mércores, 16 de decembro de 2020

Sobre literatura infantil (Teresa Colomer)

Teresa Colomer é a máxima autoridade neste campo; por iso, cando ela fai declaracións ao respecto, é cousa de lelas con moita atención.
Recollemos algunha delas extraída de El blog de Educación y TIC: 

A rapazada deben contar cunha literatura que se adapte á súa capacidade de lectura e á súa experiencia de vida. Hai algunhas obras que non se escribiron pensando neles e que en cambio sonlles accesibles e atractivas. Pero a maior parte do seu imaxinario artístico está formado polas obras que souberon situarse á súa altura e ver o mundo desde a perspectiva dos seus intereses, emocións e intelecto; obras que aproveitan tamén a súa capacidade de xogo ou a súa fascinación pola imaxe (...) Pero a boa literatura conta como son os humanos, non como deberían ser. Posúe inevitablemente unha perspectiva moral, pero non debería ter unha “ensinanza”, como non a teñen as boas obras para adultos. Dito isto, tamén hai que advertir que é certo que a literatura exerce unha función socializadora que pode aproveitarse para normalizar temas que están cheos de tabús e prexuízos sociais. De feito, os temas e valores da literatura infantil e xuvenil son un retrato sociolóxico excelente do modo en que a sociedade que os produce quere verse a si mesma.(...) En canto ao fomento da lectura, hai moita experiencia, investigación e prescrición sobre o tema. Algúns consellos xerais son: crear unha contorna poboada de obras, tanto fisicamente, como en lecturas en voz alta por parte do docente de maneira frecuente; outorgar tempo de lectura autónoma na aula; outorgar tempo de discusión de libros na aula; coñecer moi ben os libros que se van a recomendar aos nenos e nenas; asociar a lectura a actividades creativas, moi diversificadas e con sentido; levar a cabo actividades que reforcen a autoimaxe como lectores e lectoras, por exemplo xogos de evocación dos libros lidos; enlazar a lectura na aula coa lectura social, acudindo a bibliotecas, actuacións teatrais, etcétera; así como asociar ás familias no esforzo por facer evidente que a lectura ocupa un lugar imprescindible no mundo. (...) A literatura resulta o mellor instrumento que posuímos para adquirir moitas competencias. Para dominar a linguaxe e a lectura, para advertir como a linguaxe busca efectos no receptor ou como nos endosa implícitos que nos permiten valorar a linguaxe publicitaria, política, financeira, etc. Pero tamén porque o imaxinario literario edúcanos sentimentalmente. A súa potencia é tan enorme que todas as colectividades humanas a utilizon sempre en todas as culturas. (...) por edio das chamadas lecturas obrigatorias Os nosos estudos mostran que os bos lectores valóranas positivamente e os lectores débiles e os non lectores detéstanas. De feito, os segundos utilízanas para xustificar a súa falta de afección á lectura. Pero non parece que a lectura obrigatoria sexa realmente a causante diso. Na escola case todo resulta obrigatorio, desde dar pinchacarneiros en ximnasia a resolver problemas matemáticos. Creo que o tema debe situarse na forma en que se utiliza a obrigatoriedade. Nin sempre nin do todo: debes ler dez minutos na cama, pero eu fágoo contigo, debes ler unha obra pero elixes entre varias, etcétera.

luns, 14 de decembro de 2020

Os nosos libros nos catálogos internacionais


A colección de Libros para Xente Nova relacionados con Diversidade Funcional do IBBY conta cun novo libro galego na lista do 2021. Trátase de Iridium de Francisco Castro, que vai acompañar a Recinto gris de Ledicia Costa nesa entrou nesta prestixiosa lista en 2015.

Dende Galicia, dende GALIX, (aproveitando que outras seccions da OEPLI non remitían propostas), enviáronse o máximo que se nos permitía, seis (que cubrían as nosas e doutras linguas). Todos eses libros e iniciativas merecían ter sido acollidas, pensade por exemplo O veleiro verde de María Fumaça por citar unha delas, unha iniciativa que vai máis alá dun único libro, pero non tivemos sorte e teremos que seguir insistindo nos próximos anos.

xoves, 10 de decembro de 2020

Unha autora de LIX nos premios da Cultura Galega

Ledicia Costas é a escritora escollida para o Premio da Cultura Galega das Letras. Unha escritora de literatura infantil e xuvenil (por aí comezou e a maioría da súa obra pertence a este xénero), por iso a ledicia é maior.

A autora multipremiada

A nosa LIX acadou altas cotas de calidade e popularidade, ben merecen os nosos autores e autoras recoñecemento. Ben merece a rapazada que a tomen en serio tanto á hora de escibir como á de seleccionar o mellor para eles e elas. Ben merecen unha formaicón que lles axude a escoller obras de calidade e non o máis comercial que o mercado lles empeña en vender.

Estamos de noraboa!