martes, 17 de decembro de 2019

Un novo libro da colección Merliño

Conexión Macarrón é o novo libro de Ledicia Costas publicado na colección Merliño de Xerais. As ilustracións son de Laura Suárez con imaxes acaídas, con personalidade, distintos puntos de vista e a ledicia que achega a creación dun novo mundo.
Na presentación editorial, aparecida no blog de Xerais, aparece
"A Espe e a Rino non lles gustan os paraugas, por iso agardaban debaixo dun tobogán a que parase de chover cando un señor fúnebre, con roupa, chapeu e paraugas negros, lles preguntou se querían que os acompañase á casa. Díxolles que era Expósito e que vivía no seu mesmo edificio, no noveno andar.
Todo nel lles pareceu sospeitoso: o sombreiro dáballe voltas sobre a cabeza, os seus ollos brillaban cunha potente luz branca, e nalgún momento confesou que tiña antenas. Estaba claro que non era un «Expósito», era un extraterrestre!
Que ían facer agora que coñeceran un extraterrestre de verdade?" 
Xógase con esa confusión e esa dúbida que o par de amigos crean. Espe, a nena que nos conta a historia, vainos introducindo nese inverno que aparece mentres xogan no parque, o medo a que Rino (por algo ten ese nome) se "agripalle", a desconfianza ante ese home fúnebre e como se vai enlazando a narración, tamén cunha chisca de humor 
"-Pecha a porta con chave -ordeneille a Rino.
-Pero como que con chave? -retrucou el-. Aínda van pensar que estamos aquí dándonos bicos."
Por isto, tamén, me parece excesivo colocar o libro no tramo de +9. Para empezar, son da opinión de baixar sempre a recomendación de "A partir de..." porque á rapazada non lles gusta ler aquilo que se pode entender que é para máis pequenos e, sen embargo, non lles importa ler o destinado a máis grandes (todo o contrario!) e ademais, esta historia ten os ingredientes das dirixidas a lectorado autónomo que como mínimo debe comezar nos oito anos.
Dende o cotián ata a fantasía, nese mundo intermedio do que pode ser ou non, no que se moven marabillosamente as pequenas e os pequenos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario