Amosando publicacións coa etiqueta Clásico xuvenil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Clásico xuvenil. Amosar todas as publicacións

luns, 26 de setembro de 2022

Unha tradución de excelencia

Iso me parece: unha tradución excelente. Estou a falar de Bambi. unha vida na fraga de Felix Salten traducido por María Alonso Seisdedos e publicado por Galaxia con ilustracións de Begoña G. Arce.

A versión galega, estou segura que é moito mellor que as traducións a outras linguas. María Alonso Seisdedos semella gozar coas palabras, buscando as maneiras máis propias de facer o relato dese pequeno corzo que chega a príncipe e acada a prestancia e sabidoría dos vellos da estirpe. Todas e todos coñecemos a Bambi a través da película de Walt Disney, unha historia preñada de tenrura que nos fixo chorar e sempre gardamos na maleta das lembranzas, incluso para facer chistes. Tratábase dunha referencia que compartíamos e que nos traía o mellor da infancia: a sensibilidade e o espertar á vida coa curiosidade por bandeira.

Agora, cando a leo, doume conta de que nesta historia hai moito que debullar, dende as conversas do pequeno caparro coa nai e con todo canto animal vai atopando na fraga e no prado ata o respecto que sente ante os maiores. El é amable con todo o mundo, vai comprendendo os segredos da natureza e descríndoo a El, o gran perigo. Con Bambi e o resto dos animais da fraga entramos no medo e os instintos, sentimos en propia pel a necesidade de facer algo sen entender a razón.