martes, 7 de xaneiro de 2020

Novidades editoriais. Alvarellos



cando o teñas nas mans.Había unha vez un neno de Dub Leffler, traducido por Marta Pérez e Quique Alvarellos coa supervisión de Maria Reimóndez. Di o autor: "Escribín Había unha vez... para amosarlle a quen o lea que os nenos tamén teñen sentimentos –igual que as nenas– e que outras persoas tamén nos poden facer dano, e non
De Isha Bottin, con ilustracións de Gaspard Talmasse e tradución de María Reimóndez
Así se presenta: "É a historia dunha familia reconstituída que cambia de país e mesmo de continente. Fillos de dous matrimonios que, xuntos, viven primeiro conflitos ou desencontros, pero que axiña buscan un camiño común. O relato mostra a ledicia de descubrírense, de xogar xuntos e de saber que a harmonía e o amor poden xurdir se somos xenerosos e estamos abertos aos demais." Familias diversas nas que a aparición da parella da nai trae aparellada tres novos irmáns e, da necesidade nace a virtude!
A miña profe é un monstro. Diso nada! de Peter Brown traducido por Marta Pérez e Quique Alvarellos.  
En que quedamos? Pois que é distinta ra rúa e na escola, porque non sempre podemos mostrarnos como realmente somos. Cando o protagonista da historia coincide un día no parque coa profe á que teme fanse amigos e pásanos moi ben pero... ás veces os monstros non son o que aparentan.
A promesa do cabezolo de Jeanne Willis con ilustracións de Tony Ross e tradución de Marta Pérez e Quique Alvarellos. Dous animais coinciden na charca cando son larvas (de rá e da bolboreta), namóranse, pero conforme van medranda algún deles cambia demasiado para o gusto do outroque acaba facendo algo tremendo... Un final inesperado e contraditorio. Un libro que che sorprenderá
pasa nada, sobre todo cando deixas que as amizades che boten unha man cando te sentes triste.” Pois si, unha historia triste, dun neno que vive só nunha illa ata que aparece unha nena que toma poesión de todo o seu, o neno déixalle pero avisa que non colle o que hai debaixo da cama, pero ela faino e rómpelle o corazón... menos mal que o poden solucionar doutra maneira, ou non?

luns, 23 de decembro de 2019

Novidades editoriais 1


















 

Indómita e a semente da inmortalidade de Alex Mene gañou o I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil “Muíño do Vento.”Indómita, a exploradora dunha aldea sen nome, na que ninguén pode entrar nin saír debe saír, pero que agora corre perigo e ela é a encargada de salvala. Poderá? Unha perigosa aventura coa súa dose de misterio.
Unha mestra en apuros. Sálvese quen poida de Pilar Serrano e Jorge Campos. O día a día dunha mestra de Infantil, a súa relación con eses seres que non poden ser máis surreais do que son, entre o humor e a desesperación... Banda deseñada
Coidado coa charca! de Urberuaga e Juan Carlos Román, un libro no que intervén a abella, a mosca, a xoaniña, o caracol, o coello, o ourizo e ata un elefante que virán á charca. Unha estrutura acumulativa e repetitiva con final sorprendente.


martes, 17 de decembro de 2019

Un novo libro da colección Merliño

Conexión Macarrón é o novo libro de Ledicia Costas publicado na colección Merliño de Xerais. As ilustracións son de Laura Suárez con imaxes acaídas, con personalidade, distintos puntos de vista e a ledicia que achega a creación dun novo mundo.
Na presentación editorial, aparecida no blog de Xerais, aparece
"A Espe e a Rino non lles gustan os paraugas, por iso agardaban debaixo dun tobogán a que parase de chover cando un señor fúnebre, con roupa, chapeu e paraugas negros, lles preguntou se querían que os acompañase á casa. Díxolles que era Expósito e que vivía no seu mesmo edificio, no noveno andar.
Todo nel lles pareceu sospeitoso: o sombreiro dáballe voltas sobre a cabeza, os seus ollos brillaban cunha potente luz branca, e nalgún momento confesou que tiña antenas. Estaba claro que non era un «Expósito», era un extraterrestre!
Que ían facer agora que coñeceran un extraterrestre de verdade?" 
Xógase con esa confusión e esa dúbida que o par de amigos crean. Espe, a nena que nos conta a historia, vainos introducindo nese inverno que aparece mentres xogan no parque, o medo a que Rino (por algo ten ese nome) se "agripalle", a desconfianza ante ese home fúnebre e como se vai enlazando a narración, tamén cunha chisca de humor 
"-Pecha a porta con chave -ordeneille a Rino.
-Pero como que con chave? -retrucou el-. Aínda van pensar que estamos aquí dándonos bicos."
Por isto, tamén, me parece excesivo colocar o libro no tramo de +9. Para empezar, son da opinión de baixar sempre a recomendación de "A partir de..." porque á rapazada non lles gusta ler aquilo que se pode entender que é para máis pequenos e, sen embargo, non lles importa ler o destinado a máis grandes (todo o contrario!) e ademais, esta historia ten os ingredientes das dirixidas a lectorado autónomo que como mínimo debe comezar nos oito anos.
Dende o cotián ata a fantasía, nese mundo intermedio do que pode ser ou non, no que se moven marabillosamente as pequenas e os pequenos.

domingo, 15 de decembro de 2019

Candorcas e unicornios, un título case poético

"Candorcas e unicornios é unha fábula marabillosa, en todos os sentidos da palabra, onde o mar, a natureza e a fantasía van da man nunha historia que, ademais de entreternos, vai facernos pensar…"
Un dos últimos títulos de María Canosa, unha autora tan prolífica que sempre anda a sorprendernos cunha nova obra por iso non podemos asegurar cal é a máis fresca.
Publicada na colección Árbore de Galaxia, no tramo a partir dos 12 anos, ilustrado por Iago Torres París cunhas imaxes especiais con liñas e o azul dese mundo da imaxinación e a tristeza que tan ben lle acae; quizás o que menos me guste sexan as expresións nalgún dos casos, deixando para as panorámicas o mellor do estilo.
Unha historia triste, unha nena que chega de África coa nai que vén a morrer e unha parella que a vai coidar. A situación dos tres na Costa da Morte vese reflectida na dor e illamento da rapaza e na agresividade coa que un compañeiro os ataca por ser distintos (eles negros e ela de pelo roxo, xente que vén de fóra...). Esa é a parte social que se resolve coa colaboración da nai do rapaz que actúa de maneira exemplar (que importante é a familia e a súa comprensión dos feitos máis alá do afecto que senten polos seus). 
María coloca no centro da novela os sentimentos de Ana, esa necesidade de comunicarse con animais reais ou mitolóxicos cando non pode facelo cos iguais. Esas carreiras de Ana ata o cantil para tocar a ser tocada pola candorca ou para erguerse sobre o lombo do unicornio semellan dun grande perigo pero son tamén a maneira de liberarse da carga que leva consigo. Unha nai médica que chega a Kenia embarazada, que traballa como cooperante e enferma volve á súa terra cun par de africanos que dende sempre coidan da súa pequena. O mundo interior e a imaxinación como canal de saída da aflición, o enfrontamento entre o rapaz e a rapaza posibilitando a descarga obrigándoos a falar do que levan gardado no gran baúl da pena, o doado que debe ser o entendemento e o difícil que é conseguilo e... o amor e os coidados dos máis pequenos como centro do universo.

sábado, 14 de decembro de 2019

Contra o acoso ou abuso... dos adultos

Monstro de ollos vermellos de R. J. Peralta Torres, con ilustracións de Blanca Millán, publicado por Galaxia
En primeira persoa un neno, Anxo, di que ten medo do Monstro (así, con maiúsculas) porque vai disfrazado e cando te fías... ataca. Sente vergoña e non é quen de falar coa nai ou coa mestra acerca do que lle pasa. El vaise apegando á nai, tentando estar con ela sempre que pode, á beira. O Monstro díxolle que ninguén cre aos nenos que falan de monstros e el ten medo a que iso sexa verdade. Por outro lado, na escola dinlle que dicir a verdade é de valentes e quere facelo. Dubida e dubida ata que xa non pode máis e llo conta á nai, logo van ver a unha señora que "arrecende moi ben" (xa saben o que teñen que facer as psicólogas) e de aí á policía que fala con el sobre o Monstro. Por iso, ao final o Monstro marchou, o medo vai pasando porque sabe que pode falar de todo con mamá e papá que o abrazan e así, desa maneira, vanse todos os medos.
A través das ilustracións vaise mostrando a ese monstro como un ser escuro e peludo, ás veces con forma de lobo, ás veces como uns enormes ollos que vixían, pero sobre todo botando as redes nas que se enreda Anxo, unhas redes... nas que acaba caendo o propio monstro. Esa metáfora das redes nas que caen os peixiños, mantense ao longo do libro, porque ao neno gústalle ser mariñeiro, xoga con barcos de papel, envólvese en sabas de mar e pásao mal cando nos pesadelos ou na realidade cae nas redes do Monstro. Porque os monstros son artistas do disfrace, ocúltanse os lobos coa roupa da avoa, pasan por amigos cando non o son, e sempre hai que andar ollo avizor ou iso semella dicir a última ilustracións na que vemos a moita xente pescando, cos seus anzós.
Unhas van e outras veñen. Semella un libro marabilloso para tratar o abuso a nenos e nenas porque a roupa interior está moi presente nas imaxes, pero por outra banda dá un certo temor que os oequenos e pequenas comecen a ver monstros onde non os hai, é dicir, estamos ante un libro que se debe traballar cando se fala dese tema, pero igual non é o máis axeitado para que o collan eles sos, ou si? Eu, coma Anxo, dubido.    

martes, 10 de decembro de 2019

Fina a pirata, a último libro de Helena Villar Janeiro

Ilustrado por Abi Castillo e publicado por Galaxia en formato álbum, aínda que cun texto xeneroso. 
Porque sempre pode haber un accidente, sempre, Fina perde unha perna. Cando volve á escola cunha pata de madeira (que seu pai lle fai mentres non chega a prótese), ofrécese a ser pirata para que poidan xogar a corsarios. Así, o que semellaba triste triste pasa a ser algo divertido e orixinal cando toda a comunidade educativa se presta a converter o patio nun mar no que o barco busca tesouros. Rematan creando unha gran biblioteca pirata que xestiona Fina que, por certo, lle colleu tanto cariño ao mar que está pensando en licenciarse en Ciencias do Mar.
O que tal son as cousas! Si, todo ten amaño e ata do máis triste podemos sacar unha risa.
A ilustradora xa se dera a coñecer con Pioneiras 2 de Xerais

domingo, 8 de decembro de 2019

Teatro para adolescentes. O gótico e a muller

Estrelecer de Carlos Labraña que acaba de publicar Galaxia. Unha obra de teatro para adolescentes, un xénero ben necesario.
Labraña escolle mulleres, adolescentes, misterio, bruxas e vampiras, medo, unha casona abandonada...  O subtítulo "Nun mundo onde as rapazas poidan ser libres" despista un tanto, asi que será cuestión de lelo e falar.