martes, 16 de marzo de 2021

Cando quen manda é a imaxinación

 

Coñeciamos a Kike Gómez por libros anteriores, onde adiviñabamos o seu caudal imaxinativo; agora fáisenos evidente en Rumbo ao horizonte con ilustracións de Dani Padrón e publicado por Bululú.

Chamarse Marco xa ten un plus cando o que queres é navegar (ai, Marco Polo e aquel outro Marco que ía na busca da nai a outro continente) pero sobre todo, ti (en primeira persoa relatando a túa historia) queres saber o que hai na liña do horizonte, esa que levas vendo toda a vida. Coma O Principiño, na súa travesía vai atopando estrañas presenzas: un barco no medio da tormenta no que un tenor canta acompañado por un pianista e saudando aos admiradores, unha illa con fauna e vexetación ben especiais no que destacan dúas sequoias que rematan nunha casa na que habitan dous irmáns xemelgos pero enfrontados (teredes que ler como os engana o bo de Marco e así consegue dous tesouros), logo atopa a Cidade do Mar cos seus paxaros peixe, a Cidade das Sombras... e outros lugares ou non lugares aos que accedemos a través da fantasía do autor, unha creatividade que semella non ter límites. 

As ilustracións de Dani Padrón van creando un imaxinario que acompaña eses novos mundos. Un traballo arduo e difícil, pero moi ben resolto.  

mércores, 10 de marzo de 2021

Un autor: Alberto Varela

  

Coñecemos a Alberto Varela dende que puxo en pé a serie Anamarciana (con tres títulos), a de Dona Landra (con dous) que forman parte dos seus álbumes centrados na problemática ecolóxica e medioambiental xunto con Lume! e Brrumm-Brrumm. Agora, semella que abandonou aos primeiros/as lectores/as para centrarse nos expertos ao asumir proxectos como A rebelión Neria, Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia e Wólfram. Unhas obras moi documentadas sobre diferentes momentos históricos que darán pé a entrar nunha temática sobre a que afondar. O último situado na posguerra española e a II Guerra Mundial coloca en Galicia as redes de espionaxe dos fascistas e os aliados nunha lid silenciosa polo preciado metal.