luns, 16 de xaneiro de 2017

De como a lectura é un remedio para moitos males


Nun artigo publicado en La Opinión, dise:
"A lectura impulsa a actividade das nosas neuronas, loitando contra o deterioro cognitivo, mellorando a concentración e incluso a empatía. Ler xera novas conexións cerebrais que, sinalan os neurólogos, "póñenllo difícil á enfermidade". Ler é un exercicio tan indispensable como facer deporte. Cando lemos, as neuronas coaumentan a súa actividade e comenzan a exercitarse. Desta maneira, póñense en forma e preveñen a aparición da demencia, melloran a capacidade de concentración do individuo e incluso desenvolven unha meirande estratexia social.
(...) Vai para dúas décadas, Alexandre Castro Caldas, actual Director do Instituto de Ciencias de la Salud de la Universidad Católica Portuguesa, comprobou que a lectura podería ter incluso una repercusión anatómica no cerebro: as fibras nerviosas que unen ambos hemisferios son máis grosas nos lectores habituais, segundo un estudo no que comprobou que os analfabetos tamén identifican peor as palabras cando as escoitan.
 (...) As novelas e outras literaturas tamén teñen demostrado que axudan aos individuos a ser máis empáticos e mostrar máis habilidades sociais. Aprenden a interpretar situacións e sentimientos e coñecen máis estratexias para saber resolverlas. Ademais, os lectores son máis felices. A Universidad de Roma III publicou en 2015 un estudo sobre o índice de felicidade dos lectores. Os resultados demostraron que o seu índice era de 7,44, mentres que o dos non lectores baixaba a 7,21. "Unha diferenza aparentemente limitada, pero en realidade estatísticamente moi significativa", sinalan no informe. De feito, en cuestión de benestar distancianse aínda máis 7,12 contra 6,92.





venres, 13 de xaneiro de 2017

Efemérides



                                                                  Aproveitemos para reler a marabillosa tradución de Xela Arias
Unha páxina do Ministerio dá acceso ás conmemoracións:
En 2017 conmemoramos o centenario do nacemento de Gloria Fuertes, José Luis Sampedro, Augusto Roa Bastos e Juan Rulfo.
Hai cen anos que se publicaron as obras El bosque animado de Wenceslao Fernández Flórez e Greguerías de Juan Ramón de la Serna.
Cúmprense cincuenta da edición de Cien años de soledad de Gabriel García Márquez.
Cantas boas páxinas nos teñen dado!

xoves, 12 de xaneiro de 2017

Calendario do Libro e da Lectura


A través do calendario do libro e da lectura accedemos a unha serie de conmemoracións a ter en conta:
Letras Galegas dedicadas a Carlos Casares.
Centenario do pasamento de Eduardo Pondal.
Cincuenta anos da morte de María Mariño.
120 aniversario do nacemento de Eduardo Blanco Amor
150 anos do nacemento de Manuel Portela Valladares
100 anos da publicación de Da terra asoballada de Ramón Cabanillas.

martes, 10 de xaneiro de 2017

Soporte papel e dixital na educación. Opinións


Manuel Area está a dicir na actualidade:
"(...)Do mesmo xeito que hai dez anos atrás reclamei a entrada das TIC nas aulas, non só con argumentos educativos, senón tamén para evitar a entón denominada "fenda dixital", agora toca defender a presenza do papel nos colexios (sobre todo os públicos) para evitar o que puidésemos chamar como "a brecha impresa". Do mesmo xeito que as políticas educativas TIC, hai unha década atrás, serviron para ofrecer igualdade de oportunidades no acceso á tecnoloxía a aqueles nenos e mozos que non dispoñían das mesmas nas súas casas, hoxe temos que empezar a plantexar políticas educativas para garantir o acceso e uso dos libros en papel como instrumentos valiosos da cultura. (...)"
Tomado do seu blog "Ordenadores en el aula", falando arredor do libro El elogio del papel.

xoves, 5 de xaneiro de 2017

Libros para os Reis

 

Agora que están a chegar os Reis, si, os Magos, hai que escoller os libros para os máis pequenos. Non se trata de coller o primeiro que cae nas mans, non; hai que revisar e pensar; non todo vale.
Pasar polas librarías, remexer nos estantes de galego, porque si, xa sabemos que en castelán hai moita cousa boa, pero en galego tamén! E se non mercamos nós, se non regalamos nós... os libros galegos, quen o vai facer?
Nos avións, cando dan as instrucións, sempre avisan que debes poñerte o teu cinturón antes de poñerllo aos demais, que debes colocarte o salvavidas e a máscara antes de poñerlla aos demais... e alguén terá que dicir que debemos mercar o noso antes de mercar o dos demais, sobre todo cando o noso ten moita calidade, tanto coma os materiais dos demais que mercan os nosos nas súas linguas.
Vai un enlace á páxina de bibliotecas escolares de Galicia onde hai as mil e unha guías de recomendacións para este Nadal, quen dá máis?

venres, 30 de decembro de 2016

O ano de Manuel Mª


Así se despediu o ano desde a Fundación:
"Próximo a finalizar un ano tan intenso en propostas e iniciativas de todo tipo arredor da figura e da obra de Manuel María, desde a Casa-Museo queremos pórlle o ramo ao grande e convidarvos, máis unha vez, a festexar estas fecundas Letras Galegas de 2016 cun espectáculo musical gratuíto que se celebrará o vindeiro xoves 15 de decembro ás 20 horas no Teatro Colón da Coruña, a cidade na que Manuel María morou na última etapa da súa vida. Será coa colaboración da Deputación da Coruña.
A música amorosa das palabras traeranos a palabra poética de Manuel María co acompañamento musical de tres das voces máis excepcionais da música galega actual: a de Uxía, a de Xabier Díaz e a de Guillerme Fernández. Todos tres teñen xa musicado a poesía de Manuel María noutras ocasións, sendo especialmente destacábel a contribución da primeira na difusión da obra do poeta a través de distintos traballos musicais aparecidos nos últimos anos."
Nós tamén temos que dar as grazas á Fundación e a Manuel Mª por este ano pleno de lecturas, audicións e actividades desde todas as plataformas do país. Foi todo un luxo! 
Si, foi un luxo que a RAG tomara a decisión de dedicarlle as Letras do 2016
a Manuel María, foi un luxo que el existira e escribira comprometido co país e as súas xentes e foi un luxo contar coa Fundación.

xoves, 29 de decembro de 2016

Libros que recrean clásicos


Feliz lobo. O lobiño feroz, da autoría d'El Hematocrito, con ilustracións de Alberto Vázquez. 
Unha nova obra sobre o lobo, ese personaxe unido a Carapuchiña por lazos indelebles. Agora trátase dun lobo bo e amable ao que nin sequera seu tío (que ten ese encargo) consegue converter en feroz. O que a el lle gusta é levarse ben con todo o mundo e facer doces...  ata crear unha pastelaría e endulzar a vida da nai e o tío: o peor é que os pasteis engordan!
Unha historia escrita tal como se camiña, de maneira limpa e divertida. Unha historia que nos trae un autor... que o é de varios blogues humoristicos de éxito e continúa e anda espallándose por twitter, colaborando con revistas e programas de tv pero tamén é mestre de infantil, e así se pon a inventar cousas para enredalos, xoga cos clásicos para crear humor partindo das cousas que coñecen os lectores (Lobo, carapuchiña, os tres porquiños... ) e comenta, que cando traballas con clásicos... xa non tes que presentalos, xa teñen as referencias e entran na historia con facilidade captando á primeira o divertido das situacións; el que coñece os seus gustos dos pequenos e o seu sentido do humor, afirma que se trata de “un público esixente e con tanta enerxía que che obriga a estar sempre esperto e buscando cousas interesantes e curiosas que contar”...
É traducido por Anaír Rodríguez (aínda que o auitor é da Coruña) e as ilustracións contan cun estilo que se conserva ao longo do relato, lembrando os grandes ilustradores que o foron da grandes escritores como Ronald Dahl... 
Alberto Vázquez ven do cómic e ben que se nota, a ilustración pode ocupar as dúas páxinas pero tamén aparecer dentro dun círculo (coma un obxectivo que achega a imaxe que apenas ocupa un anaco de páxina), poden aparecer dúas ilustracións nunha mesma páxina separadas unicamente co espazo en branco ou catro imaxes a modo de viñetas (pero sen separación, agás o branco) nunha mesma páxina e na outra unha imaxe total, pode aparecer unha imaxe  á maneira instrutiva como na receita da torta (cos ingredientes, os verbos que hai que utilizar e a imaxe que os representa, os tempos escritos e mostrando, o lobiño traballando... estamos, polo tanto, ante un ilustrador que xoga moito, experimentando con moitos tipos de tamaño e colocación diferente da ilustracións e incluso colocando o texto sobre a imaxe, acompáñaa ou suplíndoa...