de Mariann Máray (publicado con tradución de Manuela Rodríguez) resultou ser a obra ganadora do XII Premio Compostela de álbum ilustrado.
Di a presentación editorial: Peluso é o gran compañeiro de xogos e de diversión dunha nena encantada coa súa peculiar mascota. Unha historia de amor polos animais, amizade incondicional e libertade.
Porque cando tes tanto empeño na compañía dun can non importa a raza, nin a cor, nin o tamaño, nin... o que sexa. Queres un can e es feliz con el!
O xurado destacou a súa atrevida aposta plástica, reforzada pola multiplicidade cr´omática, próxima á estética nais e ao mundo da infancia.

xoves, 24 de outubro de 2019

24 de outubro DÍA DA BIBLIOTECA

E con ese motivo un cartel de Miguel Calatayud e unha mensaxe de Gemma Pasqual, traducida ao galego por Héctor Cajaraville.
A SEN CONTO
Non quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun Príncipe a devolvese á vida; nin que a salvase da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos sete ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun mozo; nin esperaba que san Xurxo a salvase do dragón. Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha madrasta, dun pai ou dunha fada boa.
E puxo os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu buscando refuxio ata converterse nunha sen conto. Era unha sen libro, unha sen papeis, non a querían en ningures.
Nunha casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba contra a corrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e se abandonou á súa sorte, de súpeto salvouna a capitá Pippi Långstrump, unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por Matilda, navegaban polo mar das letras para rescatar todos aqueles personaxes que se aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte sentido da xustiza e do deber de protexer os máis débiles.
Finalmente, despois de moitos atrancos, chegaron a porto seguro, o Porto da Biblioteca, o Paraíso do que lle falara Borges: un lugar cheo de tesouros afundidos, como lle dixera Virginia Woolf; unha nave espacial que a levaría aos recunchos máis afastados do universo; unha máquina do tempo que a transportaría ao pasado máis remoto e ao futuro más afastado; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa para ser a protagonista de todos os contos. 
Longa vida ás bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto, das sen libro, das sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros.

mércores, 23 de outubro de 2019

MVM Homenaxe das Letras


Foron aparecendo os libros que corresponden ás Letras dese ano, os libros que tratan biografía e obra da escritora homenxeada.
Un libro realmente traballado, froito da documentación de todo tipo pero tamén da reflexión profunda arredor desta muller adiantada ao seu tempo, tal como a autora declara. 
Mestura biografía e obra tal e como sucede a vida, mestura a análise histórica e o compromiso que MVM para ofrecernos o  seu  retrato, o da súa obra e o da época que lle tocou vivir.
Demostra a seu compromiso coas causas inxustamente tratadas coma o galego,  os libros e a literatura en xeral, a literatura infantil e xuvenil en particular, a muller e a infancia, o alumnado e a mocidade, unha escola renovadora,... e como a súa rebeldía contra o estado das cousas fan dela unha pioneira e muller imprescindible.   
Un luxo de tratamento!

martes, 22 de outubro de 2019

Unha historia de Jack Mircala

Jack Mircala, ilustrador pero tamén facedor de historias. 
Jack Mircala, o creador que esconde o seu propio nome (Fernando Gómez) para utilizar o de Jack como homenaxe ao protagonista da película "Pesadelo antes de Nadal" (Jack Skeleton) e Mircala por unha vampira que aparece nun dos relatos do escritor irlandés Joseph Sheridan.
As súas obras son inconfundibles: constrúe con cartolinas de cores as personaxes e decorados que posteriormente fotografará, sempre cunha estética gótica ambientada no século XIX.  
Neste caso, Pánico no Bosque dos Corazóns Murchos (O romance arrepiante de Fastío e Bladís) estamos ante unha obra especial na que as follas con case de cartón recollendo as gardas interiores que reproducen parte do decorado e unha historia que se conta acompañada de imaxes en cada par de páxinas, todas elas en branco e negro. Agora, imaxinemos o Bosque dos Corazóns Murchos cheo de criaturas pánicas que podían ser espantos, tormentos, agonías ou medos todos eles formados polos soños perdidos nos que se chantaba unha espiña dunha matogueira deforme. Estes seres grotescos e aberrantes non poden durmir, de noite ouveaban no bosque e de día baixan á cidade de Malvadía a asustar aos veciños aguilloados polos acordes de violín do seu líder Fastío. A partir de aí, buscando algo de descanso darán cunha moza, xurdirá o amor e todo cambiará... 
Cando pechedes o libro entenderedes a razón pola que ás veces espertades algo asustados no medio da noite.   
Unha hsitoria traducida por Maruxa Zaera e publicada por Bululú.

mércores, 16 de outubro de 2019

Cando se acerca o tempo do Samaín: libros para ti e para minn











Ídesme permitir unha publicidade, un recoller a imaxe sen máis para poder mostrar diferentes libros que tratan este tempo desde diferentes puntos de vista e sempre dende o galego.
Grazas e ogallá sigamos celebrando o samaín, aínda que andemos nadando no plurilingüísmo, entre conversadores estranxeiros (que estarán encantados de estudar a nosa tradición, se son cultos) e estrañas asociacións que minten ata nos estatutos.
Non foi posible, negouse o servidor, así que me tocará ir listando os títulos:
Os esqueletos divertidos
O gatipedro
Coraline
A meiga Chuchona
Operación Frankenstein
Mortiña e Mortiña. Un curmán repugnante
Aurelio
Pánico no bosque dos corazóns murchos
Mitos e lendas da Galicia máxica
Corre, corre, cabaciña
O noso samaín 
O samaín
Indo para o samaín
Violeta quere ser vampiro
Esmeraldina, a pequena defunta
Seis barbudos  
A min non me comas
A bruxa regañadentes
Que susto!
A fugueira de pelostortos
O ano que os pitos perderon a cabeza
A visita dos domingos
A casa da miña avoa
Teño medo!
Hop Frog
As manoplas de Carapuchiña
Verlioka
O aprendiz do home do saco
... 

venres, 11 de outubro de 2019

Libros de teatro. Premiados

 
A Biblioteca Dramática Galega conta un novo título: O valo de Carlos Labraña, ganador do IX Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2016.
Cunhas ilustracións de Nuria Díaz que buscan a sinxeleza para mostrar o fundamental da historia, as expresións que nos falan da evolución do pessonaxe principal e dun espazo "mínimal" como corresponde ao deserto.
Alí, no deserto atópanse un soldado que andaba a poñer un valor por orde superior, para separar un país doutro para crear fronteiras e unha moza que fuxe da guerra e a fame. As conversas entre eles e as miradas ao ceo na noite, a comida compartida e o teito provocarán un cambio necesario.
Unha historia que lembra o Valados de Agustín Fernández Paz, onde tamén unha nena e un neno se empeñan nun ímprobo traballo... pero igual teñen que ser eles, os que ven en coiro ao emperador os que comecen a tirar valos e dicir verdades.
Sahara, a rosa do deserto e o Soldadiño de chumbo han ser personaxes  lembrar.