martes, 4 de xullo de 2017

Libros que son novidade



Hilario e os tres medos. Xoán Babarro. Oqueleo. Obradoiro Santillana.
En primeira persoa, conta unha nena adoptada o seu día a día, os seus medos e como a vella veciña lle axuda a superalos, a través dunha tatuaxe que lle coloca no brazo para eliminarllos.
Tenlle medo aos médicos, aos compañeiros, a ela mesma... debido á diferenza de cor non é doado. Abeba, que semella comezar a historia defendéndose moi ben das burlas dos compañeiros, logo semella caer en todos os temores. 
Lola, a vella que vive na porta do lado do seu piso, ten un bastón con nome que lle vaticina o tempo. Ás veces perde a memoria, e case sempre hai que axudala, pero ela tamén bota unha man sempre que pode. 
A relación entre os avós e os netos (aínda que non o sexan de certo) é rica e intensa, ata o punto de que nos dá pena cando se evita. Esta nena, sálvase grazas ao apoio incondicional de Lola, que ademais a xungue coa súa cultura de orixe ao colocarlle o seu nome en árabe na tatuaxe. Diferenzas de etnia e de idade, momentos difíciles na vida das persoas nas que caen en dificultades moi doadas de superar noutros intres. Unha vella e unha nena, mulleres co coidado entre as mans.   

venres, 30 de xuño de 2017

Libros de María Canosa



A recén estreada premio Merlín,conta con moitos libros de literatura infantil; citamos un par deles.

A cazadora de estrelas. María Canosa, finalista do premio Merlín 2015 e 2016. Publicado por Xerais a colección Merlín.
Un narrador omnisciente conta a historia de Megumi, a cazadora de estrelas. 
Na noite, a cazadora sae montando no seu cabalo Terrón, levando as súas frechas (sempre cunha pluma lila), escollen a estrela e disparan de tal maneira que non a feren de morte senón que o fan nun lado e así, feridas caen e o cabalo axuda a buscalas no chan; recóllena e lévana ao seu cuarto, onde ao soltala situase no teito alí só pode ter un número máximo de 27 así que hai que ir cambiándoas e levando as outras ao Observatorio. Todo vai ven ata e un día, alguén que a odia lle tend unha trampa... e daquela a cazadora de estrelas ha de demostrar a súa escola de valores, o poder da amizade e a capacidade para continuar partindo de cero. 
María crea un mundo propio, de nenos e nenas cazadores de estrelas, a secas, con elementos do mundo real que se introducen: envexas, aproveitados que explotan as estrelas quitándolles o seu po a base de lastimalas e case matalas...  Un final feliz, en estilo Roald Dahl.
As ilustracións, sempre interesantes de Dani Padrón.
Del son tamén as lustracións de O que nunca che contaron, no que María escribe a dúas mans con Kike Gómez, unha serie de relatos plenos de orixinalidade quen  van desde "O mecánico de estrelas" (Que pasa se buscas un traballo e non che importa que teña horario nocturno? Que farías se tiveras a posibilidade de escribir no ceo? Que mensaxe enviarías? ata "O transformador de froias" (Un mago que crea froitas con mil posibilidades, coma as dos contos marabillosos), pasando por "O debuxante de horizontes" (Se tiveras nas alas toda as cores, que farías?), "O vendedor de ideas" (Ferguson, o home das ideas, non vía o que había senón o que podía haber e con toda esa creatividade ía inventando dende o lume ata a roda ... nun percorrido pola historia do home, pero o mellor do seu comercio era o que podía cobrar por cada idea que era, por exemplo, a pluma dunha á de pato), "A doadora de bolboretas" (Uns seres que apenas duran unhas semanas, igual poden sobrevivir facendo cóxegas) "A repartidora de onomatopeas" (Escoita, os sons están aí, e se o fas con atención poderás escoitar ata o ruído da Terra ao xirar). Como se partira dun binomio fantástico, as ideas van medrando con dose de creatividade e imaxinación. Imaxinación por milleiros. E bo facer nas imaxes, moi bo facer.





mércores, 28 de xuño de 2017

Eugenia Osterberger

Sempre botamos de menos certos materiais en galego.
Agora van aparecendo. Igual que o fan determinados materiais que nos poñen en comunicación con personalidades que ian desaparecendo nunha nube de invisibilidade. Cando se trata de mulleres esta néboa semella medrar.
De aí que deamos  benvida a este material de Ouvirmos, referido a Eugenia Osterberger (Santiago de Compostela 1852 - Niza 1932. Unha compositora galega que traballou a cabalo dos séculos XIX e XX contribuíndo de forma singular á creación dunha música galega académica de raíz popular, creando ducias composicións para piano solista así como cancións ou melodías galegas para voz e piano. Ademais, participou de forma activa na vida cultural e social da Coruña e Compostela, cun contacto moi estreito con Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, Canuto Berea ou Filomena Dato e foi académica correspondente da Real Academia Galega desde a súa fundación. Porén, hoxe en día é toda unha descoñecida, mesmo nos ámbitos estritamente musicais.
A publicación do libro-CD Eugenia Osterberger. A compositora galega da Belle Époque (1852-1932), que percorre a súa vida, analiza a súa obra e permite escoitar 15 das súas pezas de orixe máis popular, con Beatriz López Suevos ao piano e a voz de Susana de Lorenzo. Tamén participa no estudio Rosario Martínez.
Gústanos ler frases coma esta: "Eugenia Osterberger contribuíu de forma singular á creación dunha música galega de raíz popular. É a única compositora galega da Belle Epoque"
Máis información nos enlaces

luns, 26 de xuño de 2017

Novidades: libros infantís

 
Oqueleo é a colección de literatura infantil de Obradoiro.
E nela, desde a presentación, foron aparecendo unha serie de obras que debemos lembrar:
Nube de neve de Xabier P. Docampo con ilustracións de Xosé Cobas. Unha historia que se reedita con moi bo senso porque non poden desaparece;, non poden pasar de moda cando son boas. Esta nube de neve que un día de inverno garda Oria no conxelador, para poder facer nevar cando lle praza fala do tempo e da imaxinación. Con ditos e frases váiselle dicindo á nena que o tempo é o que é e con el non se xoga... que boa ensinanza, eh? e que boa historia... a que trata das ocorrencias da rapazada que pode gardar nubes na mochila. Cobas achega algunha marabillosa imaxe que fai que a literatura se reflicta pintura.
No mesmo tramo de +6,  identificado pola cor amarela, atopamos unha novidade moi agardada porque significa a volta dunha escritora moi querida, Gloria Sánchez.
A vaca dixo mua tráenos, de novo, o universo de Gloria. Agora é un pobo no que un malo (que sempre os hai en todas partes) escolle o día da festa para tocar a tuba con tanta forza que o aire que sae do instrumento fai voar e abanear as cousas dependendo do seu tamaño, pero o peor é que con el leva as vogais, e como se van a entender sen elas? Probade a facelo e veredes o difícil que resulta. Por iso, Eira, a rapaza que se entende con todos os seres da natureza irá a buscalas. Como as atopa é unha historia ben divertida que se debe ler. Hai rapazas heroínas que saen a arranxar os males, tal coma quixotes. As heroínas teñen esas cousas... as vacas as súas, e poden entenderse. Iso é o mellor! 
Ilustrado por Teresa Bellón


  

domingo, 25 de xuño de 2017

Libros de ciencia. Versión galega

Cen anos despois da publicación de Teoría da relatividade de Albert Einstein, publícase en galego, grazas ao Consello da Cultura, que ofrece a descarga gratuíta na súa web. Esta edición galega realizada por Patricia Buján Otero con revisión científica deJorge Mira, inclúe a obra revisada, a edición facsímil e dous estudos, de Jorge Mira (situando a obra no seu momento histórico) e  Francisco Díaz - Fierros (que dá conta da repercusión que tivo na cultura galega); ambas contextualizan esta obra no mundo científico e no eido galego. Máis información na web

martes, 20 de xuño de 2017

X Xornadas dos Clubs de Lectura

 
Unha festa da lectura, con todos os ingredientes.
Unha festa para mostrar que lectura é educación pero tamén cultura.
Unha festa na que se comeza con circo arredor da lectura, con teatro plástico e expresivo, cun marabilloso vestiarioe zancos enormes que nos guían no percorrido. Pista Catro en performance ou redireccionándonos.
Continúase cun xornalista, Óscar López, director e presentador do programa Página Dos para ensinarnos a realizar un programa sobre libros, acompañado de rapazas e rapaces dos clubs de lectura e da booktubers Violeta Moon, para que se poida escoller entre o traballo en equipo ou o individual.
Obradoiros de graffiti, petiscos poéticos, dramatización, dobraxe, de relato de misterio ou banda deseñada, de radio ou manga, de versos en pegatina ou contadas de medo, de dobraxe ou regueifas, de liteatura transmedia ou narración cinematoráfica. Encontros con autores e autoras para fala de literatura de viaxes ou estereotipos, de claves literariasou de como botarse a escribir.
Xantares saudables indo dun food truck a outro para escoller desde o polvo de toda a vida aos zume, os doces o as filloas, ensaladas ou churrsco... para todos os gustos e escollendo, cos nosos vales na man.
Qedadas "entre clubs" ou quedamos "para ler".
Conferencia de César Mallorquí para eloxiar a mala lieratura.
E festa de peche con Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre, unha verdadeira festa para escoitar, cantare bailar... que de todo houbo!
Quen da máis?  
Eran 10 anos de clubs en centros de secundaria para celebrar. Ben merecían unha festa!!!!!!!     

luns, 19 de xuño de 2017

Opinións que poden crear malentendidos

Pode ser cousa dos xornalistas que recollen frases descontextualizadas, ou poden ser outras as razóns, incluso a miña sensibilidade polo tema.
Queremos crer que non se trata de identificarse co moderno a secas, e moito menos deixarse levar pola demagoxia de defender aquilo que nos semella que pensan os máis novos e acusar a aqueles aos que os adolescentes lles toca enfrontarse por estar na idade que están, pode ser descoñecemento... pero a miña reacción responde a un certo cansazo, por escoitar en relación aos adultos e á escola, opinións que non recoñezo no profesorado co que trato: o das bibliotecas escolares de Galicia.
Di Care Santos que o problema dese momento crítico no que se perden lectores, coa chegada da adolescencia "ten moito que ver co adulto pesado e censor que se interpón entre o mozo e o libro", e defende os booktubers e redes sociais que recomendan e socializan. Todos e todas apoiamos as redes e booktubers, por algo as bibliotecas escolares galegas foron as primeiras que contaron con bitácora na rede, por algo Javier Celaya pasou por Galicia no principio dos tempos e comentou que ese día se dou conta de que había futuro para a industria do libro na rede. Pero, non podemos ler declaracións que acusan aos adultos da perda de lectores cando eses adultos son maioritariamente os que fan que eses adolescentes lean, pasen pola biblioteca, teñan os libros a man, lles entreguen recomendacións lectoras (que quen lles dera a algún que outro escritor coñecer...). Cómo se pode ser tan demagogo para pensar que a rapazada que le o fai por xeración instantánea, que nacen os lectores coma as setas... sen o apoio dunha serie de adultos que lles esperta o gusto pola lectura, que os acompaña mentres adquiren o hábito lector, que traballa con eles para que teñan a competencia lectora que precisan para amar a lectura e non fuxir dela?
Como se pode ser tan desagradecido e, sobre todo, como se pode xuzgar a todos por uns poucos que igual non recomendan o que a esa autora lle gustaría?
O dito, desculpas se alguén lle entendeu mal, pero antes de criticar o mal que se faga... hai que recoñecer o ben, porque se non fora por esas forzas brancas xa me gustaría saber quen lería e como.