Amosando publicacións coa etiqueta Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético. Amosar todas as publicacións

xoves, 26 de xuño de 2025

VI Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético


Noa e a cidade sen maxia de Angie Roa acadou o VI Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético. Así se presenta: "Noa é unha nena que medra escoitando relatos sobre unha cruel batalla librada por culpa da maxia, da que todo o mundo renega. A rapaza non imaxina, ata que lle é desvelado, que ela provén dunha liñaxe de grandes magos e que chegou o momento de que coñeza os seus poderes e a verdadeira orixe do que semellaban ser só lendas. Un cómic infantil de aventura e fantasía. Unha viaxe ás orixes para recuperar a maxia."

Este premio axuda a encher ese baleiro do que se falaba hai algún tempo a respecto da banda deseñada destinada a infancia. Creada pensada nos pequenos e pequenas lectoras, neste caso, unha protagonista nena enfróntase a un mundo sen maxia na actualidade, despois dunha perda moi forte a causa dela. Unha alcaldesa ditatorial, esa nena que carga coa historia dun pai desaparecido por causa da maxia (dise), unha nai moi temerosa, unha poboación que semella non querer saber nada diso e a pequena disposta a  saber e resolver. Un agasallo (con sombreiro de maga e libro) será o apoio que leva buscando dende hai tempo. Ela vai ser esa maga agardada: a gran maga, descendente do gran mago.  Na trama unha avoa que era mala por dor pero cando esa causa desaparece transfórmase e apoiará a maxia cunha escola. A creación dunha mascota que vai ser algo máis que o ser co que comparte afectos e ese final no que ela fai unha declaración moi a ter en conta: "A nosa misión é axudar a xente a non ter medo do seu poder e a empregalo para o ben. É posible que non todos pensen igual. Pero alguén ten que dar o paso. ..Non podes cambiar o mundo sen afrontar riscos."

Protagonismo infantil e muller. Disposición para a acción. Altruísmo: sacrificio para o común. Mestura de animais personalizados e humanos. Debuxo moi claro. Cores amables... 

mércores, 7 de agosto de 2024

Un novo premio de O Garaxe Hermético

Idol é o V Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético. Forma parte da colección Merlín cómics de Xerais. As autoras son Ene que traballa a cor e o guión e Alba Chan que debuxo, as alter ego das protagonistas de historia.

Da presentación editorial: "Vega e Ámbar son dúas adolescentes de 16 anos que deciden concursar en «Idol!», un «talent show» onde un grupo de rapazas probarán sorte para tentar convertérense en estrelas da música. Pero non vai ser nada doado. A Vega, a súa familia púxolle como condición manter a media de sobresaliente no instituto. Ámbar, pola súa banda, ten que enfrontarse a unha realidade moi diferente: os seus pais non lle dedican a atención que precisa e non acaba de encaixar no molde das «Idol» como lle gustaría."

Cunha estética moi manga, cun relato moi claro e unhas elipses que non escurecen a historia, alterna o debuxo máis agresivo e expresivo con outro máis convencional...

Un novo premio, unhas novas autoras que se dan a coñecer e unha nova felicitación a Xerais e O Garaxe Hermético por facelo posible.