Amosando publicacións coa etiqueta Miudiños. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Miudiños. Amosar todas as publicacións

luns, 9 de febreiro de 2026

Biografías. Elisa e Marcela

A biografía de Elisa e Marcela aparece na colección Miudiños de Edicións do Cumio, con texto de Eva Mejuto e ilustracións de Bea Gregores. Bea é a artista que pon imaxes a toda esta colección, dun xeito maxistral. As biografías foron mellorando entrega a entrega, unhas veces dándolle máis importancia á rima e outras deixándoas máis libres.

Da presentación editorial:"Elisa e Marcela desafiaron as barreiras do seu tempo e conquistaron o impensable: unirse en matrimonio cando o seu amor era un acto prohibido. Un relato en palabras e imaxes que lembra a valentía de quen abriu paso á liberdade de ser e de amar. Elisa e Marcela foron dúas mulleres galegas que, a principios do século XX, protagonizaron un feito histórico: casáronse, co único obxectivo de estar xuntas. Elisa asumiu a identidade do seu finado primo Mario co fin de poder casar coa súa amada Marcela, nunha época na que o amor entre persoas do mesmo sexo estaba prohibido.

En 2005, máis de cen anos despois, España aprobou o matrimonio igualitario. A súa historia segue a ser un exemplo de loita polos dereitos e a liberdade, lembrándonos que, aínda que as leis cambien, a valentía de quen loita polo amor e a igualdade perdura.
Chega un novo título da colección MINIVIDAS, que nos achega, a través de palabras e imaxes, á vida de personaxes destacados da nosa cultura."

Unha vez máis, atopamos dificultades para acceder á información da editorial e a cuberta do libro en galego. Como pode ser se todas as biografías o son de personaxes galegos? Que pensarían Rosalía de Castro, Luís Seoane, María Miramontes, Luísa Villalta, Ánxel Casal, Eduardo Blanco Amor... ante esta contradición? 

Uns libros necesarios, unha ilustradora xenial e, neste caso, unha escritora magnífica, para darlle visibilidade á vida de dúas mulleres valentes que levaron o seu amor ata as últimas consecuencias.

martes, 20 de xaneiro de 2026

Colección Miudiños

 

A colección Miudiños cambiou aos autores dos textos e comezou a presentarnos parellas: 

Unha delas é María e Ánxel. Refírese a María Miramontes e Ánxel Casal, está escrito por Diego Bará e ilustrado (como todos os libros da colección) por Bea Gregores. Comeza cunha presetnación na que se ponen valor a vida e feitos desta parella. A continuación, pásase a utilizar o verso para esta historia rimada. 

Póñense ao mesmo nivel as dúas vidas e iso que semella unha compensación positiva cara a María, pode resultar un tanto inxusta. Tampouco podemos colocar ao memso nivel a Virxinia e a Castelao. Aparece Casal tamén dedicado á moda. Da Coruña a Compostela, da tenda de roupas ao obradoiro de costura e clases de francés ou escola de "ensino popular, centrada en valores de xustiza social". a creación das editoriais Nós e Lar, a participación no Partido Galeguista, a defensa do estatuto (María é a única dona que asiste á entrega do documento), ao paso cítase que el era alcalde de Santiago cando o golpe militar (non se conta que está en Madrid nese momento e decide volver por compromiso coa cidadanía) e aí perde a vida asasinado. Pena non recoller a nota de prensa de Seoane cando morre María.  Centrarse nela era importante pero semella que non se lle dou a importancia debida a Casal. Case non se fala da imprenta (de quen pasaba por ela, de como realizan os carteis do Estatuto...) nin do seu papel no concello...