A historia de Brava Panadeira de Alicia Borrás con ilustracións de Blanca Vila está publicado na colección Sopa de Libros de Xerais
Da presentación editorial:”Brava, unha simpática cadela do refuxio, só ten dous defectos coñecidos: roubar todo o pan que ulisca preto dela e saír lixeira tras as furgonetas que o reparten. Aínda así, Lira e os seus fillos, Alba e Xullo, queren adoptala. Por iso, cando o rapaz máis listo do mundo co nome do mes en que naceu abre os brazos para acollela, Brava lámbelle o nariz coma se fose un xeado mentres o seu rabo peludo abanea dun lado para outro. E aquí comeza esta historia.”
Unha estirpe de Liras: as mulleres da fmilia levan ese nome, tamén Alba (quen nos conta a historia) aínda que a ela só lle chama tamén por ese nome seu irmán. El ten outro nome (que s´ño se lle escoita algunha vez ao pai) pero todo o mundo o recoñece por Xullo (polo mes no que naceu, agás seu pai), ten TEA e escolle como mellor (e único amigo a cadela). Unha nai tradutora que traballa na casa e un pai investigador nunha uni versidade no estranxeiro que leva un tempiño fóra. O que se conta é a historia desta cadela e o rebumbio que monta na casa na que apenas está uns días, como cambia a vida da familia dende o momento no que deciden porfillala. O accidente da nai provocado pola cadela fai que veña o pai e a situación cambie. O que non varía é a consideración que do irmán ten a narradora: “o rapaz máis listo do mundo” que coñece o nome de todos os volváns do planeta e que a converte nunha especie de “coidadora” máis pendente del que de si mesma. Esta situación, así como a da voz narradora, lembra Teño un volván dentro, o libro co que María Canosa gañou o premio Carlos Mosteiro e que foi publicado por Galaxia.
A novela que comeza co capítulo no que a familia visita a perreira, remata con aquel no que coñecen a familia orixinal da cadela e poden entender parte do seu comportamento. Un epílogo tranquilízanos en relación ao que vai pasar e serve para que a nena nos fale directamente ás persoas lectoras.
Nalgún momento as elipses dificultan algo a lectura obrigándonos a repasar o texto por se perdemos algo. Pequenos fragmentos que corre4sponden a un narrador externo aparecen en cursiva.
A aparición de nenos con Asperger fannos ver que a súa presenza é cada vez maior no seo familiar e escolar, normalizar a súa situación semella ser tamén un obxectivo das escritoras que como irmás maiores nolos presentan para que lles axudemos a ter man.
As ilustracións de Blanca Vila acompañan o texto, algunha delas coma o plano de detalle no que as mans de ambos irmáns se agarran para camiñar xuntos e algúns máis curto teñen unha calidade á que xa nos aocstumou no libro de Abel Tomé.
