sábado, 6 de maio de 2017

Carlos Casares. Os seus libros de LIX, no seu ano (I)



Con Casares asistimos á recuperación ou rexurdimento da literatura infantil e xuvenil galega.
El aparece nos momentos inagurais deste sistema literario.
Gana o Primeiro Premio do Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho no ano 1968 con A galiña azul. Aí está o seu libro, na primeira convocatoria do premio, cun conto que ninguén deixou de ler por aqueles anos e que aí continúa dicindo a súa verdade, dirixindo a súa protesta contra a uniformización, ríndose da opresión e facendo unha dedicatoria que fala do que hai que falar, cando se dirixe á nai da rapaza dicíndolle “Que non se esqueza nunca de que é galega” e continúa  xa falándolle á nena: “Eu non sei se te decatas de que es galega, Ana, nin sei siquera se sabes ben que é Galicia ou como é (...) Mentres non voltas, mándoche estes contos, escritos na túa lingua, para que ó escoitar estas palabras poida relembrar aquelas outras ditas por aquela campesiña (...)“. 
Escribir para xunguir á Terra. Un conto produto dos tempos de ditadura, cunha galiña azul que campa polo galiñeiro de Lorenzo, poñendo ovos de cores e dicindo cocorocó en vez de cacaracá;  pero que o alcalde Manolito Listón, non está disposto a consentir “por non ser como é debido”; os veciños artellan unha solución pintando todas as galiñas de azul, aínda que Leoncio (o tolo) se confunde e pinta a súa de vermello e mentres escapa da persecución con ela debaixo do brazo berra “Para gustos se fixeron colores”; as autoridades agardan que chova para descubrir a verdadeira galiña azul pero por agora... quenta o sol. Acompañan a este conto “A formiga esquiadora” na que se explica a historia dunha formiga valente que non se dá por vencida e, a pesar de ter unha pata rota, loita por levar a súa pedriña de azucre ata a morte, “O peixe da fonte do xardín”, onde coñecemos a Leoncio, o tolo que bota discursos e fai inventos; cando o garda acusa a un neno traste da morte do peixe el explica o que veu, que foi un acto xeneroso por parte do peixe que sae do estanque para darlle de beber a un paxaro que ven morto de sede: unha vida por outra, unha historia de sacrificio que lembra O espantallo amigo de Neira Vilas. O outro conto, tamén protagonizado por Leoncio “A bomba da felicidade” describe un dos seus inventos, unha bomba da vida e da risa en vez das bombas de morte que crean aqueles que semellan cordos. Historias un pouco tristes, polo menos algunha delas, que falan de abnegación, do valor da diferenza, das solucións alternativas, da reividicación da loucura e o pacifismo.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario