mércores, 10 de maio de 2017

Carlos Casares. Os seus libros de LIX, no seu ano (III)




Carlos Casares é un pioneiro no mundo da literatura infantil e xuvenil. Demóstrao con ese primeiro premio certame de Contos O Facho e no primeiro premio no certame de Teatro. Continuará facéndoo cando enceta o xénero das series literarias. Algo que agora nos semella tan natural, despois de todo o que fixeron Os Bolechas acompañando os nenos galegos de varias xeracións. 
Casares creou un personaxe, Toribio, que mantivo ao longo de varias entregas: Este é Toribio, Toribio contra o profesor Smith, Toribio e o contador de contos, Toribio ten unha idea e  Toribio revoluciona o tráfico. Ilústraos Penélope Ares e preséntase Toribio coma un neno de oito anos que fai inventos, leva un Lapis das Cousas Imposibles no peto do pantalón e no seu cuarto atopamos a Ra dos Recados (que percorre a Terra), a Pantalla Universal Chismorrosa (para observar o que pasa no universo mundo), o Telebrazo Global Laserizado (para chegar a todas partes), o Lingú (Lingua Autónoma Universal Dixitalizada coa que pode falar en calquera lingua)... É fillo dun publicista e unha profesora de música, amigo de Sara (que tamén inventa, pois dela é o Contador  de Contos de Efecto Retardado) e mantén contacto co profesor Papafigovich de Moscú, co profesor Pardau de Lisboa e non lle queda máis remedio que estar atento ás tolerías do profesor Smith de Nova York. 
Unha serie para primeiros lectores, pois pertence á colección Árbore con esa especificidade.


luns, 8 de maio de 2017

Carlos Casares. Os seus libros de LIX, no seu ano (II)



Así como foi o primeiro ganador do Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho, cando en 1973 se covoca o Concurso Nacional de Teatro Infantil O Facho resulta premiada a súa obra As laranxas máis laranxas de todas as laraxas
Un divertimento, un nonsense marabilloso que leron e co que xogaron nenos e nenas dun tempo no que as obras de teatro dirixidas a eles eran moi escasas. Unha historia ambientada na aldea cos veciños como personaxes que conservan ese nome ao que se une unha característica que individualiza:  “Veciño da escopeta", "Veciño gordo" ou Toneladita, "Veciña desdentada", "Veciña sabida", "Vecño torto"). Ao seu lado, os dous protagonistas: Elías (pouco espabilado, bastante vago e despistado) e Anxa (traballadora e decidida) acompañados polo Ovo, a galiña Petra e o can Paulino. 
O sobrenatural vai entrando en escena a través das inmensas laranxas que nacen no limoeiro e das que saen moreas de cousas. O humor nos diálogos absurdos. A imaxinación facendo voar os zapatos e as escopetas ou dándolle voz a galiñas, laranxas e ovos. A confusión coa que cada un nomea as laranxas: limoeiros, bolas, toromelos, lambetadas, cereixas, cirolas,... O poder dos contos para cascar un ovo, para abrir as fontes ou para falar coas galiñas chocas. 
No escenario dunha aldea, cuns personaxes do rural, constrúe unha historia fantástica chea de humor que ilustra Seoane (nos decorados e figurinos) dándolle carta de identidade e valor. 
Esta obra de teatro, que se publica na editorial Galaxia en 1973, foi levada á escena no ano 2004 polo Centro Dramático Galego, sendo a primeira peza infantil que representa o ente público. Un enredo surreal.        

domingo, 7 de maio de 2017

A lectura, un beneficio












Os expertos sinalan que a través da lectura enriquécese o coñecemento, estimúlase a imaxinación, desenvólvese a capacidade de concentración e a memoria, mellórase a linguaxe... Quen dá máis?
Hai quen di (creo que Docampo) que les porque sabes e sabes porque les. E resulta unha boa maneira de resumilo.
A lectura é un hábito que hai que practicar. E para iso, o primeiro é que guste. E para gustar han de coñecer. Polo tanto, ao tempo e sen demora, débese desenvolver a competencia.
A lectura... para a vida académica, persoal, profesional; para avanzar a todos os niveis; para ter fiestras abertas aos mundos reais e de ficción, pa contar coas ferramentas imprescindibles para a vida; para ler e para lerse a si mesmos véndose reflectidos, podendo nomear experiencias para as que carecçian de palabras e referencias  
E por se fora pouco, tamén se fala da lectura como terapia, tanto de manuais de psicoloxía como de libros literarios; dos primeios dise que axuda a comprender o que lles ocorre e a ser partícipes na súa recuperación e dos segundos (cando se escollen pola temática relacionada co problema) pódese identificar cos personaxes, e sempre significará darse un espazo de tempo para pensar sobre a propia vida, coñecerse, aceptarse e sentirse mellor.

sábado, 6 de maio de 2017

Carlos Casares. Os seus libros de LIX, no seu ano (I)



Con Casares asistimos á recuperación ou rexurdimento da literatura infantil e xuvenil galega.
El aparece nos momentos inagurais deste sistema literario.
Gana o Primeiro Premio do Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho no ano 1968 con A galiña azul. Aí está o seu libro, na primeira convocatoria do premio, cun conto que ninguén deixou de ler por aqueles anos e que aí continúa dicindo a súa verdade, dirixindo a súa protesta contra a uniformización, ríndose da opresión e facendo unha dedicatoria que fala do que hai que falar, cando se dirixe á nai da rapaza dicíndolle “Que non se esqueza nunca de que é galega” e continúa  xa falándolle á nena: “Eu non sei se te decatas de que es galega, Ana, nin sei siquera se sabes ben que é Galicia ou como é (...) Mentres non voltas, mándoche estes contos, escritos na túa lingua, para que ó escoitar estas palabras poida relembrar aquelas outras ditas por aquela campesiña (...)“. 
Escribir para xunguir á Terra. Un conto produto dos tempos de ditadura, cunha galiña azul que campa polo galiñeiro de Lorenzo, poñendo ovos de cores e dicindo cocorocó en vez de cacaracá;  pero que o alcalde Manolito Listón, non está disposto a consentir “por non ser como é debido”; os veciños artellan unha solución pintando todas as galiñas de azul, aínda que Leoncio (o tolo) se confunde e pinta a súa de vermello e mentres escapa da persecución con ela debaixo do brazo berra “Para gustos se fixeron colores”; as autoridades agardan que chova para descubrir a verdadeira galiña azul pero por agora... quenta o sol. Acompañan a este conto “A formiga esquiadora” na que se explica a historia dunha formiga valente que non se dá por vencida e, a pesar de ter unha pata rota, loita por levar a súa pedriña de azucre ata a morte, “O peixe da fonte do xardín”, onde coñecemos a Leoncio, o tolo que bota discursos e fai inventos; cando o garda acusa a un neno traste da morte do peixe el explica o que veu, que foi un acto xeneroso por parte do peixe que sae do estanque para darlle de beber a un paxaro que ven morto de sede: unha vida por outra, unha historia de sacrificio que lembra O espantallo amigo de Neira Vilas. O outro conto, tamén protagonizado por Leoncio “A bomba da felicidade” describe un dos seus inventos, unha bomba da vida e da risa en vez das bombas de morte que crean aqueles que semellan cordos. Historias un pouco tristes, polo menos algunha delas, que falan de abnegación, do valor da diferenza, das solucións alternativas, da reividicación da loucura e o pacifismo.    

xoves, 4 de maio de 2017

Carlos Casares. Os seus libros de LIX, no seu ano

Aproveito, para isto, un artigo que aparece publicado na revista Raigames que se publica neste mes de maio, en homenaxe ao autor.

Quero determe, en primeiro lugar, nun libro marabilloso que se publica en Galaxia, nunha colección sen nome que recolle tamén O galo de Antioquía e o libro de Manuel Rivas A lingua das bolboretas. O libro de Casares aparece ilustrado por Enjamio, unha escolla pola que hai que felicitar á editorial.
Un polbo xigante, ten -ao meu entender- iso que atrapa na primeira lectura e obriga a relelo, porque contén unha dose de misterio, de complexidade, de maxia inmersa no relato... que obriga a retomalo para non perderse.  
Realismo máxico e narración oral danse a man para levarnos a un mundo posible no que suceden acontecementos incribles, ou non tanto.
Un rapaz e a muller que traballa na casa dos seus pais. A maneira na que ela trata o trata e como lle vai conducindo a imaxinación ata conseguir superar a realidade. El, vivindo unha realidade concreta pero saíndose dela porque a imaxinación pode máis especialmente se é guiada por unha vella contadoa. O rapaz eo home que conta as lembranzas no presente.
Un relato cheo de imaxes marabillosas que nos trae unha bocanada de mar salgado, do mar ao que tememos as xentes da costa, aquel polo que se van para non volver, aquel que nos ofrece as historias máis prodixiosas... e misteriosas. 

Novas varias relacionadas con libros

                                                                                                                                                                    Imaxe de Matilda
Os libros viventes ou persoas libro, son un recurso máis a biblioteca; unha posibilidade de dinamizala tendo en conta as persoas próximas que poden achegar algo que nos resulta necesario. Ben o di o artigo: non todas as persoas teñen unha historia realmente de interese; ademais, en cada momento podemos facer fincapé nun aspecto determinado... pero aí está  iniciativa.
Igual que collemos un libro para entrar noutros mundos, podemos asistir á charla dunha persoa que ten algo que contarnos e facerlle preguntas. 
Por que pensar no próximo? Porque ás veces empeñámonos en mirar lonxe cando preto temos tanto e mais a man, máis entendible, máis doado, máis exemplíficante... Se pensamos un pouco, aparecen moitas persoas que son verdadeiros libros cos que organizar unha biblioteca vivente, unha edición especial. 
Varios medios andan a fala desta modalidade de libro, e cando isto sucede máis vale que nos fagamos preguntas.
Outra nova que recollo porque me parece que achega unha actividade que pode resultar interesante é a que fala de construír unha mapa dalgún lugar cos libros; eles elaboran un mapa do mundo, pero eu propoño un mapa da zona, do concello, un mapa en plan micro no que coloquemos aqueles libros publicados polos nosos veciños que aportan una riqueza ao medio. Con coidadiño, sempre cómpre telo... para non facer babecadas e colocar algo que non responda ao criterio, no caso de realizar selección; comentan no artigo que en España colocaran un libro de Carlos Ruíz Zafón deixando fóra o libro de Cervantes nos que andamos a penar todas e todos, ¡menudos prescriptores!   

mércores, 3 de maio de 2017

Campaña de fomento da lectura en euskera. Un exemplo


Unha maneira de fomentar a lectura en euskera.
"Irakurri, gozatu eta oparitu (Le, disfruta e regala)" é unha campaña que Euskaltzaleen Topagunea organiza en 40 localidades para fomentar a lectura de libros en euskera. Este ano o concello de Pamplona, as bibliotecas públicas e varias librarías súmanse a este programa.
O programa consiste esencialmente en premiar a retirada en préstamo ns bibliotecas dun libro de euskera, e  a súa conseguinte lectura, cun cheque de compra por valor do 35% del prezo que se poderá cambiar ao mercar un libro en euskera nas librarías de Pamplona que se adhiran ao programa.
As persoas interesadas, ao facer uso do servizo de préstamos das bibliotecas, collen un libro en euskera. Unha vez rematada a lectura, devolveno á biblioteca e alí cubren unha ficha con catro preguntas xenéricas acerca do libro lido. Ao completar a ficha, entrégaselle o cheque de compra para poder adquirir nunha libraría un libro en euskera un 35% máis barato.O programa propón que o libro mercado se convirta nun agasallo para algunha persoa próxima.
Unha maneira de visibilizar a lectura en euskera, ofrecendo ventaxas para poder mercar eses libros, impulsar o hábito da lectura entre a cidadanía, reivindicar o placer de ler e posibilitar que ese placer se comparta e se convirta nun regalo, ao tempo que se promove o uso das biliotecas públicas.