Un cómic anual (e xa van dez). Ese é o compromiso de O Garaxe Hermético. Neste caso participan ata 40 alumnos/as repartíndose tarefas de guión, lapis, tintas, cor e rotulación.
Intraterra
O mundo despois dunha catástrofe pola que a superficie da Terra foi arrasada. Os sobrevivintes viven en peqeunos búnkeres baixo terra. Nun deles, situado baixo a tundra rusa acaba de cometerse un crime, unha inspectora vén a investigar o suceso e descubrir o culpable.
Sete habitantes, un neno, dous ex axentes da KGB, dúas mozas antisistema, unha embarazada, un amorío secreto,... a trama está servida.
Quen foi o asasino? Quen o encobre? Quen está disposto a a todo por saír á superficie? Que hai na superficie?
Luzbell. O demo bombilla
Xosé Tomás e Diego Rosales. Unha recompilación de planas publicadas anteriormente en Golfiño, El Progreso, Diario de Pontevedra. acompañadas por un limiar o que se presenta cada un dos personaxes e un epílogo de "Aprende banda deseñada con Luzbell". Os demos non son os peores....
domingo, 9 de febreiro de 2020
martes, 4 de febreiro de 2020
Varios e ben distintos, sempre de viaxes
A peregrina gastrónoma. Unha guía do Camiño Inglés escrita por María Canosa e ilustrada por Miguel Cerro.
Da presentación editorial:
"Tara, a peregrina protagonista desta guía para as viaxeiras curiosas, elixe o Camiño Inglés e percorre na súa viaxe desde A Coruña ‒un dos puntos de inicio xunto a Ferrol‒ a Santiago pasando por Elviña, O Burgo, Alvedro, Cambre, Carral, Aquelabanda, As Travesas, Bruma, Outeiro, A Calle... para coñecer o Castelo de Santo Antón, a Torre de Hércules, o Golfo Ártabro, o encoro de Cecebre, o monumento aos mártires, o Pazo das Candeas, As Encrobas, pazos, cruceiros, hórreos, antigos hospitais, igrexas, pontes, cemiterios ou saborear a cervexa galega, roxóns, filloas, lacoada e torta de Santiago para converter o lector nun auténtico peregrino gastronómico no seu percorrido ata a Catedral".
Unha viaxeira inglesa con raíces irlandesas chega á Coruña en cruceiro e decide seguir a pé facendo O Camiño. María Canosa acompáñaa nesa viaxe polo país para deterse nel, para falarnos do que ve e do que escoita, do que se pode comer e gozar. A viaxe é un motivo para facer unha guía na que falar de todo o noso, do que foi e é, do que nos caracteriza e do que nos gusta, do noso patrimonio e das nosas loitas...
Todos os sentidos alerta. A memoria acude a prestarnos o saber. Tara é o nome da moza viaxeira, o dunha deusa, o da plantación de Foise co vento...
"Eu son Tara. A primeira da miña estirpe, a que reúne no meu nome, e no camiño, o desexo de coñecer as raíces e a firme decisión de avanzar e ser distinta, única"
As ilustracións acompañan moi ben o texto, escollendo a esencia dos lugares e obxectos con cores fortes que se pegan ao verde (non podía ser doutra maneira neste país) e a figura feminina lembrando o cubismo daquelas mulleres que levan dous ollos nun lado da cara.
Etram e Ailux na Terra dos Mortos de Buenaventura Aparicio Casado con ilustracións de Pilar Castro Caamaño, publicado por Ab Origine Edicións. Dous extraterrestres viaxan, tamén no tempo, e aparecen na prehistoria... O encontro entre dúas civilizacións.
domingo, 2 de febreiro de 2020
Libros de narrativa que poden estar converténdose en series
Os camiños do vento de Xavier Estévez, publicado por Xerais na colección Merlín.
Na presentación editorial dise: "Lucas e Sara comezan o novo curso xuntos no instituto. O cambio á ESO
non será doado, e menos cando un novo misterio peta nas súas portas.
Unha pequena ladroa de peixe aparece no peirao onde adoitan ir pasear.
Na súa pescuda por descubrir quen é esa rapaza, aprenderán a ver o mundo
con outros ollos e coñecerán dous novos amigos e a odisea que viviron
ata chegar á vila: unha viaxe a través dos camiños do vento. Despois de Avións de papel, os personaxes de Lucas e Sara regresan á literatura
cunha nova historia sobre a amizade e sobre todo aquilo que tece os
nosos soños."
Si, volvemos a aquela historia na que a presenza de imaxes nos levaba a Hooper. Un rapaz reflexivo e sensible, unha rapaza en cadeira de rodas e unha amizade que nace cando se actúa sen pensar demasiado; así se coñecen nun golpe de espontaneidade de Lucas; agora continúan alimentando esa relacións coas saídas a pasear, coa coincidencia na escola e coa disposición a entender o que pasa e actuar en consecuencia. Porque os refuxiados poden chegar ata o lugar no que ti vives, porque podes responder a ese reto con compromiso e ver como non é tan difícil facer que a xente sexa algo máis feliz. A soidade, o abandono, a guerra, as fronteiras, os grandes muros... todo pode ter solución se actuamos con sentido, pouco a pouco, cambiando mentalidades, abrindo portas, implicándose.
Contan Lucas e Sara, en primeira persoa, pero tamén un narrador omnisciente que comeza o relato de forma magnífica.
Momentos moi bos co humor de Lucas salpresando instantáneas e outros nos que o relato se ralentiza...
As ilustracións de Xosé Cobas no seu estilo, xogando con referencias dende as maneiras aos obxectos sempre presentes como ese barco ou ese paxaro, co debuxo en branco e negro ou coas cores que lle son propias ata chegar ao culmen da casa de Manuel onde o simbolismo acada a máxima expresión.
venres, 31 de xaneiro de 2020
Concepción Arenal, a gran pensadora do século XIX
Hoxe, 31 de xaneiro de 2020, cúmprense 200 anos do nacemento de Concepción Arenal, a gran pensadora do século XIX, a muller que integrou teoría e práctica arredor da muller e daqueles outros seres situados nos marxes da Historia: pobres, presos, orfos, maiores... cando traballa na reforma de cárceres, orfanatos e asilos e cando exerce como visitadora de cárceres e pobres.
Loitadora a favor da creación da sociedade civil, da transformación da caridade relixiosa en filantropía da cidadanía e da existencia dun verdadeiro estado de Dereito. Ensaísta nun tempo no que dificilmente se lles permitía escribir poesía e novelas ás mulleres, os seus postulados tivéronse en conta en congresos internacionais a pesar de non ter saído nunca de España.
Un camiño difícil un par de exemplos poden dar a medida da inxustiza: nunca foi convidada a ditar unha conferencia no Ateneo de Señoras a pesar de facer as reseñas das Dominicales e pertencer á Xunta Directiva e tampouco foi recibida como membro na Real Academia de Ciencias Morales y Políticas a pesar de ter ganado tres premios que eles convocaban.
Con Juana de Vega (outra muller a lembrar) comparte amizade, traballos e inxustizas. Con outras dúas galegas máis: Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán comparten século. Mulleres abandeiradas, en palabras de Caballé que fan de sacaneves igual que os presos en Siberia.
Recursos:
Unha unidade didáctica, Concepción Arenal: Unha muller pioneira, coelaborada por Felicia Estévez.
Unha entrada no Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega.
Unha biografía, Concepción Arenal: la caminante y su sombra, de Anna Caballé (polo que recibiu o Premio Nacional de Historia).
xoves, 30 de xaneiro de 2020
Para o día da paz, un poema de Ricardo Carvalho Calero
Para o día da paz, un poema de Ricardo Carvalho Calero, recollido do libro Carvalho Calero. Vida e obra dun ser polifacético de Henrique Dacosta.
Non sei
se matei.
Estiven na trincheira.
Non vin
o meu nemigo.
Disparei.
Non sei
se matei.
Fun ferido.
Mais
non
sei
se
matei.
Toupa cega,
non teño outro ollo
que o ollo
do meu fusil.
Se cadra o ten visto
o meu nemigo.
Fun ferido.
Eu
non
sei
se matei.
Publicado en Futuro condicional (1961-1980) (1982)
Non sei
se matei.
Estiven na trincheira.
Non vin
o meu nemigo.
Disparei.
Non sei
se matei.
Fun ferido.
Mais
non
sei
se
matei.
Toupa cega,
non teño outro ollo
que o ollo
do meu fusil.
Se cadra o ten visto
o meu nemigo.
Fun ferido.
Eu
non
sei
se matei.
Publicado en Futuro condicional (1961-1980) (1982)
martes, 28 de xaneiro de 2020
Un novo libro de Paula Carballeira
A tartaruga Amodovou de Paula Carballeira, ilustrado coas colorists imaxes de Ana Seixas e publicado en oqueleo.
Presentación editorial: "Amodovou é unha tartaruga. Cada tartaruga, como cada persoa, ten o seu
propio ritmo. Cando aprendeu a camiñar, Amodovou soubo que quería
percorrer o mundo para sentir a súa música. E os paxaros, que de
melodías entenden moito, foron acompañándoa na viaxe. Amodovou vai
descubrir que ás veces é moi difícil ir sempre cara adiante, pero ela,
valente e destemida, debuxará un sorriso na súa cara engurrada e
escollerá o seu destino."
De onder lle virá o nome?
E remata: "As fillas de Amodovou recoñécense facilmente polo seu enorme sorriso e por esa maneira de erguer a cabeza para sentir o vento e escoitar os paxaros. Van cada unha nunha dirección, coa esperanza de que algún día, nalgún momento, todas se atoparán no mesmo lugar coas súas nai e camiñarán xuntas (...)"
Magníficas ilustracións para primeiros lectores e lectoras!
domingo, 26 de xaneiro de 2020
Encontros literarios en Gres
O último domingo de mes, ás cinco da tarde, teñen lugar os encontros arredor de libros e autores na Fundación Neira Vilas, en Gres.
O mes de xaneiro correspondeulle a Antía Yáñez. A escritora nada no 1991, que provén do mundo das ciencias (enxeñería de Camiños, Canles e Pontes) e escritora de éxito con varios libros publicados e case todos eles con premio.
Unha serie, O misterio de Portomarín e O misterio de torque de Burela. Unha familia, un rapaz e tres rapazas, convertidos en investigadores ao modo dos Cinco, os Hollister... personaxes moi ben definidos, lugares nos que asentarse a historia (Portomarín ou Burela), esquemas que se repiten para fidelizar ao lectorado. Para ler a partir de doce anos.
A reconquista, premio ex aequo da primeira convocatoria do Fina Casalderrey de literatura para a igualdade. Un patio de escola, os nenos e o fútbol, as nenas e os nenos aos que non lles gusta este deporte e a necesidade dunha distribución equitativa do espazo.
Be water, finalista do premio María Victoria Moreno de Narrativa Xuvenil. Unha distopía acerca dese mundo subterráneo que se creou despois do Gran Cataclismo; gobernados por unha raíña, traballando desde os dez anos e cobrando cinco litros de auga os homes e catro e medio as mulleres.
Senlleiras, ganadora do premio Illa Nova de Galaxia. A historia de dúas mulleres, separadas por un século, maltratadas e vítimas de feminicidio, dúas mulleres senlleiras, coma as árbores, singulares e vítimas da violencia machista. Un libro para adultos.
Quedamos á espera de Plan de rescate, a obra ganadora do Agustín Fernández Paz de narrativa para a Igualdade.
Unha fundación no rural traballando a favor do libro e da lectura, a fundación dun escritor e unha escritora, convocándonos para falar de literatura, un domingo de cada mes.
Subscribirse a:
Comentarios (Atom)








