O IV Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético que publica Xerais, recaeu este ano en O caderno de rama de Ánxel con X. Unha historia ben interesante e moi ben contada.
Ilustracións claras, elipse bastante axustada e unha mensaxe que non deixa a ninguén indiferente. Así se presenta: "Por mor da guerra que asola a cidade, un rapaz queda orfo. Cando é trasladado ao orfanato, descobre que as únicas pertenzas que lle quedan (un caderno e uns lapis que lle regalara a súa nai) teñen poderes máxicos: todo o que debuxa vólvese realidade. Co poder da imaxinación e a axuda dos novos amigos que crea, tentará fuxir do orfanato e atravesar a cidade para volver á súa casa. Pero os temibles Homes Máscara, os soldados que están invadindo a cidade, non llo porán nada doado..."
Declarouse a guerra porque dous homes se incomodaron, o pai está condenado e defender a un deles no medio das batallas. A nai e o neno permanecen xuntos tentando que a vida continúe cos menos cambios pero as bombas caen sobre a casa e o neno (so) é levado con outros nenos e nenas a un orfanato. Na mochila o derradeiro agasallo da nai: caderno e cores que lle retiran ao entrar na institución (menos mal que gardou unhas cuartillas e ten o lapis no peto). Pola noite ponse a pintar, debuxa un boneco que se fai real e o acompaña. Xa son dous. Necesitan recuperar o resto do material, para iso, gastan a derradeira folla pintando unha ponla con gallas que lles abre a porta (xa son tres!), atopan o que buscan pero os Homes Máscara atópanos a eles; han de fuxir, para iso pintará un avión e sairán voando ata que aterran no medio da cidade sen atopar a súa casa. Para defenderse dos Homes Máscara (que xa están aí) debuxa un Monstro Verde que os defende. A rapazada que escapou do orfanato, aproveitando a fuxida deles, axúdalles; eles están refuxiados na tenda do barrio. Déixalles ao Monstro para que so defenda e fuxe coa pola e o osiño porque anda preto da casa, pero as bombas regresan; o ser de madeira é vítima dos guerreiros, o osiño quere alas para voar e parar as bombas mentres el regresa á casa, destruída; daquela durme, soña cos seus amigos e a nai, pintarán unha porta e fuxirán...
Unha historia triste, de guerra. Unha historia esperanzada sobre o poder da creación. E, sobre todo, unha historia que nos fala de como só nós poderemos salvarnos dos Homes Máscara.
Ningún comentario:
Publicar un comentario