sábado, 16 de xaneiro de 2021

Convocatoria de novo premio de Literatura Infantil

Acaba de ser convocado un novo premio de literatura infantil, o premio Alberte Quiñoi de Álbun Ilustrado. O premio conta coa colaboracion da Secretaría Xeral de Política Lingüística. 2000€ de dotación para un álbum cun tamaño entre 24 e 56 páxinas, que publicará Galaxia. Dísenos que o  premio, ten entre os seus obxectivos potenciar a literatura en galego, divulgar o legado de García Barros e fomentar a animación á lectura no ámbito da educación infantil.

Este premio unirase ao Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado e ao Lazarillo de Älbum Ilustrado ao que tamén se pode acceder dende o galego.  

A Estrada ten a gala ser un dos concellos galegos con maior convocatoria de premios, pois xa conta co García Barros de novela, o Avelina Valladares de poesía, o Varela Buxán de teatro, o Reimóndez Portela de xornalismo, o San Martiño de normalización lingüística e os premios de fotografía e curtametraxes do  festival de cine Panic 

xoves, 14 de xaneiro de 2021

EXTRA! EXTRA! EXTRA! Paco Nogueiras en estado puro


EXTRA!, o novo libro - cd de Paco Nogueiras con ilustracións de Marc Taeger. Tal como se di na presentación editorial, Paco converte as noticias en música e cancións. Ademais, continúa co seu empeño en cantar divertido e compartindo os valores que nos definen como sociedade: a igualdade, o medio ambiente, a paz... Os temas dispóñense como nun xornal con distintas seccións onde cada composición aborda diferentes noticias. Coa frescura á que nos ten acostumadas, cun estilo moi persoal, a súa conexión co público é directa, chamando á participación e ao baile colectivos.

Unha colección de cancións nas que ten o seu lugar a bicicleta, as super heroínas e super heroes, o eco...

Despois de «Radio Bulebule»  que resultou finalista dos VII Premios Martín Códax na categoría de Música Infantil e de «Brinca vai!»  que conseguiu o III Premio Martín Códax da Música – Infantil, aparece esta nova entrega. Como as outras, dará lugar espectáculos presenciais e virtuais cos que o compositor e intérprete percorre festivais, escenarios e escolas de todo o país.
Os videoclips, coa participación de familia e amizades, están dirixidos por José Miguel Sagüillo.

As ilustracións de Marc Taeger colocan a imaxe inconfundible de Paco Nogueiras (chapeu e lentes) como repartidor de xornais ou como lector e comentarista.  Un libro disco para divertirse, para traballar na aula e na biblioteca, para escoitar no coche mentres realizamos viaxes, para saír ao patio e facer unha coreografía, e tamén, por que non? para traballar na semana da prensa.

 

sábado, 9 de xaneiro de 2021

O cumpreanos de Balbino. Van alá 60 anos...

Ver las imágenes de origenResultado de imagen de meorias dun neno labrego + gALIPEDIA 

Antonte, 7 de xaneiro, realizouse un acto para conmemorar os 60 anos de Memorias dun neno labrego, que se cumpriran dous días antes. Esa primeira edición de 2000 exemplares, con ilustracións de Luís Seoane, sae en Bos Aires, na editora e distribuidora Follas Novas (do mesmo Neira Vilas e Anisia Miranda), sendo a quinta obra do seu catálogo. En Galicia, ía ser a primeira obra da editorial Rúa Nova de Lugo, que estaba a poñer en pé un discípulo de Alonso Montero, para iso pedíranlle as ilustracións a Isaac Díaz Pardo, pero a editora non chega a nacer e Isaac publícaa en Ediciós do Castro, pasando a constituírse na primeira obra de ficción desta editora. A primeira obra de ficción e a primeira xuvenil (ao ser asumida por este lectorado abrindo a outros a editora que chega a crear catro colección infantís). Unha novela que, na súa edición do Castro, dedica "A todos os nenos que falan galego". Era 1968, o mesmo ano no que Galaxia publica A galiña azul de Carlos Casares e saen, tamén, Os soños na gaiola en Celta de Lugo. Unha boa colleita! 

"35 edicións, cun total de 700.000 exemplares convértena na obra máis editada e vendida da literatura galega (Galaxia declara que está entre as 10 máis vendidas no 2020), así como a máis traducida (español, alemán, sueco, romanés, ucraíno, búlgaro, esperanto, checo, maia, ruso, braille...). “A novela galega máis popular da segunda metade do século XX", recollen os medios de comunicación. Unha obra incluída no canon que resulta ser un best seller (o primeiro da literatura galega) ou un longseller (en palabras de Iolanda Galanes).  A novela que acompañou a introdución da lingua galega no ensino da man do profesorado, ese exército militante ao que se referiu o presidente da RAG.