xoves, 23 de xaneiro de 2020

Día da paz e a non violencia


Unha vez máis, Kalandraka ofrécenos unha serie de libros para o traballo arredor desas datas. Tomémolos en conta!
E tamén O Consorcio Editorial nos achega unha proposta variada, coa participación de varias editoras. Ante a imposibilidade da cargar o arquivo, enumeraranse os títulos que faltan:
Fume, Por que?, Amani, Tou-Po-Rou-Tou, Valentino, Malos tempos 36-39, O nacemento do dragón, Misterio en Guernika, O neno do pixama de raias, O homiño vestido de gris, E que podo facer eu?, A máscara do león, Ferdinardo, Caixa de cartón, Os tres bandidos, É rara mMakeke, Así é a ditadura, Cinco horas con Mauro, Trebellos, A fuxida, A guerra dos números...





mércores, 22 de xaneiro de 2020

Falemos de teatro e dalgún premio

A Pequena Compaña é unha obra de Carlos Labraña que ten ganado o VIII premio Estornela de Teatro da Fundación Neira Vilas (ese premio que tanto botamos de menos ao lado do Arume de poesía).
Unha edición impresionante, de gran tamaño, en tapa dura e con ilustracións de Óscar Villán.
A presentación: "No chan, achegados á lareira, xogan tres nenos. Pedichón, un rapaz fraco coma unha espiña, a quen o floco case lle tapa os ollos. Medusquiñas, un bulebule que sempre lle anda a escapar a todo e que, para protexerse, leva colgado do pescozo un colar de zonchos a modo de amuleto. E Soldadiño, un cativo tolleito que se apoia nunha escopeta enferruxada para camiñar. Dinlle así, porque viste cun pixama vello que lembra un uniforme e leva cuberta a cabeza cun pote de cobre a xeito de casco."
Tres personaxes principais que veñen do mundo dos desherdados, uns diálogos moi áxiles, uns malos moi malos que os perseguen e uns bos moi bos que lles axudan... e así chegarán ao Cabo do Mundo e ás Illas do Alén mentres ven as Rochas Faladeiras. E as ilustracións de Villán facéndonos afondar nese mundo hiperbólico que toca no noso.

martes, 21 de xaneiro de 2020

Libros de LIX


Isela de Carlos López con ilustracións de Nuria Díaz na editorial Embora.
Unha nena, Isela, que vive en Cidade Clara cos pais e o avó.
Pequenos relatos, moi imaxinativos e humorísticos. É o humor de Pinto e Chinto, o que aparece nos pequenos textos como Minimaladas onde este xoga cunha fantasía a proba de bomba. A cortedade das narracións busca finais sorprendentes; as ilustracións non destacan. Neste caso a historia está centrada na vida da rapaza contada en terceira ersoa, a súa familia e a casa, a escola, o lugar onde vive, a natureza... Un exemplo titulado clase de ciencias: "Ás 11 e media da mañá Isela  tiña clase de Ciencias. Naquela clase, o profesor explicoulles que a nosa sombra é branca. O que pasa é que de andar polo chan arrastrada vaise ensuciando, e vaise aos pouco poñendo negra.”
O neno bisesto. José Luis Alonso de Santos con ilustracións de Federico Delicado et radución de Ramón Nicolás.
"Daniel tivo a boa, ou mala sorte, de ter nacido un 29 de febreiro. Apodado Bisesto na escola, terá que empregar todo o seu enxeño para superar unha chea de situacións inauditas, complexas e mesmo perigosas." Iso nos vai contando, en primeira persoa e con humor, como se llo contara a un amigo invisible, con toda a inxenuidade. Unha boa historia!
As ilustracións, no estilo do artista e con calidade.