Pan con chocolate. A merenda de Gianni de Paula Carballeira con ilustracións de Xiana Teimoy.
Tal como se di na presentación, este libro non conta unha historia senón moitas, a de Gianni Rodari abre a porta a moitas outras que xorden da creatividade de Paula. Está dedicado a todos os seus mestres da fantasía. Trata da defensa da lectura, porque cando lemos non sentimos a soidade, para vivir nos libros e na memoria, para que tanto quen escribe como quen le viva moitas vidas.
A imaxinación da autora no ten límites, pode utilizar o binomio fantástico para crear pequenas historias con pan e chocolate, de forma que eles sexan os protagonistas, pero tamén pode contar esa historia na que choven cans e gatos ou pode explicarnos que lle gusta ou non aos gatos en relación á chuvia, ou falarnos das súas sete vidas, e todo porque Gianni tiña un gato que seu pai recolleu unha noite de chuvia.
Unha ollada feminista e medio ambiental sobre cada unha das historias. A defensa do tren, das fábulas ou do oficio de ensinante. E así vai pasando por todos os oficios de Rodari (tamén xornalista) e todos os feitos que lle supuxeron algo importante na súa vida (como a guerra) e ata para despedirse, facelo cunha por cada día da semana.
Un xogo creativo de variados textos arredor Rodari, tal como el agradecería.
Ás veces chega a ti un libro que non é novidade pero que non coñecías e decides recollelo. Pasou con O medo de Mo, unha bruxiña pequena e bondadosa que ten medo dos nenos e nenos/as que teñen medo das bruxas. O típico asunto dos medos por descoñecemento, eses medos que se dilúen cando a xente se coñece. O mellor é que Mo vive nunha cunquiña na que a mantén gardada a súa amiga Violeta; con ela pérdelle o medo ao resto das bruxas grandes e malas, e acabará perdéndollo tamén á rapazada, cando a leva á escola e consegue que todos rían e ela máis ca ninguén. Cando se realice unha guía de emocións teremos que telo en conta... O medo de Mo de Neira Cruz con ilustracións de Sara Rojo Pérez
Ningún comentario:
Publicar un comentario