Despois de Travesía Unicornio de María Canosa (I Premio Anisia Miranda de Teatro Infantil) aparece agora o premiado na II convocatoria: Medo me dá! de Ramón D. Veiga.
Segundo o xurado e especialistas, este Medo me dá! conta cunha excelente construción dramatúrxica, realizada con gran axilidade nos diálogos e dotada dun sentido do humor que, en todo momento fixa o
desenvolvemento da trama teatral. Unha peza que engancha ao lectorado polo ritmo e a acción, así como por unha estrutura ben definida.
Na temática, tráenos unha festa do ciclo anual, e colócanos ante o tema dos medos e a súa superación. Personaxes relacionados cos temores infantís han de facerlle fronte ás súas angustias demostrando así que non hai ninguén alleo a este tipo de ameazas e, polo tanto, todo o que existe ten o seu punto débil.
Un fato de monstros van aparecendo en escena na antesala do samaín. Han de prepararse para a mellor festa do ano e iso significa poñer a punto a súa presenza física, co que isto implica de facer visible aquilo ao que máis medo lle teñen.
A presenza do coro coas cancións, serve de resumo da escena e de paso á seguinte, resaltando a identidade e o xogo con cada personaxe que nos sitúa ante o medo ao medo e o disfrace como
xogo de suplantación.
Nas suxestións para a representación explicita o autor, a posibilidade de reducir o número de actores e actrices ao poder representar cada un varios papeis, pero tamén a posibilidade de amplialo ao contar cun coro que pode ter o número de participantes que se consideren. Desta maneira, facilitarase a súa posta en escena por parte dunha compañía teatral ou dun grupo de teatro escolar no que poda actuar todo o alumnado dunha aula. A sinxeleza escénica da obra fai posible este tipo de representación.
Da mesma maneira, achega suxestións en relación ao decorado e utilería que facilita a plasmación no espazo. Incluso, para o caso de ser representado por un grupo de teatro escolar propón aproveitar a
escena final para que o público se sume á festa e poder realizar un magosto. Unha obra que, ten o seu tempo óptimo no outono e vai dar moito xogo para ler, interpretar e asistir á súa representación
como público.
A rima é un dos recursos que utiliza o autor para darlle un aire lúdico. O humor espanta o medo, así que na obra acode para converter aos monstros en personaxes cheos de comicidade porque as preguntas van xurdindo: imaxinas un vampiro con dentadura postiza? A que hora pasan os vampiros pola consulta do dentista?
Cal é o colmo dun barbeiro? A quen lle teñen medo os monstros? A repetición do título (ese “medomedá” que pasa a funcionar como a expresión do temor que se reitera en cada escena), así como as onomatopeas e os malentendidos, o xogo de palabras, o uso de frases feitas e refráns, o léxico actual utilizado para personaxes lendarios a modo de anacronismo ou a actualización de cada un destes monstros... son recursos que levan ao lectorado / público a acompañar as escenas con risas e acción completando os diálogos.
A utilización dos coñecementos que temos ao redor de cada un dos monstros vai provocar unha brincadeira continua. Tamén vai resultar divertido chamarlle mexericas a un vampiro ou repugnantiño a un home lobo e falarlles utilizando o diminutivo como compadecéndoos.
Por outra banda, a obra mantén un misterio ata a escena final pois cando cada un deles responde á pregunta acerca do disfrace que van levar ao samaín nunca se chega a escoitar; desta maneira a escena final é unha marabillosa sorpresa que non deixa a ninguén indiferente.
A obra dá pé a estes comentarios e a todas as interpretacións que irán aparecendo na lectura que desexamos convenza ao lectorado infantil, así como fixo co xurado do premio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario