sábado, 30 de novembro de 2019

Varios libros, moi distintos

A maldición de San Brián de Paulo Calvo
O padre Aldán guía un grupo de frades irlandeses por Galicia, na busca dun monasterio onde gardar un poderoso obxecto, que trae dende Irlanda. O mesmo artefacto que séculos máis tarde buscarán os nazis e que servirá para unha trama de espías no momento actual arredor da Universidade de Santiago de Compostela. Unha gaita que contén o mal, que quen a toca fai medrar tamén dentro de si e que provoca mil e un enganos ao longo do tempo, mil e unha loita para poder quedarse con ela. De novo, o esoterismo ligado ao nazismo (o doutor Fausto Wesster procúraa para o Führer, sabendo que de atopalo, o ditador acadaría a gran vitoria que desexa para os nazis sobre Europa). E, de novo, a falta de escrúpulos na momento actual, tanto na universidade como no comercio da arte. O poder do mal, pena que ese poder, unha vez máis se coloque do lado das mulleres, neste caso unha fermosa gaiteira de familia de gaiteiros que todos adiviñamos... non sei se ela estará moi contenta de verse convertida en personaxe malvado.
Chama a atención, que unha vez máis, aparece o mantra da nosa literatura (dos "Agradecementos" recollemos "grazas a Francisco Castro, en nome da Editorial Galaxia, por confiar en alguén coma min. Un rapaz da aldea. Coma quen di un ninguén") recollido por un novo.
 Lobísimo do saco. Tres titiritadas de Bernardino Graña
Tres pezas de teatro infantil: Sinfarainín contra don Perfeuto, Os burros que comen ouro (nunca cabalos serán) e Lobísimo do saco. De épocas diferentes, a primeira delas foi finalista do Concurso de Teatro d´O Facho no ano no que ganou Casares con As laranxas máis laranxas de todas as laranxas e que, naquel tempo se publicou na revista Grial. Di Bernardino Graña que así como esta primeira obra ten como tema central a crçitica ao réxime de Franco con ese reloxo que o controla todo, en Os burros que comen ouro (nunca cabalos serán) a crítica diríxese cara ao diñeiro e a falta de xustiza e, na última delas, Lobísimo do saco, o tema é a democracia.

Os animais son os protagonistas destas historias que conteñen moito humor, pero tamén invitan a reflexionar sobre o abuso do poder, a tiranía... en definitiva, o terrible que é para unha sociedade perder a liberdade.
Remata cun epílogo de Ramón Nicolás no que analiza estas tres pezas falando deste personaxe que lles dá unidade, Sinfarainín, e das características desta xinea de teatro infantil: simplicidade nos diálogos, potenciación da axilidade comunicativa e escenas de filiación máis ou menos humorísticas ou cómicas. Todas elas cun contido simbólico de loita contra a tiranía e a tontería, que -por veces- pode semellarse.

venres, 29 de novembro de 2019

XII Premio Compostela de Álbum Ilustrado

O can de  Milu acadou o XII Premio Compostela de Álbum Ilustrado. Da autoría da ilustradora húngara Mariann Máray, a obra pasa a publicarse en sete linguas.
"O Milú gustábanlle os cans", así comeza a obra. Gusábanlle todo tipo de cans por iso, cando atopa un animal noi peludo, á beira do camiño, decido levalo con ela. Son amigos, pásano moi ben ata que un día... se descobre que Peluso non é un can. Aí está o problema, en que igual se ten que separar del e igual non pode resistir ese alonxamento.
Na presentación dise que é unha historia de amor polos animais, amizade incondicional e libertade. O xurado opinaba que merecía o premio pola atrevida aposta plástica, reforzada pola multiplicidade cromática, próxima á estética naif e ao mundo da infancia; valorando tamén a coherencia do discurso narrativo, tanto textual como gráfico.
Un final aberto, achégalle unha riqueza simbólica e un novo camiño polo que seguir creando e recreando a historia.
As imaxes tráennos un mundo persoal, coas súas propias cores e motivos, cunha lectura que suma e multiplica a do texto. 
Nas once edicións precedentes foron premiados “Cerca”, de Natalia Colombo; “Un gran sueño”, de Felipe Ugalde; “La familia C”, de Pep Bruno e Mariona Cabassa; “El camino de Olaj”, de Martín León Barreto; “Bandada”, de David Álvarez e Julia Díaz; “Mamá”, de Mariana Ruiz Johnson; “Ícaro”, de Federico Delicado; “Después de la lluvia”, de Miguel Cerro; “Una última carta”, de Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi; “La huerta de Simón”, de Rocío Alejandro; e “Cándido y los demás”, de Fran Pintadera y Christian Inaraja.

xoves, 28 de novembro de 2019

Outro álbum ilustrado: A araña que lles tiña medo ás arañas

A araña que lles tiña medo ás arañas de Ramón V. Veiga con ilustracións de Iván R.; un álbum ilustrado publicado por Xerais.
Unha araña nace no furado dun muro e alí queda preguiceira mentres as irmás marchan a explorar o mundo. Cando medra e non cabe no fogar ha de saír e vai atopando diferentes animais: un sapo, unha ra, un galo, un lagarto...que tentan comela pero non o conseguen porque ela solta un fío longo e escapa unha e outra vez, ata dar co cuarto da nena e fuxíndolle acaba debaixo dun moble onde atopa outra araña da que tamén ten medo e escapándolle remata fronte a un espello e asustándose das cousas tan feas que hai polo mundo, dálle un mal aire e cae redonda. Repeticións e ilustracións sinxelas pero moi interesantes e axeitadas ao tipo de obra.
Ramón V. Veiga, tamén é autor de dous magníficos álbumes: Violeta quere ser vampiro. Un conto de Samaín e É tempo de Entroido

martes, 26 de novembro de 2019

Novidades editoriais



A banda da Reimunda de Pablo Nogueira (mestre de Audición e Linguaxe que escribe relatos están deseñados para tecer actividades de estimulación da linguaxe oral en galego a través de historias).
As ilustarcións son de Manuel Uhía, coa calidade acostumada, de tal maneira que se as paisaxes son fermosas, os animais están marabillosamente representados. O que menos me gusta do libro son as anotacións que na parte baixa da páxina dirixen a actuación do lectorado, posiblemente se poidera facer dalgunha outra maneira que non rache o ritmo da lectura.
O gatipedro. Da presentación editorial "Un neno, que se considera maior de máis, négase xa a poñer cueiros cando vai durmir pero ten un grave problema: polas mañás ten que soportar as queixas do pai e as burlas do irmán pequeno ao erguer da cama coas sabas molladas. Por que, malia ser maior, teño que poñer cueiros? Quen me fai isto a min? Teño que descubrir o causante de que molle a cama, pois eu non son. Se coñeces o imaxinario popular galego, saberás quen lle fixo isto." Autor, Jacobo Paz Limia e ilustrador, Xosé Tomás. Deste mesmo autor e ilustrador é A meiga chuchona que seguramente non lles guste moito ás avoas.

domingo, 24 de novembro de 2019

Dous títulos, en poesía, dunha vez



Unha historia rimada que recolle aquel título do álbum de Milladoiro (Galicia no país das marabillas) escrita por Claudia Castro (un gato e un rato que son amigos e deciden percorrer Galicia, pasando pola costa da Morte, a serra do Courel, a Ribeira Sacra, as illas Cíes ata chegar a Compostela e establecer a residencia en Teo). 
Ilustrado por Emanuel Lomeña en branco, negro e gris, cun estilo que seguramente nos guste máis nuns terminados que noutros, pero que achegan unha nova visión dese paseo por Galicia. 
Soleando de An Alfaya, publicado tamén na colección Árbore. Dia presentación editorial: "Un libro luminoso coma o sol. Con letras para quecer a alma. E para que nunca vaia frío por dentro"
Un poemario arredor do sol que segundo se explica no limiar "xurdiu como un xogo entre dúas creadoras (escritora - ilustradora) unidas pola amizade, residentes en dúas comunidades autónomas distintas (Galicia - Cataluña). / A idea de ter como tema central o Sol agromou da necesidade de iluminar as nosas vidas a diario cunha imaxe onde predominase a cor amarela, que nos infundise serenidade e esperanza. (...) A metade do poemario naceu como resposta á proposta das imaxes enviadas por WhatsApp pola ilustradora, e a outra metade, os poemas remitidos do mesmo xeito, guiaron a man da debuxante." E iso ao longo de cada día, antes de que rematase ás 24 horas debían ter o poema e a ilustración, realmente un xogo que dá o resultado que está publicado por Galaxia. Un divertimento con chispazos que nos van gustar como atoparnos cun sol brando como aqueles reloxos de Dalí e 46 poemas dunha An Alfaya que aínda non coñeciamos.

mércores, 20 de novembro de 2019

Libros: de un en un

Conta comigo de Miguel Tanco traducido por Maruxa Zahera e editado por Bululú.
En primeira peersoa, a nena protagobista do álbum ilustrado vainos contando que na súa casa, cada un ten a súa paixón. Ela busca a súa e por fin atópaa nas matemáticas. Vainas vendo en todas partes e remata elaborando o seu propio casderno "As miñas matemáticas" no que explica as súas descubertas.  
Acompañan a un texto mnoi medido unhas ilustracións moi expresivas.
Nenas e matemáticas en novembro, mes das ciencias na biblioteca escolar, que máis podemos pedir?

domingo, 17 de novembro de 2019

Escribir entre dous

Versos viceversos de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos con ilustracións de Juan Ramón Alonso, publicado por Kalandraka.
Non son moi comúns pero de vez en cando aparecen estes libros escritos a catro mans. Antonio García Teijeiro é un asiduo, gusta de compartir e camiñar de par doutros.
No limiar de Antonio Rubio, pregúntase "Dúas voces alternándise? Unha voz que resulta da unión de dúas voces? Ou un libro de versos escrito a catro mans?"
Na presentaicón editorial: "Un diálogo poético a dúas voces (e un pincel). Versos do norte e versos do sur que van e veñen como as ondas do mar, que testemuña o seu intercambio literario e lingüístico."
Un fermoso libro cunhas ilustracións fantásticas nas que o artista introduce as súas propias metáforas coa utilización dunhas cores frías e limitadas que achegan ese ensimesmamento necesario para os versos.
Unha pequena cata:
"Libros pechados: que soños roubados!
Libros abertos: sorrisos e acertos.
Libros pechados: barbeitos xeados.
Libros abertos: outonos espertos.
Libros pechados: mil versos calados. 
Libros pechados: fermosos concertos
Libros abertos: tesouros gardados.
Libros abertos: abrazos ben certos."