martes, 22 de novembro de 2016

Premio MOME de teatro Varela Buxán



Madeira de gañador da autoría de TeresaGonzález, acadou o I Premio MOME de teatro Varela Buxán no 2011. 
Teresa González é actriz, contacontos, docente e escritora. Conta con bastantes obras publicadas na colección A Pinguela da editorial Fervenzas, foi mención especial no premio Barriga Verde 2004 e no premio Rafael Dieste; conta co Álvaro Cunqueiro por Sempre quixen bailar un tango e o Manuel Mª por Pingueiras e tarteiras.
Catro personaxes (tres homes e unha muller) e unha mesa de cereixo salvaxe. Eles traballan nunha empresa (da que dous son propietarios) que se vai fusionar con outra (moi potente); nesa situación, un dos socios (o que desde sempre tivo madeira de gañador) comeza a falar coa mesa, semella que se comunican e que a mesa lle conta segredos (por exemplo, que o socio se quere desfacer del e do empregado tan pronto estea todo arranxado coa outra empresa...) pero a identificación continúa ata ir transformándose en árbore. Son depredadores, o protagonista semella arrepentido e identifícase co empregado (un home ecoloxista  e sensible aos demais seres da natureza); a súa moza, que anda a preparar  a voda e se atopa con esta situación, pero tamén ten que escoitar que o mozo sabe o da súa traición co socio, el anímaos a seguir... ao final, pídelle ao empregado que o axude a ir a un lugar onde plantarse e que no futuro o visite cos seus fillos; alí gardaralle unha boa sombra.
Humanos que se transforman en árbores e han de ser plantados na terra. Mulleres planta, na boca de Ledicia Costas, homes que tiveron madeira de ganador e van adquirindo madeira de árbores natural, na de Teresa González. Algo pasa que imos indo cara ao mundo vexetal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario