venres, 19 de xuño de 2020

De álbumes e fermosura

O colar de bágoas de Franca Perini e Anna Pedrón, traducido por Xosé Ballesteros e publicado por Kalandraka.
Unha nena recollía bágoas e ía ensartándoas. As bágoas non eran todas iguais, habíaas de follas, de cristal, de cera, de caramelo, de pétalos de flor, de medicina, de resina, de area, de migallas de pan, dun mar inabarcábel... Atou o colar ao pescozo. Deixou, á beira do camiño, para que outros as colleran, as bágoas de alegría. 
Texto mínimo pero moi suxestivo e cunha mensaxe xenerosa, porque hai alguén atento á dor dos demais aos que agasalla con alegría.
Ilustracións fermosísimas, figurativas, suaves, delicadas, líricas á par dun texto poético pleno de metáforas.
Un libro que fala de emocións e de sentimentos, da sensibilidade e da poesía que anda acompañando a solidariedade.
Un colar de bágoas, unha cartografía das emocións, un prospecto para a frustración e a dor... Un deses libros fondo de armario.
 

mércores, 17 de xuño de 2020

As formigas polos libros



Aínda non hai moito que liamos A formiga fóra do carreiro cando chega a nós A formiga destemida publicada por Xerais.
María Reimóndez escribe unha historia corrida no senso de solta, lixeira, cunha unidade de ton que fai moi apetecible a súa lectura.
Préstase o mundo das formigas a crear historias de rebeldía, máis ou menos decididas, con máis ou menos vontade de enfrontarse ao formigueiro, a esa colectividade de seres que andan a unha para non diferenciarse, que coma os pequenos paxaros que se unen para debuxar un ave rapaz en voo, resistirán por actuar como unha soa, todas igual. Pois ben, sempre hai algunha que se diferencia, neste caso por despiste, porque queda pasmando e perde ás outras. Daquela, aproveita para aprender o que o mundo lle pode ensinar cando ergue a vista do chan e descobre a carricanta e o son que sae das súas membranas e observando será quen de artellar un timbal con follas, foi o que aprendeu con ela. E así continúa a cadea de encontros con diferentes animais (cabaliño do demo, zapateiros, a serpe, o rato, a ovella...) cos seus agasallos e as aprendizaxes adquiridas con cada un deles.
Ilustracións moi boas, de Iván Sende (igual que as dos libros anteriores desta autora). Expresivas, cun aquel de debuxo naturalista, algunhas personificadas; tal vez as que teñan menos interese sexan aquelas que se notan moi dixitais como a do raposo.
Detrás da historia: o problema dos humanos crueis que envelenan o río; os animais, cada un ao seu coas súas cousas; e o aviso, de vez en cando hai que saír do carreiro ou quedar nel mentres os demais se van, perder o grupo é bo para aprender porque cando vas soa están máis atenta e disposta a aprender e contactar.
Da presentación editorial: “Unha fábula sobre a ansia de coñecemento e a importancia de afrontar a vida sen prexuízos que nos limiten” A historia vai soa, cos seus pasos por diferentes animais e lugares e cun humor branco que a acompaña. Coller camiños non marcados serve para iso 

luns, 8 de xuño de 2020

O libro das Letras






















Acaba de saír do prelo o libro As Letras Galegas en caricatura  do escritor e artista plástico Heitor Picallo "O Carrapucho".
Trátase dunha proposta moi interesante pois nel recóllense os autores e autoras homenaxeadas nas Letras dende o 1963 ata o 2020.
As cubertas do deseñador Martiño Picallo achegan unha calidade que vai dende os libros á tipoloxía de letra, ese corazón que se abre entre obras para deixar pasar a primeira das homenaxeadas e o último deles.
Entre un limiar de Fina Casalderrey e un epílogo de Mercedes Queixas, unha breve semblanza do autor e unha introdución na que se explica a obra nos aspectos literarios e plásticos, para dar paso á caricatura de cada un dos homenaxeados colocada na páxina dereita que vai precedida por un texto, unha pequena biografía co ars memoriae e as obras destacadas de cada autora e autor.
Un traballo sintético para mostrar e demostrar o valor de cada un deles, para reinterpretar a imaxe e mostrarnos a súa achega á nosa cultura.
Cada detalle do libro está coidado. Nada é gratuíto. Dende o código de barras ao cosido das follas ou a bandeira que sobresae nos extremos. Porque así é Picallo, rigoroso e perfeccionista, comprometido e amigo dos símbolos, por iso, non dubides de que cada letra ou trazo teñen un sentido. Agora, a túa tarefa é interpretalo.

venres, 5 de xuño de 2020

A derradeira obra de Docampo

O pintor cego, un álbum ilustrado de Xabier Docampo ilustrado por Xosé Cobas, acaba de aparecer.
Escribimos derradeira e pártesenos algo dentro do peito. Porque queremos tanto a Docampo como Cortázar dicía respecto a Glenda (Queremos tanto a Glenda, a modo de homenaxe e Glenda Jackson). Botámolo de menos en cada páxina...
O mellor pintor dun tempo, ese que retrata o que hai detrás da máscara da cara de retratado, é chamado por un rei. O rei é malvado (cal non o é, fóra do pai da princesiña de Rubén Darío?) e encárgalle debuxar á súa muller. O que nun principio era unha sorte (non terá que facelo a el e descubrir a súa crueldade) vaise volver unha desgraza cando o pintor observa a esa muller, tempo e tempo, porque "quere abranguer e facer súa tanta beleza". O rei interpreta mal (ou ben?) as palabras do artista e castígao... a historia continúa.
Que haberá máis contraditorio que un pintor cego?
Como pintar liñas e cores sen ollos?
O pintor cego farao coa música, que leva consigo esa cinta branca, que atravesa o volume. Pintaraa, musicaraa, ata dar con ela e poder viaxar á illa onde permanecerán xuntos.
Unha vez máis os azuis e vermellos de Cobas lévannos a percorrer a historia, na que unha e outra vez seguimos chamando a Docampo.
Habería que recoller todas as súas historias contadas para organizar audiolibros, pero tamén para representar aquelas que aínda non se viron en palabras escritas.

mércores, 3 de xuño de 2020

Máis recursos para non aburrirse na casa

Para non correr máis riscos dos necesarios... a cultura pon ao servizo do público o seu bo facer.
Quen responderá a tanta xenerosidade?
Quen se acordará cando os tempos cambien?
Quen se fará consente da súa necesidade en todo tempo e abandonará unha profgramación televisiva maioritariamente inmunda para acudir a velos, a mercar os seus libros, a xogar os xogos que promoven, a escoitar as súas músicas...?
https://botons.eu/ (propostas pensadas para a corentena do Portal galego de educación)
https://aulasgalegas.org/  (proxecto global).
-          http://xogos-tradicionais-corentena.weebly.com/ (propostas de xogos e de actividades para as casas).
-          https://euficonacasa.adega.gal/ (recursos educativos “liberados” por ADEGA).
-          http://apego.gal/ (proxecto permanente para os primeiros anos... en galego).
-          http://pontenasondas.org/propostas-didacticas-para-a-corentena/ (propostas didácticas para a corentena de Ponte... nas ondas!)
-          https://botons.eu/ (propostas pensadas para a corentena do Portal galego de educación).
-          https://www.galiciale.gal/ (a biblioteca virtual galega, con acceso libre durante a corentena).
-          https://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/exercicios/pasatempos/cantigas.htm (200 cantigas listas para seren cantadas).
-          https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=0&id=2495 (a Enciclopedia da fantasía popular de Galicia, que sempre está dispoñible).
-          https://www.youtube.com/user/sonarboretv/videos (vídeos musicais infantís accesibles da Editorial Galaxia).
-          http://www.crtvg.es/infantil/programas (o Xabarín, con todos os seus recursos).
-          http://www.kalandraka.tv/gl/index.php (os autores/as de Kalandraka contando os seus contos).
-          https://asociacionculturaltebeosfera.blogspot.com/2020/03/tebeos-para-una-pandemia.html (cómics e tebeos “liberados”).
A catedral de Santiago en 3D. Un artigo con hipervínculos en La Cultura Social
http://laculturasocial.es/la-catedral-de-santiago-y-su-replica-medieval-en-3d/
El libro total, a biblioteca virtual de América. Libros para lectura en aberto e en soporte audiolibro.
Aqui, contos latinoamericanos nun click

martes, 2 de xuño de 2020

LITERATURA INFANTIL Y JUVENIL. SELECCIÓN OEPLI 2019

Pois si, tamén saiu xa o catálogo de Libros Infantís e Xuvenís, que publica a OEPLI cunha selección das mellores obras editadas en cada unha das linguas. A distribución vai por libros publicados e, desa maneira, como se pode observar, a lingua menos representada é a galega pois publicáronse máis libros en calquwera dos outros idiomas.
Unha lacra!
Podemos acceder ao catálogo neste enlace.

xoves, 28 de maio de 2020

O Catálogo de Libros Infantís e Xuvenís Galegos

O Catálogo de Libros Infantís e Xuvenís Galegos 2020, correspondente á produción de 2019, xa está nas redes.
Este ano, as dificultades coñecidas, impediron a realización das feiras internacionais e, polo tanto, non contamos co el en papel, neste momento, aínda que non desistimos de pensar que se imprimen aínda que sexan poucos exemplares.
Un recurso moi interesante para as bibliotecas e persoas mediadoras, para editoriais, creadores/as...
Lembremos que na páxina de GALIX posemos acceder a todos os catálogos publicados.