mércores, 6 de maio de 2020

Un clásico que chega dende Italia

Era dúas veces o barón Lamberto de Gianni Rodari publicado por Kalandraka na colección 7 leguas, en tradución de Isabel Soto e con ilustracións de Javier Zabala
Diversión e comicidade agardando detrás de cada porta, creatividade e imaxinación a alto nivel. Cando comezas cun disparate, e non queres baixar dese banzo, toca continualo, engadindo cada vez máis loucura, máis humor e, tamén, entrega para que a intelixencia do autor continúe manténdote na trama. 
Léxico e diálogos chispeantes, incoherencia e pouca lóxica ao servizo da diversión do gracioso e ameno, do absurdo e o nonsense... convidándonos a continuar neste xogo do que non queremos saír. 
Silvana Sola di que as ilustracións son irónicas e sutís, tal como o relato de Rodari, lunático e surrealista, antigo e marabillosamente contemporáneo. No estilo propio deste artista ("con trazos irregulares e bosquexados, escenas abertas á fantasía e cun certo simbolismo", segundo a presentación editorial) tan natural como a prosa do autor.
Non todo son risas. Entre gargallada e gargallada atopamos a ansia pola eterna xuventude, os intereses espurios, a maldade en grao sumo, os diferentes intereses que nos fan relativizar a realidade, o sensacionalismo dos medios de comunicación.
Unha interesante homenaxe ao autor, no ano no que estamos a celebrar o centenario do seu nacemento.
E tomemos nota "Non todos quedarán satisfeitos coa conclusión da historia. (...) Porén, isto ten bo remedio. Cada lector descontento co final pode modificalo a vontade, engadíndolle ao libro un capítulo ou dous. Ou mesmo trece. Endexamais hai que deixarse espantar pola palabra."
Non se pode dicir máis claro que podemos transformar a realidade, que somos seres con capacidade para cambiar o mundo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario