Debuxos con palabras de Maria Xosé Lamas semella feito por ela na súa totalidade. Preséntao como un libro para ler, pintar e aprender a ler poesía. Dirixida unha parte a primeiras lecturas (Garabatos para infantil, Bosquexos para 1º e 2º de Primaria e Deseños para 5º e 6º) É mestra e dá un estraño consello: "Ás veces, os mestres e mestras usamos libros da Biblioteca do cole para as nosas clases e fotocopiamos páxinas para que o alumnado traballe sobre elas. Pero eu aconséllovos que, se vos gusta, adquirades o libro para que sexa voso na súa totalidade e que poidades realizar con el moitas actividades"
Poemas con pictogramas, caligramas...
Un exemplo. A biblioteca do cole: No meu cole, a Biblioteca / é un espazo divertido; / nos recreos non se cabe / porque está moi concorrido. // Cando os profes nolo piden, / nela facemos traballos; / mais tamén lemos, sorrimos, / escribimos, debuxamos... // A parte que preferimos / é o recanto dos pequenos, / de mil cores, cheo de maxia, / onde nos sentimos nenos.// Ten tamén unha mascota, / á que lle chamamos Lela,/ que nos regala palabras / para traballar con elas.// É unha hamster moi sabida / que anuncia as actividades / a facer na biblioteca / un día tras outro día. //Oxalá en todas partes / tiveran, como nós temos, / un lugar acolledor / onde gozar do colexio.
Ás veces váiselle a man coas mensaxes como no poema "Abonda, xa!"
O libro de narrativa é Verdelina, a tartaruga viaxeira de Xosé Lois Ripalda, ilustrado por María Xosé Ripalda. Dela di o autor:" É unha homenaxe á miña neta de tres anos, a única que teño, pero quixen honrar os avós porque malia que se fala moito deles, non se comenta que o máis importante é que teñan unha vida digna. Vexo unha sociedade na que a xente moza non se está a preparar para o acometido de coidar dos avós. Hai moito egoísmo. Todo é ‘eu, eu, eu’. Están a facer méritos para que no futuro os traten mal a eles. O libro fala dunha tartaruga vella que vive na terra e descobre que os seus antepasados habitaron no mar. Decide adentrarse nel para saber como era onde vivían e no seu percorrido vaise atopando con diferentes animais que a axudan. Trato de que sexa didáctico e teña moita acción para que os nenos se divirtan e aprendan, por exemplo, a fauna en galego. Vostede tamén ten escrito moito sobre etnografía." Unha tartaruga que vai na procura dos seus devanceiros no mar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario