luns, 13 de xullo de 2020

O fútbol no centro do libro

Mariña e o balón é un libro de Pere Tobaruela con ilustracións de Pablo Rosendo publicado na colección Merlín para lectorado a partir de sete anos.
Así se presenta: "Mariña é unha namorada do fútbol e da poesía. Escribe poemas acotío, pero aínda non se decidiu a anotarse nun equipo de fútbol porque pensa que todo o mundo vai ser coma os seus compañeiros da clase, que sempre amolan as nenas que queren xogar co balón no recreo. Con todo, Mariña devece tanto por canear, fintar, pasar, xutar e meter gol que está disposta a solucionar este problema coa axuda das súas amigas"
Mariña, de forma suve, case sen enfrontarse, consegue que as amigas a acompañen no xogo e cando os rapaces lle tiran lonxe a pelota ela canea, finta, pasa, xuta e mete gol coa que utilizan eles para xogar, rapazas e rapaces xogan ao fútbol agás un (sempre hai un) que se nega, por iso a nena irá con seu pai á escola deportiva no fin de semana porque realmente a ela iso de xogar ao balompé gústalle e aos seus pais tamén. Unha familia sen estereotipos que aproveita as comidas para falar e rir.
O patio da escola é un lugar onde se nota moitas veces esa discriminación das nenas, porque son os rapaces os que xogan fútbol (só fútbol) e non lles deixan xogar a elas, ocuapando a maior parte do espazo e deixándoas fóra. Xa se vira en A reconquista de Antía Yáñez cando as rapazas deciden ocupar o patio poñéndolles difícil o xogo ata que os convencen de que hai máis xogos e de que todos e todas poden xogar a tódolos deportes. Agora faino Tobaruela dunha maneira diferente pero facendo fincapé no mesmo, en que todos e todas temos dereito a xogar ao que nos apeteza. 

sábado, 11 de xullo de 2020

Bibliotecas, a súa necesidade

As bibliotecas, tamén nestes tempos (e incluso máis por iso) han de ser porta democrática de acceso á información, por iso precisan de recursos que garantan a prestación dos servizos en condicións dignas.
As autoridades han de ter un liderado ideolóxico na democratización e universalización dos servizos bibliotecarios, deben dar mostras de credibilidade e apoiar as bibliotecas porque son o centro cultural, educativo, social e informativo máis importante das comunidades locais.
Elas han de estar abertas por vacacións ou por traballo, porque sempre son necesarias, en todo tipo de tempo e lugar.
Nelas está o patrimonio e a historia. Elas poden construír cidade lectora e declarar capital da lectura, se for o caso.
Un protocolo de actuación. Medidas preventivas. Coidados, pero tamén servizos.
Porque a xente necesita das bibliotecas presencialmente ou de xeito virtual.

mércores, 8 de xullo de 2020

Contar os contos

Kalandraka TV é unha canle audiovisual, unha ferramenta de fomento da lectura, un medio de comunicación cultural... e todo o que queirades engadir despois de revisar a súa "programación".
Podemos ir revisando as diferentes seccións, dende os booktrailers das novidades ao Sen fronteiras onde se recollen novas internacionais, pasando por Contos contados para ver na casa, Crónica coas súas reportaxes, Atelier coas visitas aos obradoiros dos ilustradores/as, Actualidade coas súas miradas, Contar e cantar, Onde habitan os libros nun percorrido polos seus lares, Puntos cardinais coas referencias do libro infantil, Dúas olladas co encontro entre autoría e ilustración, Libros para soñar coas lecturas destacadas   Recomendacións e Vídeos musicais. Calquera que coñeza o libro infantil se sentirá feliz de todo o que se achega dende as suas pantallas. 
Hoxe quixera determe nas contadas como esta de Olalla González de Chibos chibóns ou esta outra que fai Ana Abelenda do libro Lúa, Bea Campos de Un agasallo diferente, Paco Nogueiras con poemas de Cantarolas de Neira Vilas e Anisia Miranda.

luns, 6 de xullo de 2020

Un novo libro de Xoán Babarro

Os horizontes de Adar de Xoán Babarro publicado na colección oqueleo de Obradoiro Santillana.
Da presentación editorial: 
"Viaxe clandestina en barco, soidade, buscar comida no lixo, durmir en albergues, estar separado dos seus... Por sorte, Adar faise amigo dun can extraviado. Nese momento todo empeza a cambiar. E, a medida que vai resolvendo o enigma da misteriosa marioneta que lle aparece no peto, as novas amizades axudaranlle a albiscar unha luz no seu futuro."
Para adentrarse no misterio dos refuxiados, Babarro, acude unha vez máis a esa faceta de escritor solidario con xentes e pobos. Este é, para o meu gusto, un dos libros nos que mellor resolve ese relato dos "outros". No capítulo cero recolle os materiais que un sirio que chega a Barcelona fuxindo da guerra lle entrega, e con eles vai narrando unha sucesión de tempos que o acaban traendo a Galicia onde traballará na Escola de Idiomas. A historia dos estranxeiros que titulados nos seus países de orixe teñen que facer traballos de todo tipo naqueles aos que chegan, ata o punto de considerarse moi ben tratados cando lles pagan por pasear cans sendo filólogos.
Unha historia fermosa, chea de bondade porque Babarro non pode contar as cousas doutra maneira, a súa bonhomía lévao a escoller eses personaxes. A Adar sálvano os cans e os vellos, máis ben as vellas, esas mulleres abertas de mente e afeccións que non desconfían do outro senón que están dispostas a darlles acubillo.
Destaca, tamén, a imaxe da cuberta da autoría de Nader Sharaf.

xoves, 25 de xuño de 2020

Narrativa, sen idade

O ceo das reixas de Eli Ríos publicado na colección narrativa de Xerais.
Presentación editorial: "Noelia está presa no módulo de respecto cando na cela contigua sucede algo grave. Ela, que é cirurxiá, séntese obrigada a intervir. Logo, da dirección da prisión solicítanlle que vixíe e informe sobre a súa nova compañeira de cela, Fina, unha vella que semellaba dócil pero coa que terá que manter un pulso complicado. O ceo das reixas, de Eli Ríos, recrea o ambiente carcerario a partir de protagonistas femininas e fainos descubrir que a liberdade non sempre depende do número de barrotes que teña unha reixa. Esta novela fala da invisibilización, dos silencios, da violencia e da linguaxe que constrúen cadeas imperceptibles arredor das mulleres." 
Ben, unha historia de mulleres e de cárceres, de violencia de xénero e de pantasmas, ou non? Unha historia de poucas páxinas, poucas palabras, presentada de maneira esponxada ao estilo dos libros xuvenís (ou diríamos que aínda con máis aire?). Igual se trata dun relato curto, dun conto... pero por moitas voltas que se lle dea deseguidiña se le, pensámola un pouco, dámoslle unhas voltas, rumiamos a historia e segue a ser curta. Pódese dicir que lestes un libro nun tempo récord, pode estar feito a propósito para ser valorada a lectura e non pasar moito traballo...
Por que o digo se a min iso non me importa, pois tanto me gustan unhas como outras? Por que me poño en situación de que me digan o que non quero oír? Porque agardaba por unha nova maneira de facer as cousas que mellorara a anterior pero que non a frivolizara, que non xoguemos a escribir / publicar por reto porque a estas alturas xa sabemos que hai moita xente que sabe escribir pero o papel non é infinito e gustaríanos que se buscaran as historias, se escribiran as novelas, se publicaran as obras con algo máis de reflexión... xurdiu así, porque levo un monllo delas lidas nas que facían falla algunhas horas máis de traballo, porque semella que non se respecta debidamente ao lector ou lectora, que se trata como se non fora intelixente e diso xa temos moito, para ese cesto non facían falla corres. 

mércores, 24 de xuño de 2020

A xenerosidade do pobo do galego

Manolo Figueiras é unha desas persoas indispensables.
O seu traballo como profesor de galego, como dinamizador de iniciativas culturais, como promotor da LIXG (Literatua Infantil e Xuvenil Galega) non ten parangón.
A súa participación como xurado, as súas traducións, a creación de FILIX (Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil Galego) de Chantada e do premio Rañolas de Literatura Infantil, o mantemento da páxina BLIX (Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil) sen axuda de ningún tipo, a asunción de responsabilidades participando na directiva de GALIX... Todo isto fai unha suma que realmente é difícil de superar, sobre todo se observamos que non lle quita ningunha ganancia e si moitos desgustos como é normal neste noso mundo (tan cainista, din uns(unhas; tan miserable, din outros/as).
Agora, Figueiras, anda a realizar audiolibros que coloca libremente nas redes, igual que realizou videos con imaxes e músicas de noso que tamén andan ceibes polo espazo sideral. Unha homenaxe a Agustín Fernández Paz a través de O meu nome é Skywalker ou unha recolleita de contos de medo para tempo de coronavirus... Así son os xenerosos!