luns, 7 de marzo de 2022

Un libro de coñecemento: Guía definitiva dos peixes de Galicia

 

Guía definitiva dos peixes da Galiza de Nacho Munilla (nos textos) e Pancho Lapeña (nas ilustracións), publicado grazas a unha manda de mecenas que responden a unha subscrición popular, editado por Soriano Ourensana de Libros (constituída polos seus autores, que confesan ter por obxectivo principal a produción de libros platónicos sobre aspectos diversos da Historia Natural). O libro é tan natural que declara: "Parte ningunha deste libro pode ser reproducida sen o consentimento escrito dos autores, cousa que eles adoitan dar". 

Comeza o libro co apartado "Á procura dos nomes dos peixes do mar" onde na súa pescuda atopan co traballo realizado hai tempo por Mª do Carme Ríos Panisse para a súa tese, realizada na década dos setenta. A continuación, unha introdución: "Esta guía que tes diante dos teus ollos describe 51 peixes dos mares da Galiza, dá conta dos seus múltiples nomes e recolle algúns dos ditos, contos e fantasías que eles protagonizan." A descrición de cada peixe (dous en cada páxina) está referida ás seguintes categorías: dimensións ou lonxitude en centímetros, dificultade de observación, hábitats principais e profundidade á que adoita atoparse; na páxina enfrontada ao texto atopamos unha ilustración coas dúas especies correspondentes representadas a escala e conformando un conxunto compositivo clásico. Esta desrición complétase cunha simboloxía.

sábado, 5 de marzo de 2022

Toupiciencia. A xanela do maxín

Toupiciencia. A xanela do maxín á unha miniserie audiovisual de divulgación científica en galego dirixida á infancia, con 8 episodios de 3 minutos de duración cada un. Neles, Toupiña e outros monicreques, descubrirán o mundo da ciencia a través de curiosidades sobre a astronomía, a física, a bioloxía, a química ou as matemáticas.

O proxecto conta coa colaboración de persoeiros do ámbito científico de Galicia, como Ángel Carracedo, Minia Manteiga, Elena Vázquez ou Jorge Mira, entre outros. No enlace poden verse todos os capítulos...


martes, 1 de marzo de 2022

Traducións...

A rosa falsa de Jacob Wegelius, está traducida por Moisés Barcia e publicada por Sushi Books. Unha historia das de antes, a pesar de estar escrita neste século, a pesar de estar contada en primeira persoa por unha gorila mariñeira... Digo, das de antes, porque así o mostran os debuxos en branco e negro que presentan aos personaxes nas primeiras páxinas ou os que introducen cada un dos capítulos, as cidades de Glasgow e Lisboa que aparecen a cor nas gardas e unha longa historia de xente que ama o mar e os barcos, que se move nas zonas portuarias, que se ve involucrada en negocios de mafias, de nenos orfos que son recollidos en institucións públicas... e todo isto arredor dun misterio que todos e todas axudaremos a desentrañar conforme avanzamos na lectura. Todo un enredo nos que a amizade e a lealdade teñen un papel fundamental, sexas home ou gorila. 

Filipo e Lelo. Un pícnic tranquilo de Adolfo Serra e Ester García, traducido por Isabel Soto para a editorial Luis Vives. Dous amigos: un porcoespín e un raposo, o primeiro aparece na porta do raposo cunha cesta de comida convidándoo a un xantar no campo, vaille costar traballo pero ao final decídese. Todo o que pasa, a continuación, ten relación co estado de ánimo diferente de cada un deles. Filipo vai atopar mil e un problemas, mentres Leo non ve o primeiro. 

Trátase dunha pequena serie que neste momento conta con dúas entregas, esta e Unha tarde de chuvia.