venres, 27 de marzo de 2020

DÍA MUNDIAL DO TEATRO, 27 de marzo (II)


·    

   Falando de teatro, é a hora de lembrar a aqueles que escribiron teatro e nolo legaron directamente, sen nada a cambio, na BVG (esa páxina que fala da falta de xenerosidade ao quedar parada e da que agardamos que alguén se faga cargo -se lle deixan-). Por se alguén non as atopa, imos alá!
P  Sempre enteiras, aínda que podedes probar a catar anaquiños doutras...
    Para a infancia unha marabillosa obra de X. Agrelo Hermo: O cartafol de Ruperto e Auto de Entroido   de Manuel Lourenzo González (premio O Facho).  
   Para adultos, tedes a de Xoán Bernárdez, O valedor do reino; o monólogo para inventar o amor de Fernández Naval, Non se che faga tarde; Quase toda a verdade sobre os Outeiros do Inferno de Joel R. Gómez; O reino de atrás de Manuel Lourenzo e Noitebra de Euloxio R. Ruibal.      
..... Porque todos e cada un dos días son válidos para o teatro!
(Continuará, porque todos os dçias son dçias de teatro, na casa (léndoo; representándoo de todas as maneiras posibles: lido, representado con actores e actrices ou con bonecos e asistindo ao teatro. De todo isto nos fala Paula Carballeira no seu Manifesto polo Día Mundial do Teatro que pdoemos ver na páxina de GALIX, igual de algunha que outra sorpresa)
VIVA O TEATRO!!!!

xoves, 26 de marzo de 2020

DÍA MUNDIAL DO TEATRO, 27 de marzo (Un adianto)

Teatro, puro teatro. A casa tamén pode ser un escenario no que xogar a representar, facelo coas nosa voces ou cos corpos enteiros ou cos bonecos que podemos facer ou Por certo, falando de facer... mirade como elabora a que protagoniza Mariña, Isabel Somoza na páxina, como podes facer algo con papiroflexia buscando no Salón do Libro a alguén que conta un conto, o CoronaConto, ou facendo este Pinocho  elaborado por Reviravolta, ou seguindo do vídeo de "Como facer unha marioneta hixiénica".

Vaiamos preparando as ferramentas!

























domingo, 22 de marzo de 2020

Finalistas da Gala do Libro 2020. Infantil

Infantil
– A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira (Oqueleo)
– Bicos e non balas, de Antonio García Teijeiro (Editorial Galaxia)
– Conexión Macarrón, de Ledicia Costas (Edicións Xerais de Galicia)
– Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos (Kalandraka Editora)
Como vemos, temos repetido a Antonio García Teijeiro nun par de libros. Un par de libros de poesía; agradecemento por ter en conta este xénero que non sempre se fai tan visible.

sábado, 21 de marzo de 2020

Feliz día da poesía!

                                                                           Imaxe de Bibliotecas Escolares. Maleta de poesía
Un 21 de marzo distinto pero igualmente poético, porque igual poucas veces nos fixo tanta falta o verso: esa palabra sintese e chea de connotacións, esa verba inflamada, esa emoción que nos embarga, ese inconsciente que emerxe...
Poesía que a rapazada está a ler na casa, acompañada da familia. Poesía que pide en audio GALIX a través do Certame do DILI.
A poesía é a demostración da necesidade do inúti
"Esa cousa tan rara que cando a leo sinto algo aí, no medio das costelas, e véñenme as bágoas aos ollos", dixo Carmela con poucos anos, lendo a Rosalía. 
As últimas entradas do blog sobre poesía:
Discurso de Federico García Lorca na inauguración da biblioteca de Fuente Vaqueros
O libro dun novo autor de poesía infantil
Día de Rosalía
De trabalinguas
Poesía con ilustración
Poesía
Para o día da paz, un poema de Ricardo Carvalho Calero
...

                                                                                                  Porque ás veces as balas adpptan a forma de virus





venres, 20 de marzo de 2020

Un novo libro infantil sobre Carvalho Calero

Lela Edicións acaba de sacar unha nova publicación. Trátase de Ricardo Carvallo Calhero da autoría de Miguel Pérez Ramudo (ilustracións)  e Polo Correo do Vento (texto) na colección BD.
Gardas interiores con retratos a debuxo do autor das Letras en diferentes momentos da súa vida para dar comezo a unha biografía realizada en cómic e a toda cor e rematar cunhas follas de actividades precedidas da foto do Seminario de Estudos Galegos convertida en debuxo, bosquexos e resumo biográfico. Un material pensado directamente para a escola. Unha homenaxe ao ensinante, estudoso e investigador da  nosa cultura como subtitula o libro en formato cadrado. Unhas botas aclaratorias achegan determinadas licenzas artísticas e unha pequena bibliografía.

xoves, 19 de marzo de 2020

Unha nova obra de Xoán Babarro


De novo este autor nos fai unha entrega solta e amena. Como se acertara coa fórmula, coma se tivera un neno na casa (ou nas proximidades) e lle collera as maneiras. 
As ilustracións de Luz Beloso son estupendas cando retrata ao neno e á irmá ou a tía; as expresións e os xestos están tan "pillados" coma as palabras por parte do autor. 
En primeira persoa, Antón vainos contando a súa historia e confiando en que a profe lle corrixa aquilo no que el falla, e a ela se dirixe nas notas ao pé de páxina. Preséntase, ten unha irmá máis nova; viven co pai e a nai, coa avoa que vive co gato de veciña nunha rúa paralela; os outros avós viven no campo. Coas súas maneiras de neno vai contando o mal que o pasou cando naceu súa irmá e pensaba que non o querían xa, como aprendeu a asubiar na escola dos merlos, como xoga coa tía e coa irmá, como foi pirata durante seis meses (e ademais do barco co que el fantasea, o avó constrúelle un cunha casca de noz para que o poidan ver todos), como lle ensina a chiscar o ollo á irmá… 
Conta o neno o que vive e como o vive, a imaxinación entrando e saíndo da realidade, as preocupacións pola situación actual (o paro e a pobreza aparecen ao lado das fábricas que pechan) e a naturalidade no uso dos medios tecnolóxicos, coa actualidade e a tradición dándose a man, porque o autor tamén recolle unha serie de xogos que introduce no relato tanto fórmulas tradicionais como as creadas seguindo as estruturas populares. 
Leamos algo:
“A avoa Olalla é moi poética. Quero dicir que, cando conta unha historia, en vez de falala coma ti e coma min, sempre a pinta coa súa diferenza…
- Mira, Antón dos espirros que lles provoca a contaminación…, das que están xordas por mor do ruído, das que teñen a cara enlarafuzada… e bisban moi baixiño da xente que non ten teito…, da que rebusca nos colectores do lixo…, da que pide esmola no semáforo… e, ao final, acaban sempre laiándose… “Quen puidese xogar ás agachadas por entre as árbores dos campos traballados!”
Eu entendo moi ben á avoa Olalla. E seille levar a conversa…”