martes, 9 de marzo de 2021

Unha travesía no mar da lingua


"Unha travesía no mar da lingua para bailar á roda coas palabras", así se nos presenta O pirata Ataripo de Paco Barreiro co ilustracións de Laufer e publicado por oqueleo. 

"Neste relato vivirás as aventuras do mono tití Ataripo, do seu amigo Chiopío, ratiño de barco, e da súa tripulación de pulgas mariñas, que se lanzarán á conquista dos océanos nunha embarcación singular: O Cocodococo". Todas as aventuras convértense en ocasións para xogar coa lingua, utlizando dende pareados que buscan a musicalidade a homónimos que atopan a confusión. Que farías ti cando atopas que "rata" está en "pirata", se te paras ante "monopolio" e decides brincar con "mono" e "polisón" ou queres ver que teñen que ver "ateresido" con "teres ido"? Tamén te podes entreter coas palabras que van e veñen ou palíndromos (ou capicúas se son números) como "cocodococo" ou coas onomatopeas, buscando outros sentidos a palabras que xa teñen un como "infame" ou "trasnoitar" ou "impensable";  todos os de "cabo" e "golfo"... e as centos de brincadeiras que atoparás salpresando o relato.

Vaia que ler o libro vai divertir porque é seguir a aventura dese mono co rato e as pulgas pero tamén entreterse coa recreación das palabras e maneiras que nos van saíndo ao paso.

domingo, 7 de marzo de 2021

Nova convocatoria do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado

  

Recóllese a información, trasladada pola editora:

O CONCELLO DE SANTIAGO E KALANDRAKA CONVOCAN O XIV PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA DOTADO CON 9.000 EUROS AO MELLOR ÁLBUM ILUSTRADO

 O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora convocan o XIV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros. O prazo de presentación dos traballos rematará o 14 de maio de 2021 e o fallo do xurado darase a coñecer durante a última quincena de xuño. Ao XIV Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade con obras orixinais e inéditas, escritas en calquera lingua oficial da Península Ibérica. As persoas interesadas en participar no certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto.

MÁIS INFORMACIÓN, NA NOTA ADXUNTA