Amosando publicacións coa etiqueta Libro de imaxes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Libro de imaxes. Amosar todas as publicacións

sábado, 12 de marzo de 2022

Anacos de vida de Víctor Rivas, recuperando un pasado rural

Víctor Rivas, o recoñecido ilustrador de Escarlativa e Esmeraldina, Os arquivos secretos de Escarlatina, Vampira de biblioteca, O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, Dez gatiñas viaxeiras, Quokka Moka e tantos outros en diferentes idiomas... Si, el, tráenos un libro, enteiramente seu, destinado a lectorado experto e familiar.  Trátase de Anacos de vida, anacos daquela vida que el lembra de cando era pequeno e pasaba temporadas na aldea á que agora volve, pasados os anos.

Tres prólogos que achegan luz aos tempos e á obra de Rivas: "Tempo que foi para nós sermos" de Ana de Vilatuxe, de onde recollo: "Anacos de vida amósanos realidades que moitas de nós vivimos ou das que oímos falar. Do mesmo xeito que Memorias dun neno labrego foi para min e para moitas de nós un espello onde nos vimos reflectidas, estas historias contadas polas ancestras adquirirán igual significado no presente e nun futuro distante". "A arte útil" de Joám J. Romero-Porto Durán que di: "En Anacos de vida Víctor ilústranos sinteticamente sobre aspectos da nosa cultura popular que dificilmente poden ser evocados con tal nivel de aproximación de forma escrita. É a clase de arte que este vello País necesita." En "Un cosmos a pé de rúa (o futuro entre leiras)", David Rubín escribe "Para contar como Víctor conta os anacos de vida que compoñen esta obra, precísase sobre todo observar, desfrutar, recordar e experimentar a vida e as vidas que nos rodean, a partir das cales construímos nós a nosa, como sistemas solares dentro de galaxias". 

Unha obra dividida en apartados como Mulleres (elas, as empodeiradas que tanto sulfatan como conducen a Vespa, evidencian aos vagos; bailan descalzas sobre o herba ou enchoupan os pés no regato sentíndose felices, mulleres que gustan de mollarse baixo a chuvia, mulleres lectoras que aproveitan calquera momento para facelo, lavandeiras, meigas pasándose os coñecementos de xeración en xeración), Homes (que non saen tan ben parados), Lendas, Amores (de todos tipos e cores, porque a liberdade e falta de prexuízos é unha das marcas deste traballo) e Xentes. Todos eles, tratados con respecto e uns granciños de crítica, ao modo de Castelao. Nesas liñas limpas hai diso e dá gusto saborealo. Na esquerda das láminas, pequenos textos (ás veces rimados) colaboran no significado, achegan a visión do país, da muller, do amor... deste artista que sempre nos trae calidade nunha mirada propia.