venres, 3 de abril de 2020

Finalistas Gala do Libro. Libro ilustrado

Libro ilustrado

 – Irmá paxaro, de Tamara Andrés, ilustracións de María Montes (Cuarto de Inverno)
– Os camiños do vento, de Xavier Estévez, ilustracións de Xosé Cobas (Edicións Xerais de Galicia)
– Teño dereitos, de Miguel Robledo (Aira Editorial)
Tres libros situados na franxa de infantil so dous últimos e xuvenil o primeiro.
Repite nominación Irmá paxaro que xa aparecía nos finalistas de xuvenil.
En canto aos ilustradores e ilustradora, o máis veterano é Xosé Cobas que leva ilustrado máis de cincuenta títulos. Cun estilo moi característico nos que ao lado do lapis aparece a acuarela, a obra inacabada, o hiperrealismo, mestura de técnicas e estilos cuns elementos que se repiten da mesma forma que se recoñecen as súas obras polo uso de terminadas cores ou os ricos empastados dos fondos.
María Montes é un boa descuberta. Ela asina os retratos das autoras nos libros de Tamara e Antía Yáñez na editora Cuarto de inverno e as ilustracións do primeiro. Unhas ilustracións que acompañan moi ben os versos e lle achegan, tamén ese punto de misterio no papel en branco. Entre a LIXG só lle viramos anteriormente as ilustracións da reedición dun dos libros de María Victoria Moreno pero aínda non despregara todo o seu potencial, como fai agora.
Miguel Robledo é un ilustrador versátil que, neste caso, se centra en infantil entregando un produto de moita calidade. Se acudimos á súa páxina de blogspot atoparemos dende publicidade, carteis, postais ou libros entre os que podemos atopar fantasía, bd ou clásicos, sempre deixándolle o seu propio selo. 
 

xoves, 2 de abril de 2020

Día Internacional do Libro Infantil, 2 de abril. Mensaxe e cartel

FAME DE PALABRAS

img_oepli
"A finais do mes de abril, ou a comezos de maio, no meu país reverdecen os arbustos. Ao pouco tempo, as crisálidas das bolboretas prenden neles. Locen coma boliñas de algodón, mais as eirugas devoran folla tras folla ata que os arbustos perden o seu verde por completo. Cando as bolboretas saen das súas crisálidas botan a voar; pero malia todo, os arbustos non quedan arruinados: dentro dun ano volverán agromar, e así unha e outra vez.
Esta é a imaxe dunha escritora, a imaxe dun poeta: os contos e os poemas aliméntanse deles, ríllanos, esgótanos... E cando xa están escritos, saen voando para acabaren nos libros, para aterraren nos oídos daqueles que os escoitan. E isto non deixa de repetirse nunca...
E que ocorre cos poemas e cos contos?
Coñezo un rapaz ao que operaron dos ollos. Logo da intervención tivo que estar dúas semanas deitado sobre o seu costado dereito; e despois, durante un mes máis, non puido ler. Non puido ler nada. Cando, tras un mes e medio de repouso, volveu coller un libro, tivo a sensación de estar arramplando coas palabras a eito dunha tarteira. Como se as comese, como se as comese de verdade.
E coñezo unha rapaza que agora é mestra, e que dixo: “Pobres daqueles nenos aos que os seus pais non lles lían libros!”
As palabras, nos poemas e nos contos, son alimento. Non son alimento para o corpo, porque ninguén podería encher o estómago con elas. Son alimento para o espírito e para a alma.
Cando alguén ten fame e sede, o seu estómago encóllese e sécaselle a boca. Busca encontrar cando menos un codeliño de pan, unha cunca de arroz, un peixe ou unha froita. Canta máis fame, tanto máis se lle estreita a mirada, ata que xa non ve máis ca un bocado ou un grolo que o deixarían farto.
Pero a fame de palabras non se presenta deste xeito, senón que toma forma de abatemento, de apatía, de arrogancia. A xente que sofre deste tipo de fame non é consciente de que na súa alma reina o frío, non se decata do que está a pasar a carón de si mesma e non se ve. Unha parte do mundo váiselle das mans sen sequera notalo.
Esta fame unicamente poden saciala os poemas e os contos.
Se nunca o fixemos, existe a esperanza de que poidamos acalmar este tipo de fame?
Si. Aquel mozo le, raro é o día en que non o fai. E a moza que é mestra le contos para o seu alumnado. Cada venres. Cada semana.
E se algunha vez lle esquece, son as nenas e os nenos quen llo lembran.
E a escritora? E o poeta? Ao ano seguinte, reverdecerán. E volverán roelos os contos e os poemas que logo, transformados en bolboretas, botarán a voar. Unha e outra vez."
Escrito por Peter Svetina (Eslovenia)
Ilustrado por Damijan Stepancic (Eslovenia)
Traducido por Héctor Cajaraville

mércores, 1 de abril de 2020

Día da Arte Galega, 1 de abril

Cando a Real Academia Galega de Belas Artes adoptou o 1 de abril como Día da Arte Galega, aclaraba que se facía en lembranza de que nesa data do ano 1.188 se colocou o Pórtico da Gloria, tal como consta no epígrafe baixo os dinteis. O significado desta obra xunto co seu autor, o Mestre Mateo que tal como se comenta na páxina da RAGBA,na aquitectura,na escultura, na pintura e incluso na música.
Pois ben, dende o principio se lle comentou á Academia que se ben se entendía a razón, o día non era o máis axeitado para o traballo en educación (que é onde máis se visibilizan as efemérides) se temos en conta a proximidade do Día da Poesía (21 de marzo), o Día do Teatro (27 de marzo) e o Día do Libro Infantil (2 de abril). Na Mariña Luguesa, uns anos antes (quen dixo que o ensino non se adianta?) xa puxeran en marcha o Día da Arte Galega na Escola o 1 de xuño por ser a data de nacemento de Luís Seoane. Foi inútil...
Ata agora, os homenaxeados foron: Maestro Mateo (2015), Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (2016), Maruja Mallo (2017), Alejandro de la Sota (2018) e Luís Seoane (2019). Correspondéndolle neste 2010 a Domindo de Andrade (Cee, 1639-Santiago de Compostela, 1712)
Acerca deste arquitecto galego de proxección universal, recollemos unhas notas da Galipedia: estudou na facultade de Artes da Universidade de Santiago de Compostela, en principio coa idea de facerse crego. No ano 1669 xa era aparellador maior da catedral e no 1676 foi nomeado mestre de obras do templo compostelán. Neste, é da súa autoría a Torre do Reloxo, o pórtico real da Quintana ou a capela do Pilar. Tamén traballou no convento de San Domingos de Bonaval, onde foi quen de executar a afamada escaleira de caracol debuxada por Palladio e Vignola e o claustro. Como mestre de obras municipal fixo a Casa da Parra e a, xa póstuma, Casa Conga. Na catedral de Lugo realizou a sala capitular e a sancristía e tamén traballou na catedral de Ourense.
Agora que a rapazada anda pola casa sen poder saír, igual era cousa de animalos a traballar esta figura buscando imaxes da Torre do Reloxo, Pórtico Real da Quintana, Casa da Parra e Casa da Conga para decatarse de como a praza da Quintana recolle unha parte fundamental da súa obra. Observar as ventanas da Casa da Parra para descubrir o motivo das guirlaldas de flores e froitos que rodean as ventanas, a modo de cornos da abundancia, que atoparemos noutros lugares da cidade; e tamén a grandiosa chimenea que coroa a casa.
Pero, quizás, o que máis lles vaia interesar sexa a triplo escaleira de caracol que -na actualidade- forma parte do Museo do Pobo Galego, unha escaleira que lembra as xeometrías imposibles de Escher. 




martes, 31 de marzo de 2020

GaliciaLe (Plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas)




GaliciaLe, a plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas ofrece os seus servizos tanto aos que teñen carnet como a aquelas persoas que non o teñan aínda...
Libros, libros con música e películas.
GaliciaLe facilita as condicións de acceso á plataforma en tempos de alarma.

luns, 30 de marzo de 2020

Máis Magas das letras galegas: agora Baía


Cando unha empresa privada, como viamos na anterior entrada (Xerais) e nesta, Baía, fan o esforzo polo galego, por dar de ler en galego a través da rede, de forma gratuíta, sempre quedamos sorprendidas e agradecidas.
Sorprendidas porque os negocios están pensados para dar réditos, para facer cartos como se ten demostrado ao longo da Historia, por iso, cando asumen papeis de responsabilidade e compromiso co público, con todos e todas, cos que teñen cartos e cos que nunca lles merca un libro, sorpréndenos e non debería, porque moitas das editoriais galegas que publican en galego saben moito de proxectos deste tipo, de traballo para facer país e identidade, de esforzos para manter ese patrimonio herdado e para seguir construíndo cultura.
Cando se fala dunha cultura subvencionada había que mostrar claramente cales son os negocios que se aproveitan (de facelo) porque eu o que vexo é moito esforzo persoal (quen non lembra a Bragado percorrendo Galicia para dar a coñecer libros e autores/as?) e de grupo (defendendo a lingua e a lectura mellor que moitos que cobran para iso).
Grazas, neste caso imos dicir que chegaron as Magas
Así o presentan: "Baía Edicións con vos na casa" 
Propostas de lectura
Para 4-6 anos:
         Nube branca quere ser astronauta, de Pablo Nogueira e Manuel Uhía (ilustracións). Disfrázate, sopra, canta e salta con esta sinxela historia de superación, solidariedade e empatía,  que che axudará a mellorar a pronunciación. DESCARGA 
        Un día de treboada, de María de Mata e Mariana Riestra (ilustracións). DESCARGA. Por que non pode unha muller ser tractorista? Falamos de igualdade, sempre a ter en conta
        O dragón comemedo, RuAn (texto e ilustracións). DESCARGA.  Este conto pode axudar a superar os medos a pequenas e pequenos, nun momento en que senten que algo estraño está a pasar, sen poder saír da casa.
Para 7-8 anos: 
      A casa máis animada do mundo, de Cristina Sáez Cazallas e Almudena Aparicio (ilustracións). DESCARGA  Esta é a historia dunha casa encantada habitada por seres especiais que nos regalan un conto para cada día do mes. 
      O tempo do revés, María Solar, Arturo Iglesias e Xosé Tomás (ilustracións). DESCARGA. Serán Ana e Aldara capaces de falarse se non teñen en conta que a Terra é redonda? Vaia lea! Un enredo divertido coa física da Terra como fondo.
Para 9-10 anos:
       Boa sorte, de María Solar, Arturo Iglesias e Xosé Tomás (ilustracións). DESCARGA. Boa sorte tiña moi mala sorte. O primeiro que fixo foi nacer e xa non lle saíu ben, pois naceu de cu. Ciencia e aventura nunha única obra con divertidos experimentos. 
        Moko, Cristina Sáez Cazallas e Fernando Juárez (ilustracións). DESCARGA. Moko chegou ao noso planeta en 1998 para alertar os habitantes da Terra dos perigos da destrución da capa de ozono e vivir unha aventura inesquecible.
Para maiores de 12 anos: 
         A herdanza do marqués, de Conchi Regueiro e Noemí López Vázquez (ilustracións). DESCARGA Zoila nin imaxinaba que un sitio como Vilacardoso podía encerrar tantos segredos escuros. Bastante fora con deixar a cidade, as vellas amizades e, sobre todo, a Jonathan
         Diario dunha noiteboa, de Jacobo González Outes. DESCARGA. Novela negra ambientada en Compostela e no segredo dun grupo de estudantes de universidade que vai ser desvelado no diario do principal acusado da morte dunha moza. 
          Liliput, de Manuel Lugrís Rodríguez. DESCARGA. A Coruña como pano de fondo nunha investigación xornalística na que se nos presenta unha época na que todo se desenvolve como un espectáculo de monicreques e onde ninguén pode escapar ao seu destino.

domingo, 29 de marzo de 2020

O compromiso de Xerais en tempo de reclusión


Catro títulos de Xerais para abrirlle a porta á lectura en galego, ese é o título da entrada do Blog de Xerais que nos anuncia esta boa nova.
A xenerosidade e o compromiso dunha empresa co galego, neste caso -ademais- tendo en conta que xa non é galega,  que non son bos tempos para a edición na nosa lingua... que acaban de pasar por unha crise forte na que perderon o mellor dos seus activos: Manolo Bragado (un home ao que -coma a Rivas- costa traballo chamar Manuel, tanta é a confianza que a parte iluninada do país ten neles).
Grazas, Xerais, por activar a mellor demostración de que estás na defensa do país e a súa lingua. Agora está a pelota outras mans, na do profesorado que pode recomendar esta lectura, por dala a coñecer, por motivar ao alumnado (tamén a distancia), por poñer en valor unha iniciativa que merece todo a nosa consideración. 
Está a pelota nas mans das familias á que unha industria lle facilita o tempo de ocio dos seus fillos e fillas, un libro para cada tramo de idade, unha boa escolla que se lles entrega nas mans / ollos a través da pantalla (nestes tempos nos que seixa a eles lles gusta máis mirar a través desa luz).
Agora, a pelota está nas mans de toda a xente que debería estar dirixindo e redirixindo esta iniciativa ás redes para que ninguén quede sen saber que cada rapaz e rapaza deste país foi agasallado con catro libros, para que ocupen o seu tempo de descanso, facendo o mellor que poden facer en situación de alarma e reclusión, lendo boa literatura.
Este paso non é un paso calquera. Este paso é unha maneira seria e comprometida de defender a lectura  e a lingua, a literatura e á rapazada. Se algún neno ou nena non se enteran de que teñen catro libros de agasallo, será que as persoas adultas non estamos onde temos que estar, non facemos o que debemos facer. 
Viñeron os Magos e trouxeron lectura!

sábado, 28 de marzo de 2020

DÍA MUNDIAL DO TEATRO, 27 de marzo (III)









Vén a conto que agora lembremos a Carvalho Calero que publicou dous libros de teatro: Teatro completo e Catro pezas. En Catro pezas de 1971 aparecen A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro) e en Teatro completo as mesmas e a maiores O fillo e Isabel.  Tamén ten escrito ensaios falando de teatro como Teatro Nós ou Escritos sobre teatro.   ao que se pode acceder directamente na edición dixital.
Lálase tamén na BVG dunha conferencia "Sobre o seu teatro" ditada na Sala Luís Seoane da Coruña o dia 30-5-1983, con motivo da apresentación dos dous primeiros volumes dos Cadernos da Escola Dramática Galega. 
E, sobre o teatro do mestre ten escrito Henrique Rabuñal en Adiante.
Neste estudo aparece citada outra obra titulada: Os xefes.
Sobre Carbalho Calero e máis próximo a nós a obra de Héctor Cajaraville: Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso, na que -tal como comentabamos na entrada correspondente, introduce sete pezas nas que recoller escenas da vida do autor; dicíase así: "Neste caso, ademais do texto expositivo, o listado de recoñecementos, a recollida da obra publicada e a cronoloxía que pon en relación cos acontecementos mundiais, engade sete pezas teatrais que recollen momentos moi especiais da súa vida e ao tempo recoñecen esa querencia e afición polo teatro por parte do autor homenaxeado. Lembremos que de neno se supón que asistía ao teatro Jofre (preto da súa casa ferrolá), foi alumno de Comellas Coímbra que acada sona como dramaturgo, dirixe ao grupo de alumnos/as de teatro no colexio Fingoy organizando as veladas teatrais, escribe dramaturxia... Por iso, Cajaraville lle dedica esa ofrenda detida na morte da nai, no paseo pola alameda compostelá da man de García Sabell, Fraguas e Cunqueiro; a despedida da muller en Lugo camiño de Madrid, no cárcere andaluz, dirixindo o teatro no Fingoy, no día da despedida na universidade e o día da morte despedíndose da familia."