Contando estrelas de Quico acadou o XVII Premio Castelao de Banda Deseñada na Modalidade Infantil e Xuvenil.
O xurado menciona “a súa delicadeza e coidada ilustración”, así como o interese por “tratar temas cos que todas podemos sentirnos identificadas, a través das metáforas coas estrelas e por traballar con elementos do imaxinario colectivo”. A obra está composta por relatos curtos, todos eles protagonizados por estrelas, que van tratando temáticas contemporáneas e comúns da sociedade actual como a soidade e a perda.
Francisco Pérez Villanueva (Noia, 1975). Asina os seus traballos coma Quico e estudou o curso de Gravado e Técnicas de Estampación na Escola de Artes e Oficios Ramón Falcón de Lugo. Ten traballado para distintas editoriais con traballos de ilustración e portadas.
Delicadeza é a palabra que me nace vendo Contando estrelas. Esmero no deseño, na presentación, na dedicatoria: "A ti (e, aínda así, seguro que me olvido de alguén)." Tenrura en cada figura, en cada historia, en cada inocencia e inxenuidade do protagonista. Coidado no minimalismo co que asume cada relato, na síntese perfecta, na dúbida tan galega que deixa no aire (eu non sei). Lírica nese unión das estrelas do ceo e da terra, na personalización da noite, nese empeño por amañar con agulla e fío as perdas do universo. Consideración, reflexión... porque non é o mesmo a estrela no ceo que domesticada, porque cando subes buscar a estrela perdes o da terra e estás só.
Ningún comentario:
Publicar un comentario