martes, 22 de novembro de 2016

Premio MOME de teatro Varela Buxán



Madeira de gañador da autoría de TeresaGonzález, acadou o I Premio MOME de teatro Varela Buxán no 2011. 
Teresa González é actriz, contacontos, docente e escritora. Conta con bastantes obras publicadas na colección A Pinguela da editorial Fervenzas, foi mención especial no premio Barriga Verde 2004 e no premio Rafael Dieste; conta co Álvaro Cunqueiro por Sempre quixen bailar un tango e o Manuel Mª por Pingueiras e tarteiras.
Catro personaxes (tres homes e unha muller) e unha mesa de cereixo salvaxe. Eles traballan nunha empresa (da que dous son propietarios) que se vai fusionar con outra (moi potente); nesa situación, un dos socios (o que desde sempre tivo madeira de gañador) comeza a falar coa mesa, semella que se comunican e que a mesa lle conta segredos (por exemplo, que o socio se quere desfacer del e do empregado tan pronto estea todo arranxado coa outra empresa...) pero a identificación continúa ata ir transformándose en árbore. Son depredadores, o protagonista semella arrepentido e identifícase co empregado (un home ecoloxista  e sensible aos demais seres da natureza); a súa moza, que anda a preparar  a voda e se atopa con esta situación, pero tamén ten que escoitar que o mozo sabe o da súa traición co socio, el anímaos a seguir... ao final, pídelle ao empregado que o axude a ir a un lugar onde plantarse e que no futuro o visite cos seus fillos; alí gardaralle unha boa sombra.
Humanos que se transforman en árbores e han de ser plantados na terra. Mulleres planta, na boca de Ledicia Costas, homes que tiveron madeira de ganador e van adquirindo madeira de árbores natural, na de Teresa González. Algo pasa que imos indo cara ao mundo vexetal.

luns, 21 de novembro de 2016

Premio Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos



Un bo día para pasear, Scott. Ana Mª Gallego Gen. Editorial Toxosoutos.
Esta obra resultou ganadora do XII Certame Literario de Relatos de Aventuras Antón Avilés de Taramancos. 
A escritora, docente e tradutora, xa conta co premio Meiga Moura por Bandeiras negras, e tamén é autora  da obras de teatro O porco que perdera a cabeza e Don Matute e a árbore que falaba.
Un mozo narra en primeira persoa, a modo de diario o que sucede nas vacacións de Nadal cando se vai con dous amigos e unha amiga (na que ten certo interese) a un pobo da alta montaña (para prepararse para unha experiencia de frío radical) pois queren presentar un proxecto para ir á Antártida os catro ganando un concurso que convoca Cultura do concello. 
Un relato rápido, intelixente e culto, con moitas referencias e humor, con críticas aos políticos (que convocan algo da maneira máis escura posible para darlle o premio a alguén determinado) e con moita chispa a respecto do carácter dos seus amigos e do que sucede entre eles nesa viaxe, as razóns polas que a realizan e como resulta todo.
As ilustracións de Isabel Pintado en branco e negro e cor na cuberta, achegan ese regusto polo exquisito, esa referencia aos libros tan do gusto da pintora. 

venres, 18 de novembro de 2016

Xornada de GALIX e Ciranda


Literatura infantil galega e portuguesa desfacendo a raia da fronteira, nadando nun río que nos une cheo de palabras e debuxos, de libros e máis palabras.
A Asociación Galega do Libro Infantil (GALIX) e a libraría Ciranda xúntanse para apoiar o coñecemento dun lado ao outro da raia, porque as linguas únennos, porque nos entendemos -queiran que non queiran- e queremos dicilo.

xoves, 17 de novembro de 2016

Premio Pura e Dora Vázquez

Bicha de Eli Ríos, con  ilustracións de Patricia Román. Acadou o XII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez da Deputación de Ourense.
Cóntase a historia de Nina,unha rapaza duns once anos á que lle acaba de aparecer un rabo, daquela fala por telepatía cun compañeiro que está nas mesmas condicións (en plena transformación) e que lle dá un antídoto para que poida eliminar eses cambios que a achegan a unha mona; engádelle outra dose pois vai atopar a outro  ao que lle pase o mesmo. E si, resulta ser o seu compañeiro de mesa que parece ser que se achega a un furón. 
Reúnense os catro: dous un pouco maiores (bufo e tarántula) e estes compañeiros de pupitre.
Grazas á beberaxe poderán converterse nos animais ou en humanos cando queren. E todo isto, para poder realizar unha misión especial: evitar que uns construtores malvados coloquen unhas tremendas cargas no mar para provocar un gran maremoto que destrúa todo o pais. 
Unha historia que nos soa, uns rapaces que se converten -neste caso- en animais en lugar de superheroes e salvan o mundo. Coa falta que nos fai!!!!!
Atención ás ilustracións, gustarannos aínda que non sexan tan vangardistas. Veredes!


mércores, 16 de novembro de 2016

PACTOS POLA EDUCACIÓN?


Recollido dos medios (TeleMadrid.es):
O portavoz do Grupo Socialista na Asamblea de Madrid, Angel Gabilondo, solicitou á presidenta da Comunidad de Madrid, Cristina Cifuentes, un procedemento "aberto á participación non só parlamentaria" e "pactado con todos os grupos da Asamblea" para conseguir o acordo pola transformación educativa.
Así mesmo, na súa intervención no Pleno, Gabilondo manifestou a vontade dos socialistas "de participar cun acordo ambicioso e de alcance", pero advertiu á presidenta que "se buscan unha ratificación do modelo" non avanzarán.
Podemos estar máis perto?

martes, 15 de novembro de 2016

Por facer boca... Pactos pola educación


Recollido da prensa:
L'HOSPITALET DE LLOBREGAT (BARCELONA), 4 (EUROPA PRESS)
Máis dun cento de grupos políticos, centros educativos, asociacións de pais e nais de alumnado, sindicatos, entidades veciñais e sociais asinaron o Pacto Local pola Educación de L'Hospitalet de Llobregat, un documento que recolle 155 propostas de actuación para afrontar os retos que ten o municipio no ámbito da educación.
O texto contou co apoio de 50 centros educativos, que suman cerca de 20.000 alumnos, unha corentena de entidades do mundo da educación, como a Federación de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos/as de Catalunya (Fapac), os sindicatos CC.OO. e UGT, o goberno municipal e os grupos políticos do PSC, ERC e Convergència-PDECAT.
Segundo informou o consistorio, o pacto recolle que a educación pública é "un servizo esencial da comunidade, destinado a facer que a educación sexa accesible para todos, sen distinción de ningunha clase, en condicións de igualdade de oportunidades".
A alcaldesa de L'Hospitalet, Núria Marín, que fixo do Pacto Local pola Educación un dos seus compromisos de investidura, afirmou que "todos os que deron apoio a este documento comparten o convencemento de que a educación é a mellor garantía para conquerir unha sociedade cohesionada e con igualdade de oportunidades".

luns, 14 de novembro de 2016

Libros no metro de Londres, de parte de Hermione.


Emma Watson, a actriz que se fixo famosa no papel de Hermione na saga de Harry Potter, resultou ser unha activista da lectura e o feminismo.
Dise na prensa que co fin de sorprender aos seus seguidores, utilizou a súa conta de Instagram para anunciar que agachou en distintos lugares da rede do metro de Londres, exemplares do libro Mom& Me& Mom, o sétimo e último volume da serie de autobiografías de Maya Angelous. Este libro foi recomendado por Our Shared Shlef, o club de lectura feminista promovido pola actriz. 
Emma Watson pídelle aos que atopen o libro que o coiden e, unha vez lido, volvan a deixalo no metro para que outra persoa poida lelo, de novo.
Semella certo que non se pasa inmunemente por un libro.
De calquera maneira, o metro é un bo lugar para que calquera practique o bookcrossing.