mércores, 17 de maio de 2017

Casares e Riveiro Coello, os libros


A ferida do vento de Riveiro Coello ten relación con Vento ferido, a novela de Casares, que neste ano cumpre 50 anos. 
Casares aparece aquí como un personaxe máis, o fillo do mestre Paco, que fala con seu pai para que o avó lle mostre o rexistro que leva dos tolos... a rapaz comenta o encontro co escritor que vén de entrar na Real Academia Galega e, que na visita á súa casa, o agasalla con O Principiño e Vento Ferido.
Así narra o segundo encontro:
“Diante da porta de Emilita Peláez, o fillo de don Paco fala con don Ramiro, co Rodriguete e máis con Camilo Dios, os tres comunistas máis destacados da nosa vila. Ao carón, unha muller loura, esvelta, alta, con minisaia, un cigarro na boca, lanza unha gargallada de fermosos dentes brancos e apoia a súa alegría no ombreiro esquerdo do escritor, que é moito máis baixo ca ela. Ese aceno agarimoso insinúa que ela é a súa dona.”  
Volve Riveiro a Casares por aquela promesa que lle fixera cando no xantar posterior á presentación de As rulas de Bakunin pactara con el escribir a historia “dos seus tolos”, eses que se recollen no relato, personaxes que se distinguen de todos os demais pola orixinalidade e liberdade coa que se moven, polo vento que levan dentro da cabeza.
Unha bonita homenaxe!

martes, 16 de maio de 2017

Carlos Casares. Os seus libros libros de LIX, no seu ano (VII)

Hai un Carlos Casares tradutor de literatura infantil e xuvenil, aquel que está atento ás necesidades deste grupo de idade, que coñece o que se fai no mundo e o trae á nosa lingua.
Así nos chegan O Principiño de Antoine de Saint - Exupery e Os escaravellos voan á tardiña de María Gripe para a mocidade. Do primeiro destes libros xuntou Casares unha colección de edicións en diferentes linguas do mundo que constitúe unha exposición O Principiño arredor do mundo. A colección de Carlos Casares.
Tradutor e editor. Desde Galaxia, Casares atende esta franxa de idade cunha atención especial.  


luns, 15 de maio de 2017

Carlos Casares e os seus libros, pioneiros tamén noutros soportes




Hai que lembrar, que algún dos contos de Casares xa aparecían no que debe ser o primeiro vinilo de historias gravadas en galego, Contos galegos pra nenos, alá polo 1979 editados en dous volumes, cunha selección de textos de Xosé Paz, portadas ilustradas por Xosé Antonio Perozo e producidos por Suso Vaamonde, a través de firma Dial Limoeiro. 
Os textos do primeiro dos volumes son Choio e o rei Talento de Guillermo Abeixón, Os tres bandoleiros de Tomi Ungerer traducido por Xosé Paz, Amal e o leiteiro de Rabindranath Tagore traducido por Xulio Cons, A primeira aventura da ranciña de Anisia Miranda, xunto con A formiga esquiadora e A galiña azul de Carlos Casares.
De Perozo son tamén os diálogos e algunha das voces dos personaxes, xunto coas de Mª dos Anxo Prieto, Mª Xosé Porteiro, Mª Xosé González, Manuel Pombal, Antón Durán “Morris”e Suso Vaamonde, que se definen como grupo Avelaira. Nos sons, as músicas e efectos especiais Xan I. Cuadrado e Alberte G, Ledesma.

Precursores, tamén eles, na utilización de novos soportes, e demostrando que as historias resisten sexa cal sexa a maneira de contalas, porque antes e agora seguimos a necesitalas para que a Terra siga xirando abalada polos sons da nosa lingua, unha lingua azul e branca que ten a súa propia maneira de cantar.

domingo, 14 de maio de 2017

Carlos Casares. Os seus libros de LIX, no seu ano (VI)



O galo de Antioquía publícase tamén na editorial Galaxia, fóra de colección, coa colaboración de Caixa Galicia e con ilustracións de Andrés Meixide.
Unhas ilustracións nas que xoga coa simboloxía e as metáforas convertidas en imaxes, unhas representacións que asumen o prodixio tamén como algo normal e lle dan carta de naturalidade.   
Na presentación dunha das ultimas edicións, o fillo de Casares, Hakan, fala do pai e do seu sentido do humor, o gusto polas situacións absurdas e surrealistas así como polas personaxes pintorescas entre as que se moven os curas, o seu aprecio polas virtudes de comprensión e tolerancia e a consideración da intolerancia como o gran mal, xerme do fatalismo e da violencia. De todo isto temos no libro. 
De curas, da relixión ao entender popular onde Deus é bo pero o demo tampouco e malo, ou por mellor dicir: pódese crer na relixión oficial compartíndoa con outras crenzas. Así, o párroco é un home de bo comer e gozar, alguén que entende todas ou case todas as debilidades. Pero o seu amigo, un curiña "flor de pitiminí" é un fundamentalista que non dá entendido que un ferreiro se poida converter en galo e visitar a cidade asolagada. E así, como nos tempos da Santa Inquisición, esta actúa e o mundo pasa por etapa escuras. 

sábado, 13 de maio de 2017

Carlos Casares. Os seus libros de LIX, no seu ano (V)



O can Rin e o lobo Crispín, foi publicado na colección Árbore da editorial Galaxia en 1983.
Ilustrado polo arquitecto Pedro de Llano, sen que se lle recoñeza ningunha outra experiencia de poñer imaxes a unha historia, na literatura infantil galega. 
Personaxes da aldea e  o portento facéndose visible, pois é a historia dun can que fala, pero ademais é listo e valente. Cóntase o seu pasado... de cando andaba de pastor pola parte de Burgos e se fixera famoso por dicir as oracións en latín, de como foi regalado -por esta razón- ao bispo de Ourense e de como este llo ten que pasar ao abade de Beiro polas animaladas e pecados que comezou a dicir polas ensinanzas dun sancristán, de como fai favores a todos ata o punto de saír a buscar o médico de Amoedo para unha enferma no medio da noite e de como este se nega a ir polo medo ao lobo Crispín, de como o can o convence despois dunha aposta na que mostra a súa forza... De camiño atopan ao lobo, o médico está horrorizado, pero o can atácao, soltándoo só a cambio dunha promesa “que o día da festa de Beiro vaia á aldea á saída da misa e que diante de todo o mundo lamba unha ovella”. Así o fixo! Polo medio, aparece a enferma que coa febre crese unha princesa china, das que tamén o lobo escoitou falar e que ao final, cando ve o que este fai coa ovella afirma que lle dixeron que iso pasara unha vez en China, hai máis de vinte mil anos. 
Pode haber algo máis fantástico que a China no imaxinario do pasado, das súas mandarinas e das historias de Marco Polo ou de Cunqueiro? 
A fantasía en estado puro e campestre deste can Rin, o polbo xigante, o galo de Antioquía...    

venres, 12 de maio de 2017

Carlos Casares. Os seus libros de LIX, no seu ano (IV)



Lolo anda en bicicleta, é outra obra de Carlos Casares. 
Publicada na colección Bambán de Galaxia & Editores asociados (unha agrupación  de seis editores: asturianos, bascos, cataláns, galegos e valencianos que traballan colectivamente para conseguir unha meirande difusión das obras dos seus creadores ao pertencer a culturas e linguas minorizadas, formando parte: Bromera, Elkar, La Galera, Librs del Pexe, Tádem e Galaxia) para lectores a partir de seis anos. 
Con magníficas ilustracións de Manuel Uhía, realizadas con acuarela. 
Conta a etapa de aprendizaxe de Lolo sobre a bicicleta. Os seus avances son tan impresionantes, que non queda máis remedio que admitir que as dificultades que lle pon seu pai o que fan é mellorar ese adestramento. El faino ás agachadas, coa bicicleta do seu pai que lle resulta moi pouco axeitada pois só conta con seis anos. Faino no garaxe entre trebellos e obstáculos varios, e cando xa non pode máis, sube ao muro e practica nesa liña no alto... ata que o descobren.
Todo remata ben, coma nun conto feliz. Os Reis vanlle traer a bicicleta e el prepáralles un estupendo almorzo aos pais.