Víctor Rivas, o recoñecido ilustrador de Escarlativa e Esmeraldina, Os arquivos secretos de Escarlatina, Vampira de biblioteca, O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, Dez gatiñas viaxeiras, Quokka Moka e tantos outros en diferentes idiomas... Si, el, tráenos un libro, enteiramente seu, destinado a lectorado experto e familiar. Trátase de Anacos de vida, anacos daquela vida que el lembra de cando era pequeno e pasaba temporadas na aldea á que agora volve, pasados os anos.
Tres prólogos que achegan luz aos tempos e á obra de Rivas: "Tempo que foi para nós sermos" de Ana de Vilatuxe, de onde recollo: "Anacos de vida amósanos realidades que moitas de nós vivimos ou das que oímos falar. Do mesmo xeito que Memorias dun neno labrego foi para min e para moitas de nós un espello onde nos vimos reflectidas, estas historias contadas polas ancestras adquirirán igual significado no presente e nun futuro distante". "A arte útil" de Joám J. Romero-Porto Durán que di: "En Anacos de vida Víctor ilústranos sinteticamente sobre aspectos da nosa cultura popular que dificilmente poden ser evocados con tal nivel de aproximación de forma escrita. É a clase de arte que este vello País necesita." En "Un cosmos a pé de rúa (o futuro entre leiras)", David Rubín escribe "Para contar como Víctor conta os anacos de vida que compoñen esta obra, precísase sobre todo observar, desfrutar, recordar e experimentar a vida e as vidas que nos rodean, a partir das cales construímos nós a nosa, como sistemas solares dentro de galaxias".
Unha obra dividida en apartados como Mulleres (elas, as empodeiradas que tanto sulfatan como conducen a Vespa, evidencian aos vagos; bailan descalzas sobre o herba ou enchoupan os pés no regato sentíndose felices, mulleres que gustan de mollarse baixo a chuvia, mulleres lectoras que aproveitan calquera momento para facelo, lavandeiras, meigas pasándose os coñecementos de xeración en xeración), Homes (que non saen tan ben parados), Lendas, Amores (de todos tipos e cores, porque a liberdade e falta de prexuízos é unha das marcas deste traballo) e Xentes. Todos eles, tratados con respecto e uns granciños de crítica, ao modo de Castelao. Nesas liñas limpas hai diso e dá gusto saborealo. Na esquerda das láminas, pequenos textos (ás veces rimados) colaboran no significado, achegan a visión do país, da muller, do amor... deste artista que sempre nos trae calidade nunha mirada propia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario