sábado, 8 de outubro de 2016

Cartel de bibliotecas escolares

                                                                          Cartel de bibliotecas escolares para o curso 2016/17
O cartel actual de Bibliotecas Escolares de Galicia foi realizado por Minia Regos, unha ilustradorta moi nova pero con todas as cualidades que a Asesoría busca sempre neste tipo de profesionais: ter calidade, ser ilustradora e galega, recoller a idea da biblioteca que se precisa neste instante e achegar suxerencias e vías de lectura.
Conseguiuno con creces. Ese territorio das artes é unha artistada pola que se move a danza e a música, a literatura e o cine, arquitectura, pintura, escultura e todas as que nos visitan nas escolas e as bibliotecas que se precisan. As bibliotecas escolares galegas móvense por ese mundo inmenso no que información, artes, letras, ciencias, aprendizaxe,... lectura están presentes.
Un cartel para soñar o noso soño.
Un cartel para mostrar o que se fai.
Un cartel para centrar a atención nun campo determinado, porque non imos de péndulo dun extremo a outro senón seguindo unha folla de ruta.
Un cartel para facer aínda máis visible a biblioteca desde o primeiro día de clase e desde todos os lugares.
Os que anden por Santiago, poden  pasar polo CSC Aurelio Aguirre de Conxo,  e ver a exposición que Minia Regos ten no hall e incluso mercar algún debuxo. Bos prezos e bo traballo.


venres, 7 de outubro de 2016

O silencio, un ecosistema para a lectura


Cada día aparecen máis noticias nas que se relaciona a lectura co silencio, co paro tecnolóxico e a necesidade de sosego. Desconexión dos teléfonos, tabletas e redes sociais, un libro gustoso na mochila, un café para acompañar cunha música suave. Seica é o espírito das Silent Reading Parties.
Igual que a reivindicación da lentitude no camiñar.
Encontros de lectura silenciosa para darlle a benvida ao outono, ao mes da biblioteca ou... sen necesidade de desculpa de ningún tipo.



luns, 3 de outubro de 2016

Buero Vallejo e as bibliotecas


Cando se cumpren cen anos do nacemento de Antonio Buero Vallejo, habería que lembrar aquel manifesto asinado por el que se titulaba "Sen os libros nada somos", no que se recollían apuntes como estes: "Os pobos que aspiran a culturizarse han de consolidar a súa rede de Bibliotecas Públicas", "Somos persoas porque lemos e serémolo cada vez máis se non pasamos día sen lectura. E o mundo no que vivimos o é porque os libros o refliten", "As bibliotecas espérannos sempre; os seus estantes resérvannos non só auténticos praceres, senón boa parte da nosa verdadeira madurez. Quen, que o comprenda, querería resistirse a tan limpa chamada?"
Este dramaturgo que foi premio Lope de Vega e Premio Cervantes; este escritor que sendo case un neno viu como fusilaban a seu pai, que foi el mesmo condenado a morte no 1939, en prisión ata o 1946, alí realizou un retrato de Miguel Hernández e dedicouse ao debuxo e a narrativa ata centrarse na dramaturxia. En 1967 estrea El tragaluz, a primeira obra de teatro na que se fai unha referencia directa á Guerra Civil. 
Compromisa e escrita.
Dramaturxia e crítica social. 

sábado, 1 de outubro de 2016

Manguel, director da Biblioteca Nacional

                                                                                                  Biblioteca da UVI  
Dicía Manguel, cando se fixo cargo da Biblioteca Nacional Mariano Moreno,  “Apenas estou indagando de que se trata. Teño a intuición de que unha biblioteca representa a identidade dos seus lectores. Polo tanto, unha biblioteca nacional ten que ser de todos os arxentinos e actualmente parece máis unha biblioteca porteña. Parte da miña misión será ver como achegarme aos lectores máis alonxados”. E continúa "Unha sociedada que se di letrada necesita formar lectores, persoas que poidan descifrar o código que esa sociedad ten para comunicarse e para rescatar a súa experiencia, coñocer a memoria do pasado”.
Falaba tamén da necesidade de enfrontar o consumo e o "facilismo" co razoamento produto da lectura, esa actitude subversiva; e tamén declara que para poder acceder ás bibliotecas hai que coñecer os seus ritos, algo que semella obvio pero non o é.
Creo que daquí se poden extraer varias leccións, porque se a biblioteca é de todos e todas, haberá que ver quen non está representado nela, haberá que atraer a toda a xente para que coñezan a memoria do pasado e a información do presente, para que acceden a un ocio cultural e poidan comunicarse e compartir con outros e outras, e, sobre todo, haberá que darlles entrada, facela inclusiva, de maneira que ninguén quede fóra.
A biblioteca, un lugar común.

martes, 27 de setembro de 2016

Lembranza de librarías e libros: a primeira vez

Así o conta M. Rivas nunha entrevista á que temos acceso no seguinte enlace:
"O primeiro que vexo na mente é a intención de entrar nunha librería e mercar un agasallo para miña nai. Sempre, no día do Carme, que era o seu santo, nos daba cartos para que mercáramos algo, aínda que sempre era algo relacionado coas necesidades da casa. Unha vez, coa miña irmá maior María, á cabeza, fomos á librería La Poesía e mercamos o libro que nos parecía máis grande. Era Cinco mil anos de historia. Aínda o conservo e o miro de cando en cando. Parecíanos que alí estaba a historia da humanidade. Recordo que voltamos á casa nunha especie de procesión, pasándonos o libro os uns aos outros. É unha lembranza moi relacionada coa idea de agasallo, que penso que a cultura debería recuperar, como un agasallo de intercambio de humanidade. Estouche a falar da miña infancia, cando tiña menos de cinco anos e vivía no Monte Alto. Outro recordo que teño é que na miña casa non había libros, pero si algún detalle que nos facía un pouco diferentes. Meu pai fixérase subscritor dun xornal. Facía que o carteiro pasase pola nosa casa, cando estabamos no Castro de Elviña. Recordo esa parte de disputa familiar por agardar a que remataran de ler o xornal e ser o seguinte en collelo. Desde rapaces habituámonos a ler o xornal que, como dixo Bertolt Brecht unha vez, é o libro do obreiro."
E remata, a respecto dos libros:" É significativo para min que, nunha das últimas manifestacións de protesta que houbo en Tailandia contra a ditadura militar, os estudantes ensinaban en alto á policía exemplares do 1984 de Orwell. Foi moi revelador. Un mundo sen libros nin librerías sería un pesadelo. As librerías son para min un refuxio de náufragos, mais un espazo de esperanza. O día en que as cidades non teñan librerías, que espero que non pase aínda que xa hai moitos lugares que carecen delas, sería terrible".






luns, 19 de setembro de 2016

Os últimos dos White Raven


No 2015 a International Youth Library de Munich recolle na súa listaxe de libros destacados incluía O meu pesadelo favorito de María Solar que xa fora premio Lazarillo e, tamén, Ícaro de Federico Delicado que xa recibira o VII Premio Iinternacional Compostela de Álbum Ilustrado. Galaxia e Kalandraka están, unha vez máis de noraboa.

luns, 12 de setembro de 2016