sábado, 7 de agosto de 2021

Un par de obras dunha editorial


A estraña visita de Gracia Iglesias e Vicente Cruz, traducido por Ana María Camiño López e publicado por Bululú. Unha historia rimada, acumulativa e repetitiva. A vella fiaba mentres agarda a visita todas as noites, sucede que unha nooite despois de que o moucho ouleou, o vento zoou, o raio escintilou, o trono retumbou, a chuvia caeu, a candea se apagou, a porta se desfechou aparece un home, pero non así, completo, se non que de cada vez van aparecen os pés, as pernas, a barriga, o torso, a cabeza... e ese home horrible deixa que a vella o convenza de que non a coma, limpao e alimentao con boa comida e a vida cambia ata o punto de que o muller vai recibir todas as noites unha visita moi amañadiña que leva na man un ramiño de flores. Unha historia dunha narradora oral que ten todos os seus recursos!

O oso Bomozo de María Isabel Correa e Santiago Luna, traducido por Maruxa Zahera e publicado por Bululú. Unha historia rimada na que vemos o que lle pasa cada día a este oso camareiro; el vai de accidente en episodio e incidente para rematar "Cada momento angustioso / ensinoulle algo valioso / sendo un pouco habilidoso / podes saír vitorioso". Nas gardas, ao lado das fotos, nun adro aparece "Ser gracioso, xeneroso, enxeñoso, valeroso, voluntarioso e amistoso pódete facer fabuloso". E iso, que non podemos desesperar porque con tanto adxectivo algo habemos de lograr!



xoves, 5 de agosto de 2021

Álbumes e máis álbumes

A boneca de cristal de Majo Villar con ilustracións de Antonio Seijas, publicado por Galaxia. A historia dun soprador de vidro que fai unha boneca para a súa filla de sete anos, na man da boneca unha burbulla a modo de globo. Alí a puxo, no alto dun andel porque é moi fráxil e non quere que rompa, mirándoa vai ir metendo no globo burbulla as ilusións, os desexos e as inquedanzas. Unha historia delicada cunhas ilustracións moi interesantes que beben na cultura máis actual. Para reflexionar sobre a delicadeza e a levidade, para caer na conta de que cada cousa debe ter o seu uso, para valorar os agasallos...

Ra de tres ollos con texto e imaxes de Olga de Dios, publicado por Apila Editora. O álbum está dedicado ás persoas que traballa para defender o planeta e diso vai a historia. Cabezolomedra e convértese na primeira ra de tres ollos. Ve moito lixo, a avoa cóntalle que antes non era así; o ceo está cuberto por unha nube negra e ela descobre que é de fume da contaminación; busca a orixe da nube e atopa a fábrica que non para de producir miles de obxectos que son consumidos excesivamente seguindo a consigna de usar e tirar. Vai ter que buscar unha solución e non dubidedes en que a vai atopar, porque todo se pode solucionar cando poñemos o empeño e o sentido común en xogo. Un libro que nos fará pensar no medio ambiente e no consumo.


martes, 3 de agosto de 2021

Como se di?

Como se di? de Lawrence Schimel e Thiago Lopes publicado na colección Verdemar de Alvarellos editora.   

Dise na presentación editorial: Os mesmos autores de Queres ler un libro comigo? tráenos agora esta nova proposta: Como se di?, un conto que convida a participar activamente aos nosos primeiros lectores e lectoras. "Se lle tes que pedir permiso ao rei para xogar no labirinto do seu castelo, como se di? E cando os avós che traen un agasallo da súa viaxe a Exipto, como se di? Un conto cheo de imaxes fantásticas e nas que expresións como «por favor» ou «grazas» son a chave para viaxar coa imaxinación." 

O primeiro que nos chama a atención é onde está situada a historia e quen e como son os personaxes. Estamos o trópico. O segundo que nos reclama é que se trata dunha unha familia monoparental (semella) cun pai a unha filla (non se fala de ningunha nai e quen aparece son os avós que os visitan despois dunha viaxe a Exipto). O terceiro son as varias referencias ao libro anterior destes mesmos autores: Queres ler un libro comigo?... de todas as maneiras posibles. A idea é xenial, a mellor forma de facerlles caer na conta de cando utilizar certas fórmulas que van máis alá da cortesía; a cada pregunta unha resposta. Os elementos que aparecen falan do pasado e do futuro, do real e do imaxinado e tamén, como non? aparece a sorpresa, porque... "E cando che leron o teu libro favorito, como se di? Como que "lemo de novo"? Vale. De acordo. Pero antes, co se di? 

Comezo e remate con esa nena na cama e ese pai léndolle un conto (xa sabedes cal). Un libro moi ben pensado, por parte duns autores que saben o que traen entre mans, e dun editor que sabe escoller que traducir e publicar.





 

 

Marusa e Mariña camiñan a Compostela de Iago López e Macus Romero, publicado por Xerais. Ilustracións gustosas de animais vestidos de peregrinos que andan facendo o camiño. Un problema: rachan as cordas do botafumeiro e mandn chamar a Mariña e Maroso (unha toupiña e un oso que son especialistas nestes materiais), mentres se preparan e van camiñando cara a Compostela van explicando todo o que necesitamos saber sobre esta ruta e a súa simboloxía; polo camiño atopan ao raposo recollendo lixo e iso vai servir para traballar o contido medio ambiental. Posiblemente responda ao Xacobeo e todo o que arredor del está a saír...

domingo, 1 de agosto de 2021

Poesía e nomes

Nomes é a última entrega de Xoán Carlos Domínguez Alberte que aparece cunhas ilustracións moi acaídas e que non aforran esforzos nin espazos (como igual debería ser nos libros de poesía) de Ana G. Buhigas. Está na colección Árbore de Galaxia e dirixidas a lectorado a partir de dez anos. O comezo da Portaleira: "Son dun país pequeno /cheo de nomes grandes" condúcenos aos versos finais: "Son dun país moi grande / cheo de nomes pequenos / pintados de verde". O país pode ser realmente pequeno ou grande pero ter ten moitos nomes, toponimia e microtoponimia que é unha riqueza a piques de perderse, coma a lingua na que se crearon. Porque somos herdeiros á forza (como xa se ten dito dende o propio título dun libro: Herdeiros pola forza de Gago e Ayán) o poeta fala de herdade con estas palabras: "Hai unha terra de cultivo / que nós chamamos herdade / dada dende o pasado / que herdamos dos familiares / e nela imos plantar / sementes que logo nacen." 

Na contracuberta, un poema de agasallo: "Nomes para coñecernos. / Nomes para soñares. / Nomes para vivirmos./ O noso mundo está cheo de Nomes. / Nomes para que non se perdan. / Nomes para non nos perder nós."

 

venres, 30 de xullo de 2021

De Helena Villar, un libro na colección Árbore

 

De Helena Villar, un libro na colección Árbore, a partir de oito anos. A fuga de Guillermo tráenos unha historia orixinal e moi ben contada.

Imaxinade o personaxe dunha historia que está nun libro e o libro na biblioteca dunha residencia de tempo libre. Un personaxe, que semella un paxe, porque estaba na historia "Guillermo o pelador de mazás", pero colle medo cando ve un rato que vai morder o libro así que fai un esforzo e sae, salta ao chan e xa é un neno que comeza a moverse polo local, que descobre o comedor e se pon á cola do autoservizo e alí ten un certo problema cunha camareira que pensa que lle toma o pelo cando el lle di a verdade: que seus pais seguen no libro, que el lle ten medo ao rato que anda pola biblioteca, que non está nunha habitación senón que vén do conto... Pero todo se amaña cando descobre a unha señora maior que está soa e tranquila almorzando, sen présa, e se fan amigos; unha relación que nace dunha maneira tan pura e tenra que merecería ser certa. Ela enténdeo, acompáñao, amáñalle a roupa para que non chame a atención e decide que o mellor que poden facer é ser neto e avoa. Que felicidade e que ben contada está esta historia, como se fora o resultado dunha relación así de limpa e respectuosa.

As ilustracións de Luz Beloso traen a maxia dese mundo que está nun tris de ser creado para que a vida funcione mellor, un pouco máis feliz aínda que a tristeza non desapareza de todo.

mércores, 28 de xullo de 2021

Vai de álbumes

Maxia de Julio Fernández Peláez con ilustracións de Francisco Oti Ríos é un álbum abstracto. Unha imaxes nas que non aparece ningunha figura senón que se xoga con cores e formas inconcretas. Un texto no que se fala de cando fan maxia, de cando hai maxia; de como aparece a maxia na natureza ou nas artes, nas cousas ou nos recordos, "cando un barco sae dunha praia ceho de esperanza e chega a outra praia coa esperanza enteira" ou cando despois de tempo sen vernos... nos damos un abrazo. Publicado por Ed. Invasoras.

sábado, 24 de xullo de 2021

Pequenos libros de grandes sinaturas e moi ben artellados


Álvaro ao seu aire é un deses libros que se deixa ler dende o primeiro momento, que che chama con esa imaxe de rapaz amable dende a cuberta, que gozas en cada capítulo. De Monserrat del Amo, traducido por Ana Fachal e con ilustracións de Mª Luísa Torcida, está publicado por Bruño na colección Altamar a partir de seis anos.. Todo axeitado ao que é, porque a historia e as ilustracións van ao seu aire, expresivas e con sentido porque o que conta ten interese e está ben tratado.

A autora na dedicatoria di: "Para ti... Abrir un libro é como saír ao recreo ou ir ao parque, porque entre as súas páxinas tamén te xuntas con outros nenos e nenas para xogar e divertirte. Neste libro espérate Álvaro, un rapaz moi especial que vai ao seu aire pola vida. Seguro que acabaredes sendo amigos." Certo! É imposible non facerse amigo de Álvaro.

Así o presenta: "É enxoito, moreno e xurdo; ten dous remuíños no pelo e chámase Álvaro. Toda a xente do barrio o coñece porque, ademais de ser falangueiro e simpático, ten un brazo algo máis curto que o outro, aínda que non moito, e unha man pequeniña, precisamente a dereita, que non pode mover igual que a outra". Xa está, Álvaro ten un problema, pero el vai pola vida como se iso non tivera valor, proba todo o que lle interesa e cando non pode facelo, déixao e vai a outra cousa; nada o acomplexa, pero moléstalle cando falan do seu braciño como unha "mágoa" (-Fixáscheste nese neno? -Si. -Que mágoa!) que, como el di: "Si,. Xa o sei. Teño unha "mágoa". Pero, que sorte!, nin me pica nin me doe nin nada." As veciñas do piso de abaixo quérenlle a morrer, están sempre pendentes del, dándolle avisos e grandes merendas pero sempre andan co da mágoa e tentando que agache o brazo para que non se vexa. Os pais non, eles enténdeno cando explica "ë que unha mágoa metida no peto non serve para nada, e ao aire, axúdalle á outra man".