domingo, 10 de setembro de 2023

Aumentan os títulos da serie "Crías de animais"

 

Aumentan os títulos da colección "Crías de animais" cos títulos Asia. Quen son? e Terras Polares. Quen son? de Tándem Seceda (Chema Heras, Isabel Pelayo, Pilar Martínez e Xulio Gutiérrez) con Ester García nas imaxes.

O oso panda, o macaco xaponés, o dromedario, a raposa voadora, o tigre, o orangután, a cacatúa filipina por Asia. O maior continente do mundo, onde se atopan as montañas máis altas. os desertos máis áridos e as selvas máis impenetrables e onde viven a maioría dos seres humanos, tal como se conta na páxina final, pero tamén se di que a contaminación, a corta masiva dos bosques e a caza ilegal poñen en perigo a fauna... Descrición do animal, adiviña a respecto de algo que o caracteriza e unha mensaxe final relacionada co continente e a ecoloxía.

O oso polar, a morsa, o pingüín emperador, o reno, a foca de Groenlandia, o bufo nival e o raposo ártico. Do Polo Norte ou da Antártida, territorios áridos e xélidos, cos animais que viven en condicións moi duras protexéndose do frío. Teremos que protexelos porque están ameazados pola emerxencia climática.

luns, 4 de setembro de 2023

Un par de libros: un de poesía, outro de narrativa de Ir Indo

Debuxos con palabras de Maria Xosé Lamas semella feito por ela na súa totalidade. Preséntao como un libro para ler, pintar e aprender a ler poesía. Dirixida unha parte a primeiras lecturas (Garabatos para infantil, Bosquexos para 1º e 2º de Primaria e Deseños para 5º e 6º) É mestra e dá un estraño consello: "Ás veces, os mestres e mestras usamos libros da Biblioteca do cole para as nosas clases e fotocopiamos páxinas para que o alumnado traballe sobre elas. Pero eu aconséllovos que, se vos gusta, adquirades o libro para que sexa voso na súa totalidade e que poidades realizar con el moitas actividades"

Poemas con pictogramas, caligramas...

Un exemplo. A biblioteca do cole: No meu cole, a Biblioteca / é un espazo divertido; / nos recreos non se cabe / porque está moi concorrido. // Cando os profes nolo piden, / nela facemos traballos; / mais tamén lemos, sorrimos, / escribimos, debuxamos... // A parte que preferimos / é o recanto dos pequenos, / de mil cores, cheo de maxia, / onde nos sentimos nenos.// Ten tamén unha mascota, / á que lle chamamos Lela,/ que nos regala palabras / para traballar con elas.// É unha hamster moi sabida / que anuncia as actividades / a facer na biblioteca / un día tras outro día. //Oxalá en todas partes / tiveran, como nós temos, / un lugar acolledor / onde gozar do colexio.

Ás veces váiselle a man coas mensaxes como no poema "Abonda, xa!"

O libro de narrativa é Verdelina, a tartaruga viaxeira de Xosé Lois Ripalda, ilustrado por María Xosé Ripalda. Dela di o autor:" É unha homenaxe  á miña neta de tres anos, a única que teño, pero quixen honrar os avós porque malia que se fala moito deles, non se comenta que o máis importante é que teñan unha vida digna. Vexo unha sociedade na que a xente moza non se está a preparar para o acometido de coidar dos avós. Hai moito egoísmo. Todo é ‘eu, eu, eu’. Están a facer méritos para que no futuro os traten mal a eles. O libro fala dunha tartaruga vella que vive na terra e descobre que os seus antepasados habitaron no mar. Decide adentrarse nel para saber como era onde vivían e no seu percorrido vaise atopando con diferentes animais que a axudan. Trato de que sexa didáctico e teña moita acción para que os nenos se divirtan e aprendan, por exemplo, a fauna en galego. Vostede tamén ten escrito moito sobre etnografía." Unha tartaruga que vai na procura dos seus devanceiros no mar.

venres, 1 de setembro de 2023

Un novo título en Merlín Cómics

Incoloro. A profecía dos sangues de José Malvárez Carleos publicado na colección Merlín cómics de Xerais, preséntase así:"Os sangue vermello tomaron o control das terras de Aórtica e escravizaron os sangue verde. A única esperanza deste pobo é que se cumpra a profecía segundo a cal un sangue branco conseguirá liberalos. Mentres esperan, uns rebeldes buscan a maneira de atacar o castelo dos sangue vermello, sen moito éxito. Ata que unha descoñecida rapaza chega á aldea..."

Tres sangues, coma tres aneis. O sangue branco é o que pode liberar aos sangue verde dos sangue vermello. Unha nena que non lembra nada, case nin o seu nome; ela ten sangue branco, ese que o cura todo. A historia ten interese: unha redención pendente, "a esperada" necesaria para a liberación do pobo escravizado, un personaxe que semella que axuda pero traballa para o inimigo (o home da taberna como na filla de Ryan), en realidade un traidor (que antepón os intereses da súa familia aos do seu pobo), alguén que cre o papel de liberador pero é simplemente un mártir ao que traen ao sacrificio (como en Elipse de Ferrín)

O peor: esa manía de non facer unha historia clara (o que non quere dicir transparente) pero que se entenda o que aparece no volume... Semella que vai haber un "continuará", iso está ben, pero a presentación dos personaxes e o engadido da narración só pode ter interese para poder poñer o nome de transmedia que lle pasa a moitos cómics que resultan ser produtos de autor/a pero que non dan os pasos que os vai facer tamén do lector/a? Seguiremos afondando...


mércores, 30 de agosto de 2023

Ai, o plurilingüísmo en forma de conto rimado

 

Aí o temos, un conto sobre un caraguexo que vai aumentando o seu tesouro coa axuda doutros habitantes do mar: a ameixa, a vieira, o berberecho, o longueirón, a ostra, a zamburiña e o mexilón. Un texto (conto rimado) de Alba Rozas e José Manuel Dopazo con ilustracións (que ocupan todo o libro e conseguen bos resultados coa introdución do dixital) de Iago Torres e con tradución ao portugués de Bruno Ruíval e ao inglés de Inma Pérez Casal. O tesouro do caranguexo está publicado por Boadice.

luns, 28 de agosto de 2023

Asperger e premio

Acaban de publicar o premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil 2022, Teño un volcán dentro de María Canosa, ilustrado por Zaida Novoa.

O retrato dunha familia na que nace un rapaz con Asperger. O seguimento da súa vida e da relación coa familia e a escola, vista dende os ollos da irmá, uns anos máis vella. Vai contando, centrándose nos sentimentos, dende o momento no que o bebé lle agarra o dedo ata ese instante no que deben tomar distancias. Mi e Lu forman un tándem, no que ela asumiu o papel de coidadora, unha coidadora que non pode mostrarlle os afectos tal como os sente, que ha de estar atenta ás súas reaccións... que, a pesar de todo, de compartir habitación e tempo, non acaba de entendelo de todo.

Así se presenta: 

"Miguel observa o mundo con ollos comúns, pero ten unha mirada diferente. A súa cabeza procesa as cores, os números e a música dun xeito especial. Quen o rodea é consciente do extraordinario do seu interior.
Miguel sente que baixo o peito algo estoupa.
Ten un volcán dentro."

Así comeza (ou case):"Miguel pasou, nese mesmo momento, a converterse no centro do meu universo. Nacera, o meu irmán, transformando a nosa vida para sempre. E eu souben, desde ese primeiro momento, que era un ser singular e inigualable. Non respondía só ao feito de que fose o meu irmán, nin de que se tratase dun ser indefenso, nin de que producira en min sensacións ata o momento descoñecidas. Como predicía a claridade do cuarto, Miguel era un ser dotado de brillo. Un ser de luz. Un faro. Por iso me atrapou desde o inicio.  

 

 

xoves, 24 de agosto de 2023

NEE BARROS e o V premio Mª Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

 

Eu descubrín a Nee Barros nos vídeos de literatura galega que colgaba en Neumatiko. Un luxo, alguén adolescente contaba aos pares a historia da literatura, coas súas palabras, tal como a entendía e a divulgaba, algo marabilloso que nos facía lembrar a aquela xente do Seminario de Estudos Galegos estudando e divulgando.

Logo comezou a falar de obras particulares, foi dunha cousa a outra como algo natural. E rematou (por agora) falando de xénero e escribindo. Acabo de ler Nom estamos quebrades, publicado por Cuarto de inverno despois de ter recibido o V Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. Cóntase en primeira persoa o tempo dunha estudante de filoloxía, autista, e a súa busca de quen é: heterosexul, homosexual, bisexual, asexual ou...? Nesas estamos, en descubrir quen é e o que sente, como se relaciona cos demais nunha obra que profunda nesas interioridades que tamén son política e sociedade. Tal como se di na nota de prensa "en linguaxe non binaria e galego reintegrado, representa a a diversidade, a empatía na descrición da amizade e os conflitos e dúbidas que xorden nas relación sociais. Non faltan nela unha morea de referentes do panorama galego a nivel musical e literario". Carmen Fouces declara "Unha temática que sempre estivera aí pero invisibilizada. É preciso escoitar e aprender do que a xente moza ten que contar. Penso que a obra vai ser referencial para o universo xuvenil e un espello para moita xente. ” Nee afirma: "Procuro representar realidades que vivo ou presencio a diario e que non están representadas, falo de modelos de relación que non coñecemos tanto, persoas racializadas, autistas, busco normalizar o uso do pronome elu e do xénero neutro, o galego reintegrado, etc.”

Un libro valente, sen dúbida!

martes, 22 de agosto de 2023

Os libros das Letras

Aquí está Francisco Fernández del Riego. O legado silandeiro da man de Héctor Cajaraville. Este autor xa leva realizado as correspondentes aproximacións aos anteriores homenaxeados: Antonio Fraguas, Carvallo Calero e Delgado Gurriarán. Un verdadeiro experto nos ilustres.

Neste caso, faille fronte á figura de Fernández del Riego a través dunha biografía que vai salpicada de cartas que, en momentos determinados este lle escribe a diferentes persoas: Álvaro Cunqueiro, Valentín Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro, Antonio Fraguas e o propio autor. A continuación realiza unha cronoloxía recollendo a relación da biografía con cada un dos anos vividos e algún feito histórico de relevancia. Continúa cun listado de obra publicada nos diferentes xéneros: ensaio, narrativa, edicións, antoloxías e traducións. Recolle tamén os recoñecementos que recibiu don Paco e, para finalizar, a bibliografía utilizada tanto en papel como dixital.

O legado silandeiro é un bo título, porque del Riego foi un home silencioso que non se fixo ver a pesar de traballar moito e ben. Ademais dos seus estudos sobre o país, a literatura galega, os diferentes escritores e artistas, as cidades e provincias... hai que ter en conta as edicións de obras e as escolmas que divulgaron a obra dos escritores e tamén a narrativa de creación. Pero, ademais de estudoso, del Riego foi un home "de relación" que puxo a escribir a moitos autores que sen o seu apoio non o farían, axudou á publicación das súas obras... polo tanto fixo posible unha literatura máis rica. Creou as bases para posibilitala por medio da creación da editorial Galaxia e os estudos a través da revista Grial. Puxo en pé e mantivo a Fundación Penzol nesa Casa da Cultura Galega en Vigo onde el mesmo deixou os seus arquivos, biblioteca e colección de arte. Un home da literatura e do xornalismo, un pensador e activista galego a favor da identidade, un home de acción que fixo pola RAG en catro anos o que outros non conseguiran, un activista que levou a cabo o seu proxecto dentro do exilio interior. Un home de ben!