Amosando publicacións coa etiqueta Teatro xuvenil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Teatro xuvenil. Amosar todas as publicacións

martes, 16 de decembro de 2025

Premio Roberto Vidal Bolaño de teatro para mocidade 2025

O Premio Roberto Vidal Bolaño do 2025 recaeu en Os rapaces só se tocan para darse de ostias de Iván Caloto. Está publicada na colección Bitácora de Galaxia.

Da presentación editorial: "Esta peza nace inspirada nun caso real, acontecido nun instituto de Vigo en 2024. O texto fala dunha realidade que continúa a afectar os nosos adolescentes, intentando atopar as raíces sociais, psicolóxicas e culturais dun tema como o bullying ou acoso escolar. A peza recolle personaxes da vida diaria, amosando que unha persoa pode ser vítima ou agresora, dependendo das súas circunstancias, e salientando a necesidade de pertenza ao grupo ou a relación coa masculinidade." 

O problema da masculinidade asumida dende o patriarcado, a inmigración co que supón de descoñecemento das convencións sociais, o acoso escolar, o racismo, o odio aos inmigrantes, a resistencia á diversidade sexual, o machismo, a violencia de xénero, a loita pola mellora social, a política represiva e a maneira na que un ou outro goberno inflúe sobre a sociedade tanto a nivel de medidas como de propaganda ideolóxica, o fútbol como posibilidade de encontro...

Dividida en tres apartados: Antes de nada, Despois do partido e Despois da agresión, que, á súa vez se dividen en cinco, seis e sete partes.

A raíz da morte da nai, Dato (con quice anos) vén para Galicia con seu pai. É de Brasil e xoga moi ben fútbol (esa debe ser unha boa porta de entrada á socialización, non?) pero ten dificultades para facer amigos. As súas reflexións acerca de como os homes só se tocan cando se pegan, de como bota de menos o seu país e a familia ou as da súa amiga acerca dos homes e a súa violencia, son parágrafos que merece a pena comentar. Da mesma maneira, é interesante observar como o compañeiro acosador é fillo dun home cheo de prexuízos e agresividade, un pai co que non quere estar pero se ve obrigado cando lle toca compartir vivenda despois do divorcio, a situación na que este vive... 

Ben está o que ben remata é un dito e pode ser unha conclusión. Todo se pode amañar pero a realidade non é tan doada, de calquera maneira hai que tentalo, igual que ler e representar este tipo de obras (para a segunda opción pode resultar complicado memorizar parágrafos demasiado longos pero o teatro lido é unha boa opción, sempre).

xoves, 5 de setembro de 2024

Teatro e cans

Animais de compañía de Fernando Castro Paredes é unha obra de teatro publicada por edicións Fervenza na colección A Pinguela. Fernando Castro Paredes pon no centro da historia a relacións cos cans e a violencia de xénero, Unha nena á que o pai non trata ben, nin a ela nin aos cans que ten para a caza. Esa nena medra (orfa, pode dicirse) e cando casa, o home tampouco respecta o can que ela leva ao matrimonio nin a ela. Dezaoito escenas nas que a presenza dela e dalgún can é central, lévannos por un camiño que percorre a perda e o acollemento. Así remata, cando a muller recolle a cadela vella da canceira e a leva á casa; antes aprendera a buscar un traballo "porque só pode tomar decisións quen paga as facturas". 

Os nenos son personaxes dos que se fala pero que non aparecen na obra, seres nos que hai que pensar aínda que non estean presentes. A diferenza entre os personaxes masculinos e femininos case fire. Os cans sempre ocupando un lugar: o cachorro facéndose querer, o macho impoñendo presenza, a cadela vella xa desesperanzada mirando todo con distancia e relatividade (vén de volta), o can da casa que acompaña sempre... quen maltrata un can pode maltratar persoas, quen non ten empatía polos animais tampouco a terá polos semellantes... Cítase unha intervención do home que mete medo:"Sabes en que se parecen unha muller e un can? En que os dous son animais de compañía." 

venres, 12 de xullo de 2024

Teatro para adolescentes: Premio Roberto Vidal Bolaño 2022

 

Entre o pouco teatro que se publica para adolescentes, temos que contar co Premio Roberto Vidal Bolaño que convoca o concello de Porriño, a editorial Galaxia e o IES Ribeira do Louro. Neste 2022 resultou ganadora a obra de José Luis Baños de Cos, Lume. El xa  obtivera este premio anteriormente con A cámara escura, sobre o ciberacoso. Esta vez, consígueo, de novo, cun texto sobre un adolescente convertido en asasino pola presión do grupo.

Ai! a adolescencia, ese lume interior, esa rabia de non entender, esa falta de axuda dende a familia e a escola (que andan, case sempre tan despistados como a mocidade). Os pais co fútbol, as nais agardando a que unha moza faga por eles o que é case imposible, o grupo de iguais apoiando o menos axeitado, os finais de festa nas discotecas e lugares do ocio de última hora, o enfrontamento co profesorado como maneira de ganar o respecto da panda  e o lume consumindo todo nun incendio insoportable do que saes queimado... cando saes. As redes xogando contra un, o racismo reverdecendo, a estrema dereita e os medios de comunicación centrando aí o problema porque non hai nada como buscar o inimigo fóra... De fondo, iso que xa sabemos, o doado que é o "accidente", o mal paso, a ruptura da realidade que dun momento a outro nos enfronta a unha vida paralela coa que non contabamos.

A pesar da cantidade de premios que se convocan, ben vemos que para teatro son imprescindibles para poder contar con textos. Quizás o que deba preocuparnos é que sempre se presenten os mesmos autores e autoras, como se estivesen abonados.

domingo, 1 de agosto de 2021

Poesía e nomes

Nomes é a última entrega de Xoán Carlos Domínguez Alberte que aparece cunhas ilustracións moi acaídas e que non aforran esforzos nin espazos (como igual debería ser nos libros de poesía) de Ana G. Buhigas. Está na colección Árbore de Galaxia e dirixidas a lectorado a partir de dez anos. O comezo da Portaleira: "Son dun país pequeno /cheo de nomes grandes" condúcenos aos versos finais: "Son dun país moi grande / cheo de nomes pequenos / pintados de verde". O país pode ser realmente pequeno ou grande pero ter ten moitos nomes, toponimia e microtoponimia que é unha riqueza a piques de perderse, coma a lingua na que se crearon. Porque somos herdeiros á forza (como xa se ten dito dende o propio título dun libro: Herdeiros pola forza de Gago e Ayán) o poeta fala de herdade con estas palabras: "Hai unha terra de cultivo / que nós chamamos herdade / dada dende o pasado / que herdamos dos familiares / e nela imos plantar / sementes que logo nacen." 

Na contracuberta, un poema de agasallo: "Nomes para coñecernos. / Nomes para soñares. / Nomes para vivirmos./ O noso mundo está cheo de Nomes. / Nomes para que non se perdan. / Nomes para non nos perder nós."

 

xoves, 24 de xuño de 2021

Teatro premiado

 

A cámara escura de J.L. Baños de Cos, ganadora do III Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño 2020 convocado polo concello do Porriño, a editorial Galaxia e o IES Ribeira do Louro, publicado por Galaxia. Unha obra sobre o sexting ou envío de imaxes de contido sexual explícito a través do teléfono móbil.

Dentro da última moda ou movemento do texto teatral actual, estamos ante unha obra que se distribúe por fotografías en lugar de facelo por escenas ou actos. Quince, moi curtas, escuras, con diálogos moi áxiles. Un coro que vén sendo un grupo de WhatsApp ou personaxe colectivo pode ser o máis interesante das innovacións. Introdución de temáticas científicas, filosóficas, históricas ou tecnolóxicas xirando arredor dese grupo que na derradeira escena vai sendo abandonado por todos detrás da comunicación: abandonou o grupo.