mércores, 15 de febreiro de 2017

Libro infantil de variada tipoloxía (3)

O cociñeiro Martiño de Iago López, un mestre de infantil e home de teatro que pon o seu saber ao servizo dun o relato. Ilustracións de Macu Romero, para un álbum ilustrado publicado por Xerais. 
Un conto acumulativo. O rei busca cociñeiro, iso lle contan dúas veciñas a Martiño que se pon mans á obra pero ao chegar á casa descobre que os ratos o comeron todo e non conta con ingredientes. Ponse a chorar á porta da casa... e por alí van pasando uns e outras que lle irán traendo o necesario ata que consegue elaborar a sobremesa. Daquela comeza outra aventura que é a ida a palacio...
Unha historia feliz na que un grupo de xente se axuda e divirte xunta. Quen dá máis?



martes, 14 de febreiro de 2017

Libros infantís e de variada tipoloxía (2)



Cepillo de Pere Calders con ilustracións de Carme Solé Vendrell, foi premio Lazarillo en 1981, Premio Serra d´Or no mesmo ano e Premio Generalitat de Catalunya en 1982. 
Preséntasenos agora da man de Kalandraka, en tradución de Xosé Ballesteros, na colección Maremar.
Ao neno da casa retíranlle o can por desfacer un sombreiro no medio do xogo... cousas de cans, a quen non lle pasou? O neno da casa está tan triste que busca outro can para poder compartir con el todo o que antes coñeceu, busca e busca ata que atopa un cepillo vello e abandonado. 
Aí comeza a historia, unha historia de afectos e terquedades, de amores e posibilidades. Un bo libro, co empeño e a bondade como ingredientes.
Volver atrás non ten nada de malo, senón o aval de atoparse cun clásico. 

luns, 13 de febreiro de 2017

Libros de literatura infantoxuvenil e variada tipoloxía (1)



Raiolas de sol, Antonio García Teijeiro. Colección Costa Oeste de Galaxia. Relatos curtos.
Son os relatos aos que nos ten acostumados Antonio, esas pequenas pezas relacionadas case sempre coa poesía ou coa música. O primeiro deles “A figura” lévanos a un poema de Celso Emilio Ferreiro, aquel do vello que, canso, toma o sol, sen deberlle nada a ninguén... O segundo deles,“Primavera”, tráenos á relación entre unha neta e a súa avoa cunha peza musical ao fondo, porque no ano hai de todo e despois do inverno chega a primavera. De música tamén trata o terceiro, "Ser músico”, da frustración que sente un mozo ao que os pais lle impiden converterse en músico cando ese era o seu maior desexo. Si, “Abril” lévanos á canción de Joaquín Sabina. E convido a que non quedemos só en ler, por que non animamos aos lectores e escribir o seu propio relato arredor dese "abril" de Sabina?
Poemas e música, palabras e prosa.


mércores, 25 de xaneiro de 2017

Os autores máis lidos nos clubs de lecturas

Aí van... desde o blogue Ler en mancomún da Asesoría de Bibliotecas Escolares. Este é o resultado da revisión das memorias dos 239 Clubs de Lectura acollidos á convocatoria realizada pola Dirección xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Clubs de Lectura de centros que escolarizan alumnado de Secundaria.
E din: "Agustín Fernández Paz lidera unha vez máis esta táboa na que tamén atopamos poetas ou autores de banda deseñada. Observamos, así mesmo, que son 13 as autoras que aparecen nesta relación dos 40 autores/as máis lidos, con obras seleccionadas polos lectores e lectoras". Xénero (ou sexo dos creadores/as) e xéneros (literarios: poesía, teatro, narrativa, banda deseñada...).  Agustín é seguido por Ledicia Costas, o viñetista e ilustrador  Miguelanxo PradoPedro Feijoo, ... 

martes, 24 de xaneiro de 2017

Os libros máis lidos nos Clubs de Lectura


Do blogger Ler en mancomún, que mantén a Asesoría de Bibliotecas Escolares en relación aos Clubs de Lectura, extraemos a información, acerca dos cincuenta libros máis lidos nestes 239 clubs de centros de Secundaria acollidos á convocatoria.
Dos galegos, destacan Escarlatina, a cociñeira defunta, O corazón de Xúpiter e Un animal chamado néboa de Ledicia Costas que camiña imparable pola estela que Agustín deixou aberta; Europa Express, o que fora premio Jules Verne; Memorias dun neno labrego, manténdose desde os sesenta e demostrando que non só se le o último (... cando se ten cabeza); Cartas de inverno do que van máis de 100.000 exemplares vendidos, o libro dos libros de Agustín Fernández Paz, do que tamén recollen  A neve interminable, Contos por palabras, O único que queda é o amor, Aire negro e A viaxe de Gagarín;...
Unha viaxe pola fonte, Ler en mancomún, opfreceranos toda a información.



luns, 23 de xaneiro de 2017

Os mellores de 2016. Fervenzas Literarias

 
– Mellor libro de narrativa para A ferida do vento, de Antón Riveiro Coello.
– Mellor libro de poesía para Os fillos da fame, de Ismael Ramos.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Historia das historias de Galicia, coordinado por Isidro Dubert.
– Mellor libro de teatro para A filla de Woody Allen, de Santiago Cortegoso.
– Mellor álbum de banda deseñada para Presas fáciles, de Miguelanxo Prado.
– Mellor libro traducido para público adulto para Festa no xardín, de Katherine Mansfield, por Estela Villar Nogueira.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas.
– Mellor libro de literatura infantil para Esmeraldina, a pequena defunta, de Ledicia Costas.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Unha última carta, de Antonis Papatheodoulou, traducido por Manuela Rodríguez.
– Autor/a do ano para Diego Giráldez.
– Ilustrador/a do ano para Miguelanxo Prado.
– Mellor capa de libro para adultos para Galería de saldos, de Diego Giráldez, feita por Iago Sánchez Losada.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas, por Víctor Rivas.
– Mellor editorial do ano para Galaxia.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para o pasamento de Agustín Fernández Paz.
– Mellor Libraría para Libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog/web literaria para Criticalia, de Armando Requeixo.”

mércores, 18 de xaneiro de 2017

Informe sobre a lectura e Bibliotecas Escolares



Nos datos do último Informe de Lectura 2017, sae a luz... que  un 39% da poboación española non le nunca ou case nunca, e só un 47% é lector habitual; aumentou o número de lectores frecuentes un 11,2 % nos últimos 15 anos.O número de librarías reduciuse moito aínda que menos que o número de puntos de venta de prensa.
Conclúe que os que máis len son os xóvenes, universitarios e habitantes de municipios de máis dun millón de habitantes.
Tamén pon de manifesto que medrou o número de bibliotecas, pero as coleccións están envellecidas (“En 2009 invertían 1,50 euros por habitante; en 2014, so 0,56 céntimos”).e os horarios reducidos, pola crise. Descenderon os préstamos a pesar de que hai máis persoas asociadas. O informe tamén deixa claro que as bibliotecas son aproveitadas só por un cuarto da poboación
Recoñécese como debilidade, a marxinación das bibliotecas escolares (ao diminuír o apoio público), o que afecta á baixa competencia lectora e informacional de moitos cidadáns. Neste aspecto, queremos e debemos referirnos a un artigo publicado por Faro de Vigo, no que se fala de Galicia como exemplo dunha liña innovadora para educación nos seguintes termos:
Noutyra nova, neste caso galega... dise:
"Os editores destacan o desenvolvemento das Bibliotecas Escolares, "unha rede extensa e cun gran nivel de actividade", sinalan. Recoñecen ademais que a pesar das dificultades económicas, esta rede é unha das máis activas. "Ao longo deste tempo, tal vez un dos logros máis interesantes ten sido a consolidación de verdadeiras redes territoriais", escriben. "No esquezamos -di o informe- que, por exemplo, en Galicia, onde o orzamento para as bibliotecas escolares é o máis elevado comparativamente en relación ao número de alumnos, en PISA obtivo resultados en competencia lectora superiores á media de España, OCDE y UE.
Ademáis resaltan a súa "liña innovadora" ao crear unha materia de libre configuración en Secundaria titulada Investigación e tratamento da información. É tamén un "exemplo excelente" en canto a actividades promocionais como clubs de lectura ou concursos.