xoves, 14 de novembro de 2019

Premio Merlín 2019, unha historia marabillosa

Xelís, o guieiro das botellas de mar de Rosa Aneiros acadou o premio Merlín de literatura infantil deste ano, convocado pola editorial Xerais.
A autora está nun momento doce, próxima ao lectorado infantil, disposta a crear grandes historias para eles, con todo o respecto e compromiso, coa mellor lingua... a máis rica e vital na que podamos soñar. Por iso, este premio é ben merecido. Un premio que se honra a si mesmo e aos lectores e lectoras cando se lle entrega a Aneiros.
Un guieiro de botellas de mar nunha illa que pasa desapercibida, que se oculta no mapa mundi do planeta. Un guieiro cunha perna invisible despois dun accidente, unha perna coa que fala e que ten vida propia, Colérica é o seu nome (para que nos fagamos unha idea). Hai máis guieiros, todos eles nenos que ás veces pórtanse como nenos pero que tamén asumen a súa responsabilidade e ata lla fan asumir aos grandes, eses poboadores que descargaron neles a responsabilidade de coidar do mundo. Grandes empresas son as que se traen entre mans, acabar de rematar coa illa de plásticos que se agachaba no mar pero atísbase, despois da empresa ecolóxica unha pacifista, pois quen vai a loitar contra as armas se non son eles? Un neno nunha illa oculta superando un problema físico, unha nena lonxe, no norde, traballando co avó na construción de botrellas de mar para salvar o planeta... e nós? non imos facer nada por botarlles unha man?
Aneiros é desa caste de escritoras nas que a bondade loita por facer un mundo mellor, unha escritora que lembra aos primeiros creadores deste xénero que fuxían da literatura pola literatura para enfrontar a vileza. Aí a temos: "Mingüen as forzas e acougue o mundo!" nun berro no que Xurxo Souto semella acompañala tocando o corno agora que andamos a acordarnos de Nunca Máis, porque é novembro e cabe unha esperanza. 
Andrés Meixide deseñador da colección, realiza unhas ilustracións que significan a creación dun mundo tamén especial, distinto, e que nos busca como aliados ata o punto de achegarnos unha guía para a construción dos personaxes. Quen dá máis? 

mércores, 13 de novembro de 2019

O home de negro, premio de novela Neira Vilas 2017


O home de negro, premio de novela Neira Vilas 2017
Di a presentación editorial: "O home de negro proponnos unha trama singular, a dunha escritora que comeza a relatar “a historia dun home que un día espertou dun estraño soño onde el era o único habitante dun espazo branco” e que, a partir dese momento, vai converterse nun ente autónomo que dirixe o seu propio destino e mesmo interactúa coa súa creadora.
A grande imaxinación despregada por An Alfaya nesta obra así como as implicaturas filosóficas que encerra o seu relato fan desta novela un texto que debe interpretarse cunha mirada aberta, que nace con vocación de chegar a un abano amplo do lectorado."
A relación da autora coas súas criaturas e lectoras, o proceso de creación nunha divagación novelesca, unha desas obras de An Alfaya nas que prima a unha imaxinación e unha fantasía un tanto abstractas que poden sobre a historia; é unha marca de auga da autora ( e digo marca de auga porque seguramente me aocrdei de Buguina namorada e outros títulos).

luns, 11 de novembro de 2019

Banda deseñada en galego

Trackers. 1 A arma perdida dos deuses.
Tirso - Muñoz 
Da presentación editorial:
"1664. Reino de Inglaterra. Un equipo de científicos da Royal Geographic Society está preparando unha expedición á península de Yucatán. A súa misión: capturar unha criatura das lendas maias coñecidas baixo o nome de Cancerber dos deuses. Os seus descubrimentos non só cambiarán o destino de Inglaterra, pero tamén o curso da historia. Tirso Cons (The Chronicles of Legion) e David Muñoz (Land of Vampires) reúnense detrás de The House of Whispers para ofrecernos unha historia de aventura con todo O gusto do cine clásico de Hollywood, mesturado con altas doses de fantasía, novela e emoción."
Un bo cómic, en galego, con guión de David Muñoz, idea orixinal de Tirso, cores de Fidelius... Editado por 3pintamonas . Desta mesma editora é Abastos, formado por catro historietas ambientadas nun mercado a través das estacións do ano.

sábado, 9 de novembro de 2019

Obra ganadora do II Premio Fina Casalderrey de LIX pola igualdade

De Xerardo Quintiá, o autor dun dos álbums ilustrados máis libre do noso panorama, Titiritesa.
«O País do Gran Furado é unha obra que resalta polo seu humor irreverente, pola súa transgresión dos contos populares e por reivindicar a poesía, a alegría e a revolución como camiños para procurar a igualdade."
Así aparece na presentación editorial e así o confirmarán as nosas lecturas porque...
"O País do Gran Furado
non é redondo nin cadrado.
Está achatado polos lados.
(...)
No País do Gran Furado está prohibido
que as mulleres coman perdices e sexan felices,
que lean poesía, tanto de noite como de día,
e que anden coas orellas merdentas."
Si, é un tema serio, pero de vez en cando cadran unhas risas e que se vexa o absurdo das discriminacións que padecen as mulleres.
As ilustracións de Noemí López acertadísimas, colocándolle a Toribia, a muller que gusta da poesía e ten un grupo de música (canto lembra á nosa Sés!) o traxe tradicional, porque a revolución faise tamén retomando a identidade aínda dentro do punk. E a liberdade reinará, pero reinará no sentido noso, nese da costa da Morte que é sinónimo de mandar, gobernar (a ser posible nunha república, ainda que teñemos que repetir eleccións).

mércores, 6 de novembro de 2019

Libros con música

 
Da presentación editorial:
"A fraga do meu avó está chea de árbores, animais e vida, pero agora vese rodeada de eucaliptos e de xente que tenta cortala. Para concienciar da problemática dos bosques autóctonos e dos espazos naturais, nace este traballo, cheo de poesía, música e ilustracións para chegar ao corazón de todos e de todas, para que os nenos e as nenas sigan gozando de espazos de vida coma este. Espazos que tan ben coidaron os noso avós." Cancións cheas de valores medio ambientais ilustradas con colaxes feitos de recortes a modo de debuxos.
Alicia Borrás conta con outras obras para a infancia como Quen son?, Nata y chocolate, O mar é noso, O señor Corpo quere xogar ... y Gloria Sánchez con varias ducias de mellor literatura infantil deste país.

luns, 4 de novembro de 2019

Un álbum ilustrado sensible

O colar de bágoas... Imaxinemos unha nena que vai recollendo as bágoas distintas para ensartalas nun colar que ata arredor do pescozo para levar sempre consigo, pero hai unhas (as de alegría) que as deixa á beira do camiño para que os demais poidan collelas e levalas consigo.
Bágoas de todo tipo. Unhas para gardar e outras para agasallar. Observaremos a delicadeza das ilustracións e vaiamos enumerando os tipos de bágoas que coñecemos. Despois valoraremos a xenerosidade desa rapaza que se queda coas penas e entrega alegrías.
Texto de Franca Perini, ilustracións de Anna Pedrón e traducción de X. Ballesteros nun álbum ilustrado de Kalandraka.  Quen dá maís?

mércores, 30 de outubro de 2019

Unha nova distopía

 A incríbel viaxe de Noa e Fernando C. Cimadevila, publicada na editorial Contos Estraños.
Ás veces apetece unicamente recoller unha serie de anacos do texto, a modo de cata.
"-Toda a Urbe é unha gran mentira. Todo se sostén polo traballo de escravos que son desbotados igual que pezas de recambio. E vós vivides enganados, pensando que podedes permitirvos esa vida, sen ter en conta que para iso alguén debe pagar un alto prezo."
"-(...) Este mundo deixouse lear pola súa soberbia, esquecendo que hai algo moi por riba da ciencia: a propia natureza.
- Pero a ciencia pode controlar a natureza -repliquei.
- Colle o martelo e golpéate a man con el! -exclamou o home-. Pensas que  importante é a ferramenta? Non. O importante é a túa man. É ela que construíu o martelo para o seu beneficio, non para ser golpeada por el."
"(...) a vida no noso planeta xamais volvería a florecer. Era demasiado tarde para cambialo. Tivemos a oportunidade durante séculos, pero fomos acumulando os problemas baixo a alfombra para as posteriores xeracións; para os nosos fillos, os nosos netos, e os fillos dos nosos netos. Démoslles a vida e deixámoslle un legado envelenado".