domingo, 7 de maio de 2017

A lectura, un beneficio












Os expertos sinalan que a través da lectura enriquécese o coñecemento, estimúlase a imaxinación, desenvólvese a capacidade de concentración e a memoria, mellórase a linguaxe... Quen dá máis?
Hai quen di (creo que Docampo) que les porque sabes e sabes porque les. E resulta unha boa maneira de resumilo.
A lectura é un hábito que hai que practicar. E para iso, o primeiro é que guste. E para gustar han de coñecer. Polo tanto, ao tempo e sen demora, débese desenvolver a competencia.
A lectura... para a vida académica, persoal, profesional; para avanzar a todos os niveis; para ter fiestras abertas aos mundos reais e de ficción, pa contar coas ferramentas imprescindibles para a vida; para ler e para lerse a si mesmos véndose reflectidos, podendo nomear experiencias para as que carecçian de palabras e referencias  
E por se fora pouco, tamén se fala da lectura como terapia, tanto de manuais de psicoloxía como de libros literarios; dos primeios dise que axuda a comprender o que lles ocorre e a ser partícipes na súa recuperación e dos segundos (cando se escollen pola temática relacionada co problema) pódese identificar cos personaxes, e sempre significará darse un espazo de tempo para pensar sobre a propia vida, coñecerse, aceptarse e sentirse mellor.

sábado, 6 de maio de 2017

Carlos Casares. Os seus libros de LIX, no seu ano (I)



Con Casares asistimos á recuperación ou rexurdimento da literatura infantil e xuvenil galega.
El aparece nos momentos inagurais deste sistema literario.
Gana o Primeiro Premio do Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho no ano 1968 con A galiña azul. Aí está o seu libro, na primeira convocatoria do premio, cun conto que ninguén deixou de ler por aqueles anos e que aí continúa dicindo a súa verdade, dirixindo a súa protesta contra a uniformización, ríndose da opresión e facendo unha dedicatoria que fala do que hai que falar, cando se dirixe á nai da rapaza dicíndolle “Que non se esqueza nunca de que é galega” e continúa  xa falándolle á nena: “Eu non sei se te decatas de que es galega, Ana, nin sei siquera se sabes ben que é Galicia ou como é (...) Mentres non voltas, mándoche estes contos, escritos na túa lingua, para que ó escoitar estas palabras poida relembrar aquelas outras ditas por aquela campesiña (...)“. 
Escribir para xunguir á Terra. Un conto produto dos tempos de ditadura, cunha galiña azul que campa polo galiñeiro de Lorenzo, poñendo ovos de cores e dicindo cocorocó en vez de cacaracá;  pero que o alcalde Manolito Listón, non está disposto a consentir “por non ser como é debido”; os veciños artellan unha solución pintando todas as galiñas de azul, aínda que Leoncio (o tolo) se confunde e pinta a súa de vermello e mentres escapa da persecución con ela debaixo do brazo berra “Para gustos se fixeron colores”; as autoridades agardan que chova para descubrir a verdadeira galiña azul pero por agora... quenta o sol. Acompañan a este conto “A formiga esquiadora” na que se explica a historia dunha formiga valente que non se dá por vencida e, a pesar de ter unha pata rota, loita por levar a súa pedriña de azucre ata a morte, “O peixe da fonte do xardín”, onde coñecemos a Leoncio, o tolo que bota discursos e fai inventos; cando o garda acusa a un neno traste da morte do peixe el explica o que veu, que foi un acto xeneroso por parte do peixe que sae do estanque para darlle de beber a un paxaro que ven morto de sede: unha vida por outra, unha historia de sacrificio que lembra O espantallo amigo de Neira Vilas. O outro conto, tamén protagonizado por Leoncio “A bomba da felicidade” describe un dos seus inventos, unha bomba da vida e da risa en vez das bombas de morte que crean aqueles que semellan cordos. Historias un pouco tristes, polo menos algunha delas, que falan de abnegación, do valor da diferenza, das solucións alternativas, da reividicación da loucura e o pacifismo.    

xoves, 4 de maio de 2017

Carlos Casares. Os seus libros de LIX, no seu ano

Aproveito, para isto, un artigo que aparece publicado na revista Raigames que se publica neste mes de maio, en homenaxe ao autor.

Quero determe, en primeiro lugar, nun libro marabilloso que se publica en Galaxia, nunha colección sen nome que recolle tamén O galo de Antioquía e o libro de Manuel Rivas A lingua das bolboretas. O libro de Casares aparece ilustrado por Enjamio, unha escolla pola que hai que felicitar á editorial.
Un polbo xigante, ten -ao meu entender- iso que atrapa na primeira lectura e obriga a relelo, porque contén unha dose de misterio, de complexidade, de maxia inmersa no relato... que obriga a retomalo para non perderse.  
Realismo máxico e narración oral danse a man para levarnos a un mundo posible no que suceden acontecementos incribles, ou non tanto.
Un rapaz e a muller que traballa na casa dos seus pais. A maneira na que ela trata o trata e como lle vai conducindo a imaxinación ata conseguir superar a realidade. El, vivindo unha realidade concreta pero saíndose dela porque a imaxinación pode máis especialmente se é guiada por unha vella contadoa. O rapaz eo home que conta as lembranzas no presente.
Un relato cheo de imaxes marabillosas que nos trae unha bocanada de mar salgado, do mar ao que tememos as xentes da costa, aquel polo que se van para non volver, aquel que nos ofrece as historias máis prodixiosas... e misteriosas. 

Novas varias relacionadas con libros

                                                                                                                                                                    Imaxe de Matilda
Os libros viventes ou persoas libro, son un recurso máis a biblioteca; unha posibilidade de dinamizala tendo en conta as persoas próximas que poden achegar algo que nos resulta necesario. Ben o di o artigo: non todas as persoas teñen unha historia realmente de interese; ademais, en cada momento podemos facer fincapé nun aspecto determinado... pero aí está  iniciativa.
Igual que collemos un libro para entrar noutros mundos, podemos asistir á charla dunha persoa que ten algo que contarnos e facerlle preguntas. 
Por que pensar no próximo? Porque ás veces empeñámonos en mirar lonxe cando preto temos tanto e mais a man, máis entendible, máis doado, máis exemplíficante... Se pensamos un pouco, aparecen moitas persoas que son verdadeiros libros cos que organizar unha biblioteca vivente, unha edición especial. 
Varios medios andan a fala desta modalidade de libro, e cando isto sucede máis vale que nos fagamos preguntas.
Outra nova que recollo porque me parece que achega unha actividade que pode resultar interesante é a que fala de construír unha mapa dalgún lugar cos libros; eles elaboran un mapa do mundo, pero eu propoño un mapa da zona, do concello, un mapa en plan micro no que coloquemos aqueles libros publicados polos nosos veciños que aportan una riqueza ao medio. Con coidadiño, sempre cómpre telo... para non facer babecadas e colocar algo que non responda ao criterio, no caso de realizar selección; comentan no artigo que en España colocaran un libro de Carlos Ruíz Zafón deixando fóra o libro de Cervantes nos que andamos a penar todas e todos, ¡menudos prescriptores!   

mércores, 3 de maio de 2017

Campaña de fomento da lectura en euskera. Un exemplo


Unha maneira de fomentar a lectura en euskera.
"Irakurri, gozatu eta oparitu (Le, disfruta e regala)" é unha campaña que Euskaltzaleen Topagunea organiza en 40 localidades para fomentar a lectura de libros en euskera. Este ano o concello de Pamplona, as bibliotecas públicas e varias librarías súmanse a este programa.
O programa consiste esencialmente en premiar a retirada en préstamo ns bibliotecas dun libro de euskera, e  a súa conseguinte lectura, cun cheque de compra por valor do 35% del prezo que se poderá cambiar ao mercar un libro en euskera nas librarías de Pamplona que se adhiran ao programa.
As persoas interesadas, ao facer uso do servizo de préstamos das bibliotecas, collen un libro en euskera. Unha vez rematada a lectura, devolveno á biblioteca e alí cubren unha ficha con catro preguntas xenéricas acerca do libro lido. Ao completar a ficha, entrégaselle o cheque de compra para poder adquirir nunha libraría un libro en euskera un 35% máis barato.O programa propón que o libro mercado se convirta nun agasallo para algunha persoa próxima.
Unha maneira de visibilizar a lectura en euskera, ofrecendo ventaxas para poder mercar eses libros, impulsar o hábito da lectura entre a cidadanía, reivindicar o placer de ler e posibilitar que ese placer se comparta e se convirta nun regalo, ao tempo que se promove o uso das biliotecas públicas.

venres, 28 de abril de 2017

Construír comunidades a través da lectura e a escrita

 
Organizado por Fundalectura "Iguales pero diversos: Congreso Nacional de Lectura 2.017" invita a explorar os lazos entre a lectura, a reconciliación e a convivencia en Colombia, entre el 26 e 28 de abril.
Mostraranse diversas experiencias para poder utilizar a lectura como unha ferramenta social, para poder pechar brechas. Nisas andamos...
Explican: “Colombia é un país dividido. Un prolongado conflito armado, diversas disputas polo uso e aproveitamento dos recursos, desconfianza nos políticos e no Estado, e unha longa historia de actividades ilegais deixaron na nosa sociedade feridas moi profundas. Frente a esta delicada división, temos a obriga de recoñecer que se queremos construír unha paz verdadeiramente estable e duradeira debemos realizar unha reflexión profunda sobre a reconciliación e a convivencia. Por esta razón el 13o Congreso Nacional de Lectura é unha oportunidade para preguntarse sobre o lugar que teñen a cultura e a educación no reto de vivir xuntos e de sandar as feridas. Para explorar as achegas das bibliotecas, da escola, dos entornos familiares e, moi particularmente, dos mozos como axentes de cambio”.
A lectura para curar feridas, para pechar brechas, para coser o que está rachado a través das lecturas e os libros, da palabra. Porque a palabra cura. Teremos quen darlle volas a eses conceptos...

xoves, 27 de abril de 2017

Unha nova fórmula para escoller libros

Cidades lectoras. 
Oportunidades para falar, de novo, da necesidade de proxectos municipais de lectura, de documentos que recollan aquilo que consideramos debemos poñer en pé, manter... difundir para que a lectura pase a ser más común. Proxectos para crear lectores e acomapañar aos que len.   
Co motivo do Día do Libro, os madrileños tiveron a oportunidade de "elixir o libro que non queren que falte na túa biblioteca"; unha especie de itinerario lector con aquelas obras que significaron tnto para nós que non queremos que os demais as perdan. 
Os cen primeiros pasarán a formar parte dalgunha das 31 bibliotecas públicas. 
"O meu libro para Madrid", será unha ocasión para coñecer os gustos dos cidadáns: ese libro que co que agasallan a súa cidade.  
E da cidade ao barrio e á cmunidade de veciños, como na foto, os libros nas escleiras, nos lugares comúns