luns, 28 de xaneiro de 2019

Traducións (I)

Un libro de hai un tempo (edición de 2017 na colección Oqueleo). O ferreiro da lúa chea de Mª Isabel Molina con ilustración (da cuberta) de Carlos Cubeiro.
Un libro sobre o camiño de Santiago que ha de percorrer un mozo fillo de nobre pero ferreiro por mandato do seu gremio para curalo da súa soberbia infantil. Un libro que achega moita información acerca do poder dos gremios na Idade Media, as linguaxes secretas de canteiros  e ferreiros, a simboloxía do xogo da oca, a opresión que sofre unha moza e como ha de defenderse daqueles que a venden e pretenden aproveitarse dela... Ao final do camiño, o Mestre Mateo e o invento do botafumeiro.
Unha historia para gozar na súa versión galega (desde o castelán) de Antón Palacio.
Do catalán chéganos: Son un animal. Unha viaxe inesperada de Llort e Macip, con ilustracións de Sergi Cámara e traducido por Eva Lozano para Edicións Xerais de Galicia. 
Trátase da historia de Armán, o fillo dun par de científicos aos que pretende roubar un compañeiro , agora metido a executivo ou ministro. No medio de tanto experimento Armán e o seu lémure. O rapaz bebe algo que non debera poñendo en marcha o invento da nai (a capacidade para transformarse noutra criatura cando a toca) e tamén o do pai, unha máquina que traslada ao outro lugar do planeta. Unha aventura complicada no medio do afecto que os une a todos, familia e cincluso a filla do malo.
Este libro forma parte dunha serie da que taménb contamos en galego con Armán e a fábrica podre; de novo unha historia doada de ler, na que se mostra a bondade vencendo ao mal.


domingo, 27 de xaneiro de 2019

O outro libro ganador do Premio Meiga Moira

Auga e Lume de Pere Tobaruela, resultou ser, tamén, ganadora do VIII Premio Meiga Moira de Literatura Infantil de Baía edicións. As ilustracións son de Víctor Boullón, e nunha delas, a da páxina 115 despístanos.
Dúas épocas, a actual, e o século IV. Un lugar: o Barbanza. Un mozo e unha moa que entran en contacto atravesando o tempo. Ambos loitando contra o final do mundo  
Na Gallaecia dous pobos en contacto: os romanos e os arduanos. Estes últimos antigos, ocuparon a terra ao ter que fuxir do norte. Un comandante ao mando dunha nave de guerra romana tenta traer ao emperador o aviso dun graves perigo desde Tarraco, pero os piratas atacan o barco e Dolabella ha de pasar mil aventuras ata chegar a Roma e máis alá, sempre axudado polos oscóns, uns seres míticos.
As Terras Quebradas, a Fonte da Vida, o Deus da Auga, o Mensaxeiro de Reo, a Dama de Auga, o Outeiro dos Corvos, a Casa da Palabra, o Consello de Vellos, O Señor do Mundo, a Cerimonia da Liberación, Triángulo Máxico, Augas Mortas, Minas Escuras... nomes que nos traen reminiscencias.
Unha cata para anticipar a obra e unir un tempo con outro, uns personaxes con outros:
"- A nosa salvación está no futuro! -dille-. Aquí tres estas ámboas.Ti serás o encargado de agochalas en dous dos vértices do Triángulo Máxico: nas Augas Mortas e nas Minas Escuras. Nestas pezas están as pistas necesarias para chegar ata o lugar en que a Dama da Auga e máis eu esconderemos a Fonte da Vida: na Fenda de Reo, no medio e medio da chaira na que o cumio da Curota pousa a vista diante do Mar de Arousa, o terceiro Vértice do Triángulo Máxico. Entérraas ben. Ninguén ten que atopar estas ámboas antes de que pase como mínimo un milenio. Se non, a Fonte da Vida perderá o seu poder. E todo acabaría. Non teríamos ningunha posibilidade de sobrevivir á cólera de Edovio."

sábado, 26 de xaneiro de 2019

Fran Alonso e a poesía en evolución



Cóntao el mesmo, Fran Alonso, no seu último título Street poems. Porque ás veces o mellor crítico é un mesmo, o mellor analista, o mellor comentarista. A mellor viaxe ás fontes limpas...
O meu gato é un poeta profundaba na poesía como xogo, no potencial lúdico da palabra. 
Poemas birollos para ler cos ollos é unha inmersión na poesía visual combinada coa oralidade.
Steet poems penetra na arte urbana para fundirse con ela e adoptar as súas formas e linguaxes.
Atrás queda Cidades, unha achega renovadora na poesía infantil daqueles anos, ás que na última edición se engadiron as fotografías ilustradas do autor. Todas estas obras comparten unha intención modernizadora e actualizadora da poesía infantil desde unha actitude de investigación literaria."
Cada libro para unha idade Poemas birollos para ler cos ollos a partir de seis anos, O meu gato é un poeta a partir de oito, Cidades a partir de dez e Street poems a partir dos doce anos.
Sobre Street poems, engade: "Estamos vivindo un momento en que unha das características das artes é que brincan por riba das súas propias fronteiras, desdebuxándoas para apropiarse dunha nova visión interdisciplinar, mestiza, e así fundirse con novos coñecementos, prácticas e formatos."
Unha proba:
"fuximos da miseria humana que miserablemente permitides
miserablemente non permitides que fuxamos da miseria humana que permitides
fuximos da miseria humana que miserablemente permitides
miserablemente non permitides que fuxamos da miseria humana que permitides" (ata o infinito e máis alá!)


luns, 21 de xaneiro de 2019

Os contos da avoa Pepa

Os contos da avoa Pepa de Francisco X. Fernández Naval, publicados por Kalandraka e ilustrador por Manolo Figueiras, acaban de aparecer na rúa. 
De novo, Fernández Naval opta por ilustradores pouco habituais, xa o fixera por Alí Alí nun conto anterior, agora faino con Muíños, un pintor ao que non lle coñeciamos traballo para a infancia.
Os relatos son contos da memoria. É ir acompañando á avoa Pepa e á súa memoria, ir recolléndoa para devolverlla, porque ela anda a perdela. Unha enfermidade négalle as historias do pasado, a ela que sempre os contou. Así que o autor non só conta as historias de avoa (con tanta dozura como autenticidade; como se nota!) senón tamén todas as que ela contou ao longo do tempo e que eles lle contan agora para darlle un fío ao que agarrarse. Un fío como o de Ariadna, co que saír do labirinto, unha historia que nos remite a outras e á enfermidade destes tempos. A enfermidade do "olvido" á que se refería García Márquez en Cien años de soledad, pola que acabaremos poñéndolle o nome á vaca e tamén: dá leite e con el faise o café con leite para o almorzo. 
Recobrar a memoira da avoa Pepa, salvala, e ao tempo, salvar tamén a memoria dun mundo que está a desaparecer, o dos contos de tradición oral ou o dos xogos transmitidos de avoas a netos. 
Unha historia triste que lles vai gustar aos lectores e lectoras e que entenderán -como o facemos nós- como unha homenaxe á avoa dos contos.
Grazas por tratar este tema con tanta delicadeza!

venres, 18 de xaneiro de 2019

A balada dos unicornios, premio Lazarillo do pasado ano

 
Ledicia Costas ganou por segunda vez o premio Lazarillo. Primeiro fíxoo con Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta e posteriormente, no 2017, con esta novela A balada dos unicornios.   
"A Escola de Artefactos e Oficios acolle os mozos e mozas máis brillantes. Son capaces de crear casas motorizadas, sombreiros voadores e outras proezas abraiantes. Ágata McLeod é unha das mellores alumnas, pero hai moitas cousas que descoñece da institución... e do seu pasado. A inventora terá que viaxar á orixe do mundo nunha travesía ateigada de aventuras e perigos.Fantasía e ciencia mestúranse nunha loita sen cuartel que enfronta corvos e unicornios", dise na presentación editorial.  
A loita entre os unicornios e os corvos; dúas maxias, a de Wendy, a raíña albina, e a de Cornelia, a directora da escola. Un tratado de paz asinado hai trinta anos que dá as súas últimas bocanadas. Finais do XIX en Londres, Jack o destripador, facendo das súas, e no medio eles: "Unha humana mecánica, un robot e dous irmáns de sangue máxico. Non sei como criaturas tan distintas poden quererse tanto" confesara un dos irmáns.  
Unha fantasía a proba do divino e o humano, Unha tatuaxe que muda avisando á protagonista dos perigos que corre. Un robot que sente (ámote, da única forma que o poden facer os robots, inexplicable!). Os nenos amputados... "Todos os nenos amputados tiñan un don. Unha calidade que os facía brillar e ao mesmo tempo os convertía en diferentes. Mais un don pode acabar sendo unha verdadeira condena se non sabes manexar a túa propia luz" O Planeta dos Nenos a onde levar a aqueles que non teñen quen os coide. E... o amor, o amor é unha engurra no corazón, algo que nos volve vulnerables. 
Unha novela homenaxe á revolución industrial e a fantasía, aos vellos clásicos, a Alicia e Roald Dahl, á diversidade en todas as súas formas e ao amor en todas as súas vertentes. Unha novela que ha ter continuidade

mércores, 16 de xaneiro de 2019

As Letras Galegas de don Antonio

Se algo definiu ao autor ao que se lle dedican as Letras Galegas deste ano foi a humildade. Esa tamén é a súa ensinanza: unha vida humilde (que aínda así foi reprimida "cando chegaron os malos"), unha obra froito dun traballo constante e entregado (nos campos da xeografía, a historia, a historia da arte e a etnografía) e unha actitude humilde coa que se enfrontou a todas as circunstancias.
Cando lemos o seu discurso de ingreso na RAG, en 1951 "Quero en primeiro lugar agradecer o inmerecido honor que se me fixo nomeándome para vir ocupar un posto que non merezo. Fago esta sincera afirmación con profunda dor pois ben quixera traer aquí, neste intre solemne, de viva emoción, unha obra cumprida, guía segura de activas manifestacións culturais. Non teño no meu haber máis que boa vontade, e falto doutros méritos, pídolles que perdoen a quen me nomearon e teñan para min unha indulxencia total". Ben é certo que ía ocupar a cadeira de Castelao e iso impón, pero tamén que outros se terían sentado nela sen o menor pudor.
Don Antonio como sempre lle chamamos as súas alumnas, tamén mantiña esa actitude de humildade franciscana cando nos trataba e nos ensinaba, ás veces cunha pregunta, como a que me fixo no exame de ingreso, cando debía contar eu con dez anos e despois de estudar os ríos de España con afluentes e as cordilleras de máis alá, me mirou e dixo: como se chama o río da túa aldea?
Esa pregunta chega na década dos sesenta.
Coma ese río e o seu nome, así de humildes eran os estudos e ensinanzas, a súa maneira de exercer as responsabilidades que lle corresponderon no Seminario de Estudos Galegos ou no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, no Museo do Pobo Galego... un museo tan humilde coma el a pesar da súa grandeza. Porque a humildade é unha actitude fronte á soberbia.

martes, 15 de xaneiro de 2019

Convocatoria dos premios da factoria Xerais

Xerais acaba de dar a coñecer a convocatoria dos seus premios.
36ª edición do  Premio Xerais de Novela dotado con 10.000 euros.
34ª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil dotado con 10.000 euros.
11ª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil dotado con 10.000 euros.
O veredicto do xurado coñecerase o 7 de xuño e a entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro cos libros xa editados.
Pódese acceder ás bases a través do seguinte enlace