mércores, 10 de abril de 2024

Lembrando... "A folla azul", Premio Merlín 2020

A folla azul de Andrea Maceiras conseguiu o premio Merlín 2020. Aparece agora nesta colección, ilustrado por Sonia García con predominio de verdes e marróns moi acordes coa historia.

Da presentación editorial: "A Amazonia é un mundo verde e único. Tamén é o fogar de moitas tribos indíxenas que viviron alí desde o inicio dos tempos. Algunhas delas manteñen relación coa civilización, mentres que outras decidiron permanecer voluntariamente ocultas no corazón da selva. A miña tribo é unha delas. Eu son Husu Aké, membro da tribo dos Tacaré, filla da Nai Terra e habitante do mundo verde. E esta é a miña historia."

Cando nace a nena, a avoa que é unha muller moi especial dáse conta de que ten o don. Ela perdérao cando tratara cos brancos. Prepáraa para o futura porque vai ter que axudr á tribo, vai desenvolver un pepel fundamental entre os Gardadores do Mato. Ensínalle moitas cousas, entre elas o portugués e a construción de ferramentas para cazar e pescar. O home branco só trae desgrazas, eles van buscando ouro e para iso queiman a selva, envelenan os ríos, deixando a nativos e animais ao borde do abismo. Cando chegan contaxianlle unha enfermidade para a que eles no están inmunizados, daquela a avoa dille a Husu Aké que vaia buscar o remedio tal como soñara. Farao porque ten o poder de entenderse cos animais, de comunicarse e eles vanlle axudar, pero o que lle agarda é un camiño de dificultades e sorpresas, de sacrificios e encontros co alén, pero conseguirá os seus propósitos. Desta maneira a selva, o mundo verde ten algunha posibilidade máis.

Unha historia da Amazonia. Un relato que bebe das fontes medio ambientais e indíxenas. Un premio! 

martes, 9 de abril de 2024

Series que veñen de lonxe (non por ser traducidas doutros idiomas senón por contar con moitas entregas)

Series que veñen de lonxe (non por ser traducidas doutros idiomas senón por contar con moitas entregas). Estoume a referir aos Megatoxos, esa saga de Anxo Fariña que parte dun premio Merlín Os Megatoxos e a chave da Atlántida e conta cos títulos Os Megatoxos e o aprendiz de druída, Os Megatoxos e a espada esmeralda, Os Megatoxos e os Templarios da Luz, Os Megatoxos e a cara oculta da Lúa, Os Megatoxos e o dragón de xade, Os Megatoxos e a batalla de Rande, Os Megatoxos e o RETO de Internet.

No seu empeño por defender o mundo e coidarse, neste caso, vanse ver implicados no medio dun videoxogo. Faísca, Lúa, Ninfa e Ruxe compartirán espazo cos xemelgos Exerie e Ezbel, con ese par de profesores que acostuman acompañalos nas sáus aventuras e con todos e todas nós  que os lemos. Texto e ilustracións de Anxo Fariña, un creador que permanece ao pé dun lectorado fiel. 

luns, 8 de abril de 2024

Un novo libro de An Alfaya: "O corazón das casas"

O corazón das casas de An Alfaya está ilustrado por Mario G. Alfaya e publicado na colección Árbore de Galaxia. Así se presenta: "Todas as casas teñen corazón e cada corazón agocha un segredo, sabíalo?Eli lembra a súa infancia cos seus pais, Marga e Telmo, que reformaban casas vellas, e vivían nelas mentres as reconstruían. Nunha delas, na casa da cerdeira, atopa un obxecto que a leva a descubrir a Mencía, unha misteriosa nena que se acanea nun bambán no xardín, cuxa presenza lle provoca sensacións que non é quen de entender. Os enigmáticos silencios do xardineiro Sebastián e a retranca da tendeira Candelaria provócanlle moitas preguntas e case ningunha resposta, mais a súa curiosidade é moita. Acompaña a Eli nesta emotiva viaxe por unha historia tecida cos fíos do real e do imaxinario, e descubre da súa man o talismán da amizade."

Esta é unha desas novela infantís da autora que eu sempre recomendo porque son realistas pero ao tempo introduce un elemento fantástico que coloca o misterio, pero sen perder de vista a realidade, algo que tan ben fixera Xosé Miranda en A nena pálida. 

Historia contada dende a voz da filla. Pais construtores convertidos en empresa por situación de crise; unha idea luminosa que os leva a moverse por diferentes localidades e habitar diversas vivendas, pero a da cerdeira vai ser a que deixe unha forte impronta na nena. Esa cerdeira na que ve columpiarse unha nena da súa idade cando abre a caixa de música, e un misterio para resolver. De novo, a relación entre os maiores e as pequenas é algo a ter moi en conta, os dous vellos (tendeira e xardiñeiro) que viven sos e a rapaza que é quen de tecer fíos con eles. E unha verdade total: que casa non ten o seu corazón? que casa non garda nalgún sitio a súa esencia, iso que vai pasando duns a outras ao longo da súa existencia e que fai posible que as recoñezamos e nela a quen alí viviu?   

domingo, 7 de abril de 2024

Un premio Meiga Moira para unha obra de teatro

No ano 2006 resultara finalista do II Premio Meiga Moira de literatura infantil e xuvenil Carlos Labraña  por Os sons da buguina.

Agora, no 2022, Ánxela Gracián recibe o X Premio Meiga Moira por Donas de nós, unha obra de teatro que publica Baía nesta colección, na que se ve acompañada pola finalista citada, Tres mulleres do seu tempo de Heidi Kühn - Bode e Valentino Rufini e Akil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can) de Roberto Salgueiro.

Donas de nós. Traxicomedia en tres actos e un happy end para un conto de fadas é unha historia que reolle a tradición do ciclo de Bretaña (os personaxes de Morgana e Merlín), algúns do camiño de Santiago e o medievo (Mendiña, Criado, Camarlengo), un saído directamente dos contos de fadas (Príncipe azul) e outros que recollen a idiosincrasia dos países e os seus reinos (Reis do Norte e Reis Provenzais). Estes últimos son, para o meu gusto, un dos acertos da obra, esas diferenzas culturais e xeitos de actuar duns e outros que producen comicidade. O título avanza a historia, o valor das mulleres e a necesidade dun cambio que deixe atrás os estereotipos tradicionais, a pasividade, rachando co que se agarda delas, cos valores que semellaban eternos. Unha xograresa decide non ser princesa, non casar co príncipe azul que daquela debe facelo con Mademoiselle Xuxú, unha rica princesa medieval. Van ter que facelo entre eles agora que as clases populares aeron na conta de que non vale a pena andar nesas liadas... pena que non caian noutros acertos que poderían cambiar a vida social, máis alá da persoal.    

O xurado valorou na obra:
A súa proposta de revisión e reescrita da mellor tradición literaria ao incorporar como protagonistas personaxes como o mago Merlín, a fada Morgana, o Príncipe Azul ou os Reis Provenzais, creando un artefacto dramático metaliteraturizado non exento de humor e ironía, onde se visitan e actualizan temas importantes do noso tempo e de
todo tempo dando unha ollada claramente identificada e feminista

Nós, valoramos, tamén e moito, a decisión da autora de adoptar o texto teatral, por primeira vez nas súas obras.

sábado, 6 de abril de 2024

Familias diversas. Un novo álbum

Agradecemos os novos libros nos que se recolle a realidade doutras familias que non responden ao estereotipo tradicional, porque normalizan situacións. Este é un deles, Faro e o seu día importante de Alfredo Blanco Martínez e Ana Santiso, publicado por Galaxia. 

O día importante é aquel no que o neno debe falar en público. A vez anterior non foi quen de facelo (alguén se reu del e quedou mudo) por iso agora todos lle axudan a conseguilo, con apertas superpoderes, prestándolle os seus talismáns. Vaise axudar de carteis para falar del e da súa familia. Un aplauso e o silencio posterior recíbeno e comeza. Seus pais, Alberte e Alexandre, fóronos buscar a el aa seu irmán Ero a unha cidade afastada, cando chegaron á casa atoparon tres gatiños... e así vai contando e presentanndo a cada membro da familia, así sabemos que Ero ten un implante coclear para poder escoitalo todo ou que el ten ese nome que significa luz porque seus pais namoráronse fronte á illa de Faro. Mentres el fala, os compañeiros van intervindo e entrando na historia, tal e como fai sempre a rapazada. De pronto, na última folla descubrimos que foi un soño e aínda está por vivir ese día, nós tamén agardamos (coma Faro) que sexa perfecto. Ben o merece!

Por parte da ilustradora, unha serie de caras sen definición semellan achegar ese anonimato dos lugares que compartimos.

mércores, 3 de abril de 2024

Dous álbumes de Galaxia: a continuación dun novo formato

Os dez animais de Antón Cortizas Amado con ilustracións de Lidia Nokonoko está publicado na editorial Galaxia, xustamente na colección de álbum ilustrado de pastas blandas. As ilustracións son fantásticas, tal como nos ten acostumadas esta creadora, un luxo! Os textos, son unha enumeración de animais: un galo, dúas vacas, tres cabalos, catro ovellas, cinco cans, seis cabras, sete gatos, oito porcos, nove gansos e dez abellas; todos eles presentados a base de pareados e cunha historia que se entende ao final cando todo adquire sentido. Así se reume na contracuberta: "Cantos dedos tes nas mans? / Cóntaos ben e saberás./ E como é mellor contalos? / Coa axuda duns animais / que de camiño que os contas / un conto che contarán; / mais ten coidadiño ao final...

Quedades avisados!

O outro álbum é Lagarta, lagarta! de Elvira Riveiro ilustrado por Sofía Venzell. Anunciase así: "LECTURA ANVERSO/REVESO. A través dunhas impactantes imaxes, poderedes ler esta obra dende o principio ou o final, onde a cativada entrará nun xogo poético, cheo de significado. Unha proposta necesaria que, a través do talento de Elvira Ribeiro e Sofía Venzel, fai valer a voz e a liberdade feminina".

Unha fórmula que xa tiñamos atopado en obras como O robot que tiña medo dos nenos / O neno que tiña medo dos robots e algunha outra obra, e que acada sentido cando acae. Unha moza e unha lagarta. Hai quen lles chama lagarta a cada unha delas. Elas acaban preguntando "Lagarta?" para contestar "Noooon!:Lagarta, lagarta!" E dino a un tempo, elas, as bichas pouco mandadas. Xogando con poucas cores, a ilustradora fai un traballo ben interesante dende as cubertas, as gardas e todas as ilustracións cogando co verde, o negro e o amarelo.

martes, 2 de abril de 2024

Un par de libros divulgativos que fan serie

"As descubertas de Súper Mi", presenta, na actualidade dous títulos en galego aínda que a tradución asusta un pouco. Vexamos o texto que aparece na contraportada: "Chámome Minúsculo e, aínda que non vos son moi grande, o mundo que nos envolta non ten nin un segredo do que eu non saiba. Transfórmome en Super Mi para partir descubrilo"

Autorías: Cee Cee Mia do texto, Julie Lacomte das ilustracións e Bruno Martínez Pita da tradución; están publicados pola editorial Embora.

Os seus títulos Descubramos o corpo e Descubramos o océano, sempre guiados polo neno e axudado por unhas ilustracións moi claras que colaboran, e non pouco, coa explicación e comprensión dos contidos.